Nas últimas semanas presentaron novos traballos Ruxe-Ruxe, Zënzar e Machina. Dende Aríns e Cerceda, levan anos (25 no caso de Zënzar) facendo ruído por toda Galicia, con letras e guitarras afiadas, antes e despois do bravú, antes e despois do indie. Falamos con eles das súas traxectorias, dos seus últimos discos e do futuro.
O pasado 31 de marzo os Ruxe-Ruxe encheron a Sala Capitol na presentación
Ruxe-Ruxe leva 16 anos en activo, aínda que non publicaron o seu primeiro álbum até 1999. Dende entón un total de oito discos, cunha regularidade matemática de dous anos entre traballo e traballo, que os levou até o seu máis recente Máis Cancións sobre Toxos, Cardos e Silveiras. E é iso, tan simple coma o rock, coma o punk que sempre fixo a banda liderada por Vituco Neira, canción potentes aderezadas con ventos e algo de gaita (deles díxose que eran a derradeira banda bravú), e desta vez coas colaboracións de Roi Quempallou e Dios ke te crew. O pasado 31 de marzo encheron a Sala Capitol na presentación, e neste momento continúan xirándoo por toda Galicia.
Machina presentou o seu novo traballo, Ensaio sobre o silencio, hai un par de semanas en Cerceda, coa colaboración dalgúns dos artistas que colaboraron na gravación do álbum. Un disco que se pecha dicindo “rompe o silencio co que te estás a afogar” e que sucede a Postbravú. Recuncan no son metaleiro de traballos anteriores, pero fan apostas, arriscan, mesmo coa inclusión dunha balada. A Machina custoulle arrincar; foron anos de ensaiar e tocar en directo até a gravación dos seus primeiros temas. Dende entón convertéronse nunha das referencias do metal en Galicia.
Zënzar presentará o seu novo disco o 5 de maio na Sala Josfer de Mesón do Bento
Zënzar é un dos grupos en activo cunha traxectoria máis longa, dende aquel 1987 cando xa actuaban polos pubs da súa comarca co nome de Mördor. Neste 2012 celebra o seu 25 aniversario. Hai uns meses presentaron o DVD Zënzar ao Vivo-Cerceda09, que facía un repaso á súa carreira. Agora volven con temas novos, un novo álbum (o noveno) titulado Vaise Armar, "con letras que falan da corrupción, do estado do malestar e da necesidade dunha re-volta social", e que contou coa colaboración de Vituco (Ruxe) e Mario (Túzaros).
Presentarano o 5 de maio na Sala Josfer de Mesón do Bento (Ordes), no que queren que sexa "unha festa musical da comarca" coa participación de Sterko, Familia Caamagno e Mou (DKTC). Praza regálavos dúas entradas dobres para o concerto; só tedes que comentar nesta nova e dicir cal é a vosa canción favorita de calquera das tres bandas. O 2 de maio ao mediodía realizaremos un sorteo e anunciaremos os gañadores.
Para Machina e Ruxe-Ruxe "non cambiou nada; facíamos música por egoísmo e seguimos así: seguir disfrtuando de cada ensaio e de cada concerto"
Que cambiou?
As tres bandas contan xa cunha traxectoria dilatada, sobre todo Zënzar, con 25 anos de carreira; Xosé Bocixa salienta que "eramos uns adolescentes e agora somos adultos; cambiou o concepto de vivir e sentir a música". Bocixa di que nun comezo a música era para Zënzar "unha forma de rebelarse contra o poder, de protestar, mentres que agora nos centramos máis na música, nos directos, nos arranxos, na calidade, en que o grupo soe ben". Mentres, Gonzalo Grela (Machina) e Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) din que "non cambiou nada; facíamos música por egoísmo e seguimos así: seguir disfrtuando de cada ensaio e de cada concerto".
Para Vituco na música "inflúen todas as crises; as económicas e as persoais, todo o que acontece ao noso redor"
Inflúe a crise económica?
Para Vituco na música "inflúen todas as crises; as económicas e as persoais, todo o que acontece ao noso redor". De igual xeito, Grela di que o "disco non sería o mesmo sen todo o que está pasando". Bocixa incide na mesma idea e lembra que "Zënzar naceu para protestar por todo o que pasaba ao noso redor, coma a industria voraz e depredadora instalada en Ceceda (Meirama, Sogama, mina das Encrobas...) coa permisividade dos políticos; e iso foi un motivo moi forte para que nós tivésemos a necesidade de escribir e comunicarnos", polo que -engade- "a crise é un factor determinante neste último disco".
As tres bandas afirman que non fan música "polos cartos", pero iso non quere dicir que lles sexa doado manter o grupo nas condicións actuais; "hai moitos custes, e todos facemos un esforzo nas nosas vidas, sacando tempo dos nosos traballos", di Bocixa.
Para Bocixa "as bandas non deben levar bandeiras"
Música e política. As dificultades de facer música en galego
Bocixa afirma que "a enerxía nunca remata mentres fas o que che gusta, e doutro xeito Zënzar non continuaría nesta situación de desprezo dos medios de comunicación e dos promotores de concertos cara aos grupos que cantan en galego". En xeral os tres grupos denuncian un desprezo xeral cara á cultura galega en todos os actores, públicos ou privados, responsables de programar e tamén da meirande parte dos medios de comunicación. Grela (Machina) di que "cando o vento sopra a favor o rock é unha postura cómoda, divirte, pero para nós o rock é unha actitude; a xente espera que digas cousas que outros omiten".
Para Bocixa, "non deberíamos estar tan sometidos ao goberno de turno. Neste momento estamos vivindo un ataque brutal á lingua, á música e á cultura galega. Pero mesmo con gobernos máis amables, tampouco fomos comprendidos. As bandas non deben levar bandeiras, non se deben forzar esas situacións. De igual xeito, para Vituco, "a música, a cultura e a lingua están moi riba de calquera ideoloxía política"