Pardiñas: corenta anos tecendo comunidade

Alfonso Blanco, no escenario do festival de Pardiñas © Asociación Cultural Xermolos

“Persoas humildes que fan cousas extraordinarias”. Así define Xurxo Souto -un “empardiñado” confeso- aos organizadores do Festival de Pardiñas. E leva razón. O que comezou hai xa catro décadas como unha actividade para dinamizar a mocidade de Guitiriz, convocada cun sinxelo “Vinde merendar a Pardiñas!”, converteuse nun dos referentes do calendario cultural galego de cada verán, ademais de patente mostra do que a cultura de base pode chegar a construír.

O que comezou hai xa catro décadas como unha actividade para dinamizar a mocidade de Guitiriz converteuse nun dos referentes do calendario cultural galego de cada verán e nunha mostra do que a cultura de base pode chegar a construír

Resúmeo ben o propio Souto. Daqueles festivais dos primeiros 90 polos que pululaban, entre outros, os grupos do “bravú” con tanta ilusión como necesidade de recorrer, por falta de recursos, á filosofía do “fai como poidas”. Ao agromar de grandes -e ao mesmo tempo pequenos- festivais coma Cans ou o Castañazo Rock. Chegando a propostas coma a de Pardiñas deste ano, que engadirá ao seu habitual cartaz -encontro de estilos musicais e artes diversas, con nomes galegos e doutros países- unha aposta especial: un espectáculo producido en exclusiva para celebrar o seu 40 aniversario.

Chamarase ‘Cantando as corenta’ e serán tres horas de música e baile cunha banda de once instrumentistas conformada na súa maioría por músicos, procedentes de diferentes grupos, que algunha vez teñen tocado no festival. “Un sonoro manifesto de futuro”, di Souto, director artístico desta proposta. Xunto a esta banda, e ademais da Coral, a Banda de Gaitas e mais o Bloquinho de Xermolos, actuarán varios solistas cuxo paso por Pardiñas a organización do Festival lembra con especial agarimo, coma Susana Seivane, Antón Reixa, Uxía, o gaiteiro Pepe Vaamonde, o líder de Inmaculate Fools -Kevin Weatherill- ou Xosé Manuel Pereiro -vocalista de Radio Océano-. Xente -coma o público que se achega ao festival cada ano- que fixo de Pardiñas parte da súa biografía.

Unha edición do festival de Pardiñas nos anos 80 Dominio Público Xermolos

Alfonso Blanco Torrado: “Sempre nos mantivemos fieis ao noso. Penso que iso é unha das cousas que a xente máis valora de Pardiñas”

Nunca tentou Pardiñas ser un macroevento. Mais o seu principal impulsor, o crego Alfonso Blanco Torrado, si se amosa orgulloso da comunidade que o festival foi quen de tecer. “Empardiñados” e “empardiñadas” que repiten cada ano, ou case. Entre eles, moitos músicos que se achegan, tamén, como público, sempre que a axenda estival de concertos lle lo permite, coma Susana Seivane. Ou xente das letras e das outras artes galegas.

Blanco Torrado lembra especialmente aos que foron amigos e amigas do festival e xa non están con nós: Manuel María, Neira Vilas, Pousa Antelo, o poeta local homenaxeado no Día das Letras Díaz Castro… “Sempre nos mantivemos fieis ao noso. Penso que iso é unha das cousas que a xente máis valora de Pardiñas”, di Blanco. Este ano, de feito, o tradicional pregón do domingo será colectivo. E terá moito que ver coa historia da música de intervención do país. Farano Mero, Miro Casabella, Pilocha, María Manuela e Quintas Canella a partir das 19:00 horas.

Pouco despois de chegar a Guitiriz coa encarga de dinamizar a mocidade, o crego Alfonso Blanco impulsou a creación de Xermolos e o propio festival: "Tratábannos como se fose algo delitico, cando a nosa intención era dar voz e voto á mocidade"

Crear comunidade era, precisamente, boa parte da arela coa que nacera o festival. Alfonso Blanco chegara a Guitiriz coa encarga de dinamizar a mocidade formulada polo bispo Araúxo, quen o apoiara cando fora expulsado do Seminario, segundo contou en varias entrevistas, por ser galeguista. Pouco despois de chegar a Guitiriz, montou coa xente nova do lugar unha asociación xuvenil que máis adiante mudou o seu nome por Xermolos. “Estivemos dous ou tres anos dándolle voltas á idea de facer ou non o festival. Había quen tiña medo de que fose nada máis flor dun día. Mais ao final decidimos tirar para adiante. Nós denunciabamos que a sociedade marxinaba a mocidade, que só a tiña presente para falar do malo, das trasnadas que podían facer ás veces, sen ter en conta a súa actividade no pobo”, subliña Torrado.

