"A clave do peche do Diario de Galicia estivo nos erros internos de xestión"

O xornal naceu en marzo de 1988 e pechou un ano despois Dominio Público Praza Pública

O primeiro número do Diario de Galicia apareceu o 12 de marzo de 1988, completando un proxecto que fora tomando forma ao longo da década dos oitenta e que nacía cos apoios do sector galeguista do PSOE e dalgunhas persoas próximas a Esquerda Galega. Nacía nun Vigo e nunha Galicia emerxente e en transformación, cun extraordinario equipo de profesionais e un deseño innovador, obra de Pepe Barro, seguindo o ronsel do USA Today e doutras cabeceiras na onda dos novos xornais postelevisivos. Chegou a vender nove mil exemplares diarios.

Pero nacía tamén con problemas internos, económicos e de coordinación, estruturas de impresión e distribución non adaptadas á dimensión do proxecto, e con certos apoios políticos e económicos (eran os anos do tripartito), pero que foron suficientes. Xa antes de nacer o seu director, Segundo Mariño, foi substituído por Xosé Antón Gaciño, que seis meses despois deu paso a Antonio Ojea. Camilo Pardo, catedrático de Economía, era o presidente do Consello de Administración. Denís Fernández Méndez analiza na súa tese de doutoramento, que recibiu un sobresaliente cum laude, a xestión xornalística e económica, o discurso e os motivos do peche do Diario de Galicia, unha experiencia de prensa diaria galeguista e de esquerdas no final dos anos oitenta que durou once meses.

Como nace o proxecto?

A finais dos setenta un grupo de xornalistas da asociación da prensa de Vigo comezan a idear o proxecto, como Antonio Ojea ou Segundo Mariño, e outros que despois se deron de baixa do asunto. Xa nos oitenta incorpórase un grupo de persoas ligadas ao PSOE de Vigo, da súa ala galeguista, como Miguel Barros, pero tamén a Esquerda Galega, coa idea de facer un diario progresista para facerlle a competencia ao Faro de Vigo, conservador. E finalmente entra un grupo de xornalistas da Coruña, como Manuel Rivas ou Xosé Antón Gaciño, que procedían do Ideal e que estiveran na revista Mancomún, Santi Romero, Suso Iglesias..., e que son, digamos, os cadros intermedios do xornal. E finalmente aparecen os socios capitalistas, que eran un grupo de editores e impresores.

Ten problemas antes da mesma saída?

Si, cando o proxecto se pon en marcha hai problemas internos entre a empresa e a redacción e un grupo de xornalistas dá un golpe de man e conseguen destituír ao director, Mariño, quedando Gaciño como responsable no nacemento do xornal, até setembro, en que é substituído por Antonio Ojea. O resultado, formalmente é bo, pero o xornal non é quen de vender o suficiente e os problemas económicos xorden moi rápido, pasando bastante tempo sen cobrar os xornalistas.

O xornal xorde nese momento porque a Galicia dos oitenta era unha sociedade bastante dinámica, con moito movemento institucional, moitos partidos e numerosos cambios

En que medida se ve influído polo contexto político, económico e social no que xorde?

Ese xornal só podía saír desa forma nos anos oitenta, do mesmo xeito que o Xornal só podía saír durante o bipartito. O Diario sae o 12 de marzo de 1988 cando xa gobernaba o tripartito de PSOE, CG e PNG. O xornal xorde nese momento porque a Galicia dos oitenta era unha sociedade bastante dinámica, con moito movemento institucional, moitos partidos e numerosos cambios. Economicamente Galicia vive unha etapa de crecemento, despois da reconversión de comezos dos oitenta. Hai cambios tamén na estrutura de prensa, pois entra o Grupo Moll no Faro de Vigo, xorde o Atlántico Diario, era unha etapa de moito movemento antes da chegada de Fraga.

O Diario era un xornal para toda Galicia editado en Vigo, o mesmo que o Xornal era un diario para toda Galicia editado na Coruña. Pode intepretarse isto como un erro?

O Xornal naceu na Coruña e se cadra iso foi un erro. O Diario de Galicia faise en Vigo porque o proxecto xurdira no sur, e tiña un certo apoio institucional e económico na cidade. Pero era un xornal pensado para toda Galicia, e por iso tiña unha redacción forte en Santiago, outra na Coruña, e correspodentes nas outras catro cidades. Optaron por non facer información local porque consideraban que iso xa estaba cuberto por Voz, Faro e o resto de xornais locais, e apostaron por facer un xornal nacional. A sección que abría o Diario era 'Galicia', o que contrastaba moito co seu gran rival, que era o Faro.

No mellor momento chegou a vender nove mil exemplares. Non era pouco, pero non foi suficiente

Con todo, o Diario era un bo produto xornalítico, tanto nos seus contidos como a nivel estético...

No mellor momento chegou a vender nove mil exemplares. Non era pouco, pero non foi suficiente. E en canto ao deseño, conta Pepe Barro, que cando chegaron os empresarios, fixérono co USA Today debaixo do brazo, que fascinaba nese momento no mundo da comunicación.

Como era o uso que facía do galego?

Ao redor do vinte ou do trinta por cento do xornal estaba en galego, non nas portadas, pero destacaba que todos os editoriais estaban escritos en galego, o mesmo que moita información económica deportiva ou política.

Tiveron tamén moitos problemas coa distribución e coa rotativa

Na túa análise, cales son os motivos do peche do diario?

O departamento comercial era bastante pobre, non foron quen de conseguir moita publicidade. Houbo tamén erros de xestión e planificación, como o feito de contratar demasiada xente demasiados meses antes da saída do xornal. E tiveron tamén moitos problemas coa distribución e coa rotativa. A rotativa era boa, pero estaba pensada para revistas e non para xornais; só podía imprimir 16 páxinas á vez, polo que nunca se remataba a tempo. Ademais, parece que na redacción non había suficiente disciplina, o que tamén alongaba as horas do peche. Iso facía que ás veces chegase aos quioscos a media mañá ou ao final do mañá, polo que a xente optaba por mercar outros.

Faltou apoio institucional?

O tripartito deulle moito apoio ao xornal a través da publicidade, sobre todo a través das concellarías do PNG, Pesca e Presidencia. Tamén Laxe tentou facer algunha xestión para salvar o Diario. Outras das persoas que entrevistei queixáronse de que en realidade o tripartito a quen beneficiou foi a La Voz e ao resto de cabeceiras consolidadas, pero o apoio foi importante e seguramente a clave do peche estivo nos erros internos de xestión.

Esa análise pódese estender aos outros proxectos de xornal galeguista e de esquerdas que existiron en Galicia nos últimos trinta anos, algúns efectivamente publicados e outros que nin sequera chegaron a ver a luz?

O problema do Diario de Galicia está en que foi seguramente un proxecto demasiado grande, demasiado ambicioso para o público que nese momento había para el. Había un público obxectivo, pero non tanto como para soster un xornal desa dimensión. O problema é que ese público galeguista e de esquerdas é moi crítico e se non está conforme ao 100% cun proxecto, deixa de seguilo; ademais, ese espazo xa está ocupado por El País. No caso do Diario e nos proxectos semellantes que foron pechando, con todo, parece que en todos ou case todos houbo erros de proxecto ou de xestión, que foron máis importantes que as cuestións ideolóxicas.

 

O deseño, realizado por Pepe Barro, foi moi innovador e seguía o ronsel do USA Today Dominio Público Praza Pública
O xornal naceu en marzo de 1988 e pechou un ano despois Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.