No ano 2019 o Festival de Pardiñas, un dos máis veteranos do país, facía corenta anos. Para celebralo organizouse o Pardiñazo, un gran concerto a medio camiño entre o musical e a xuntanza de vellas amizades que, durante tres horas de música e baile, homenaxeou as "persoas humildes que fan cousas extraordinarias". É a definición que Xurxo Souto, director artístico daquel evento e "empardiñado" confeso, dedicou á asociación cultural Xermolos, organizadora do festival da man do seu gran impulsor, o crego Alfonso Blanco Torrado.
O Pardiñazo tivo un aquel de apoteose. Mocidade festivaleira xunto a un bo volume de xente ben veterana que lembraba os inicios do festival. Grupos de mozas e mozos chegados para ver os concertos do día xunto con veciñanza da vila de Guitiriz que instalaran as súas cadeiras encartables en primeira fila para non perder detalle. E polo medio, coma sempre en Pardiñas, non poucos rostros coñecidos da cultura e das artes galegas.
Ninguén sabía aquela noite de 2019 que habería que agardar tres anos para volver ao torreiro da festa ao carón do vello balneario, fronte á humilde capela de Santo Domingo. Chegou a COVID e freouno todo, tamén o Festival de Pardiñas tivo que adaptarse. Pero non parar. "Concibimos a cultura como unha ferramenta contra pandemias como a da desigualdade, por iso ante o coronavirus tampouco podemos baixar as forzas", afirmaba Alfonso Blanco en 2020 para explicar como se ía adaptar ás circunstancias a Feira e Festa da Música e da Arte: cun formato expansivo.
O veterano festival impulsado pola Asociación Cultural Xermolos regresa estes 6 e 7 de agosto ao seu histórico torreiro. Comando Curuxás, Ruxe Ruxe ou Carapaus, entre as bandas e artistas que desta volta responden á chamada de "vinde merendar a Pardiñas!"
Nese 2020 e tamén en 2021, o Festival de Pardiñas espallouse para resistir con concertos, presentacións ou mostras de libros e instrumentos musicais durante varias fins de semana de agosto por Guitiriz e a súa contorna. E así chegou este 2022, cando volve ecoar o berro co que disque comezou todo hai máis de catro décadas: "Vinde merendar a Pardiñas!".
Xermolos xa ten todo listo para que estes 6 e 7 de agosto Pardiñas volva a Pardiñas. Na previa, este venres 5, o oitavo certame de cantos de taberna organizado ao abeiro do festival quecerá o ambiente por unha ducia de bares de Guitiriz. O sábado, día 6, comeza en sentido estrito o programa plasmado no tradicional cartaz branco e negro de Pardiñas: o aberto de billarda (16h) dá paso ás inauguracións da XLIII Mostra de Artesanía e á XXIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e á carreira popular. Xirifeiros (18h) abren o menú musical que xa pola noite vira en festa cos concertos de Comando Curuxás, os escoceses Fourth Moon, os madrileños No Reply e mais Ruxe Ruxe.
O domingo, día 7, día por excelencia para ir merendar a Pardiñas, a música comeza pola hora da sesión vermú (13h30) e continúa pola tarde no espectáculo infantil e Abracadáver e mais coas pandeireteiras Ultreia. O escritor Séchu Sende será o encargado de pregoar a festa ás 19h, antes da entrega dos premios infantís e xuvenís do Certame Terra Chá. Xa pola noite, máis música con Carapaus, Xabi Aburruzaga, Tandub e fin de festa cos Festicultores nun cuadraxésimo terceiro Festival de Pardiñas ilustrado no seu cartaz artístico por Cristian F. Caruncho mediante un deseño que capta a esencia interxeracional do festival (e no que, cun pouco de atención, atoparemos ao propio Alfonso Blanco Torrado gozando da festa).