Xa pasou un cuarto de século dende que Ruxe Ruxe botou a andar como grupo de rock. Van alá vinte e cinco anos e a banda xa se reivindica como a máis veterana de Santiago e tamén como unha das que atesoura unha traxectoria musical máis dilatada en toda a escena galega.
Tras case vinte discos, as músicas e os clips de Ruxe Ruxe son xa un universo de seu. Un universo que non está completo sen as imaxes que os acompañan dende o comezo, dende o propio logotipo do grupo ata camisolas, ilustracións, animacións, revistas, pezas de artesanía e mesmo tatuaxes. Son, ao cabo, vinte e cinco anos de universo gráfico que agora se resumen nunha exposición na Zona C de Compostela. Velaquí dez fitos para non perder nada da mostra, inaugurada este mes de agosto e que estará aberta ata finais de setembro
Arinspunk
Os Ruxe Ruxe son de Santiago, pero son sobre todo de Aríns. Arinspunk é marca por tras do deseñador Xulio Cé, que tamén traballa para outras bandas como Terbutalina ou Tanxugueiras. Os seus collages son o seu sinal de identidade, pezas artesás como a que ilustra o disco máis recente de Ruxe Ruxe, O estraño falar dun mostro da aldea (2020).
Miguel Duarte
Foi guitarrista do grupo e no mundo da música exerce como músico, mais tamén como deseñador. Graduado na EASD Mestre Mateo, foi autor de moitos carteis, obxectos e videocreacións promocionais do grupo. Tamén traballou para as Tanxugueiras, Nao ou Sumrrá.
Grupo Revisión
É o grupo que formaron en 1985 Pepe Barro, Lía Santana e Xosé Salgado e que virou en referente do deseño gráfico do país e o seu traballo está por tras de proxectos gráficos tan salientables como A Nosa Terra, o histórico e breve Diario de Galicia ou a primeira imaxe corporativa de Turgalicia. A caixa de ovos de Pazo de Vilane ou a camisola da selección galega de fútbol foron tamén obras de membros deste grupo, de cuxas creacións saíron varias capas de discos dos Ruxe Ruxe.
Pachu M. Torres
O ilustrador deixou para a posteridade diversos deseños para os Ruxe Ruxe, mais a súa proxección é internacional. Múltiples revistas e xornais contan coas súas ilustracións.
Ramón Díaz Raio
Quen coñecese as camisolas Caramuxo coñece tamén o traballo de Ramón Díaz, o mesmo que decorou múltiples proxectos musicais galegos. Ruxe Ruxe, O Sonoro Maxín ou o festival Revenidas son algúns dos proxectos e iniciativas que contaron co seu traballo gráfico.
Laura Romero
Laura Romero é a baixista de Zënzar e tamén debuxante e ilustradora autora do proxecto Músicas galegas ilustradas. Coa vontade de reivindicar a presenza feminina na escena, leva retratadas xa a máis de 200 artistas.
Carlos Azagra
O cartelista e debuxante de banda deseñada Carlos Azagra traballou máis de tres décadas para El Jueves. Nos seus cadriños foi posible atopar, en máis dunha ocasión, o recoñecible logo dos Ruxe Ruxe.
Diego Pérez
É ilustrador e animador. Converteu os Ruxe Ruxe en deseños animados, xuntándoos con personaxes "tan inconexos" como Rosalía de Castro ou Donald Trump. Foi tamén ilustrador e animador da curta dirixida por Ramón Díaz para ser parte do proxecto do disco Un mundo perfecto.
O Dodge Charger
Un coche dos que xa non hai. Data de 1969, foi deseñado para correr na NASCAR e é propiedade dun amigo da banda. Loce o logo do grupo e foi protagonista do tema homónimo dos Ruxe, dirixido por Alberto Lora.
Outras pezas para ver polo miúdo
Portadas de discos, fotomontaxes, camisolas e, como non, o logotipo deseñado por Javier Iglesias