As cousas non foron doadas ao principio, naqueles anos da Transición e do intento, por parte do movemento asociativo, de recompor e visibilizar unha cultura galega politicamente “comprometida”, como entón se dicía. “Tivemos unha loita tremenda para que nos permitisen legalizar a asociación. Tratábannos como se fose algo delitivo, cando a nosa intención era dar voz e voto á mocidade da vila e das parroquias, á enerxía do rural. Aínda hoxe, de feito, ás veces custa, porque hai quen considera a mocidade coma unha sorte de enfermidade que hai que pasar. E aínda con todo o que está pasando, coa emigración xuvenil, que é algo polo que temos que preocuparnos, porque outros países están levando a enerxía e a frescura da nosa mocidade”, comenta Blanco.

“Ao principio custou familiarizarse, asumir o festival. Pero despois os que desconfiaban foron vendo as marabillas que traía Pardiñas"

Tampouco caeu de todo ben no seu contexto, nos primeiros tempos, a iniciativa de crear o festival. Pois alí chegaban festivaleiros de fóra, con “pintas” que había a quen lle resultaban sospeitosas: esquerdistas, galeguistas… “Ao principio custou familiarizarse, asumir o festival. Pero despois os que desconfiaban foron vendo as marabillas que traía Pardiñas e foise convencendo. Despois, tivemos varias etapas. Como o festival cadra coas festas da parroquia, houbo un tempo que tivemos alí a orquestra. A veciñanza cede os seus prados, terras para acampar... Sen a súa colaboración, non poderiamos”, indica Blanco.

Baile na mostra de instrumentos tradicionais do Festival de Pardiñas © Kamy Iglesias / Xermolos

Mais os atrancos, nos primeiros tempos, viñeron de máis frontes, e aínda duraron. “Houbo algunhas insidias políticas. De feito, nun momento foi á comisión da cultura do Parlamento unha pregunta do BNG relacionada con isto. Estando Manuel Fraga de presidente tivemos algúns problemas. Non lle gustabamos ao bispo que había daquela… Unha das cousas que nos fixeron foi tentar poñer contra nós ao dono do balneario para que non nos alugase este espazo. Considerábannos xente subversiva”, engade.

"Non pensamos en facer un festival mastodóntico, porque podería afectar á natureza que nos acolle; somos como unha familia. Vémonos cada ano e tentamos manter esa unión"

Malia todo, o festival foi tirando para adiante. E medrando. Na asociación, que mantén actividade cultural todo o ano, seguen algúns dos que comezaron, e tamén ás veces os seus fillos e fillas. “Custa, pero vai habendo relevo. A mocidade sempre nos apoiou, de xeración en xeración. Temos apoios de toda a comarca. De feito, se non é polo grupo de voluntarios que traballan todo o ano e nos días do festival, Pardiñas non sería posible. Temos un festival de músicas urbanas, organizamos o Entroido, as cabalgatas de Reis… Temos actividades de memoria histórica, coma a homenaxe a tres rapaces novos que, en xullo do 36, estaban en Guitiriz tentando fuxir para Asturias, e foron detidos aquí. Despois matáronos na Coruña”, conta Torrado.

Unha das características do festival de Pardiñas é a súa apertura a diferentes estilos musicais, e a outras expresións artísticas. Este ano tocarán, por exemplo, Zënzar, veteranos do rock galego. “Feira e Festa da Música e da Arte”, chámase, de feito, o festival. “Sempre quixemos que houbese diversidade” -explica-. “Naceu como un festival de música de raíz e despois foise abrindo a outras músicas. O Festival de Ortigueira naceu un pouco antes ca nós, e sempre nos consideramos amigos. Cada festival ten a súa identidade. No noso temos distintas músicas, a importancia da natureza, as carballeiras, o balneario, as fontes de auga… Por iso tampouco pensamos en facer un festival mastodóntico, porque podería afectar á natureza que nos acolle. Queriamos crear un espazo de desfrute, de amizade, de sentirnos unidos… Somos coma unha familia. Vémonos cada ano e tentamos manter esa unión”, engade.

A edición deste ano foi concibida como un percorrido pola traxectoria do festival con bandas como Os Melidaos, Harmonica Creams, Habelas Hainas, Dubhlinn e Anxo Lorenzo ou Zënzar e, sobre todo, o espectáculo 'Cantando as corenta'

Este ano, Pardiñas comezará, como desde hai xa oito, co certame de cantos de taberna, a partir das 20:30 do venres 2 de agosto polos bares de Guitiriz. O sábado 3 ás 17:00 horas, despois do aberto de billarda unha hora antes xa en Pardiñas, dará comezo o pregón de Lois Mourinho na XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, cuxa contorna é corazón do festival e centro da súa actividade cando non están celebrándose os concertos. Ás 18:00 horas comezará a música con As Cantigas de Elena, e despois da carreira popular a festa á noite continuará despois das 20:00 horas con Bloquinho de Xermolos, Os Melidaos, Harmonica Creams (Xapón), Habelas Hainas, Dubhlinn (Irlanda) & Anxo Lorenzo e, por último, Zënzar, que ademais de pasar xa máis veces polo festival, musicaran a Díaz Castro.

O domingo 4 volverá abrir, a partir das 11:30, a mostra de instrumentos, á que se une -xa desde o sábado- a XL Mostra de Artesanía. Ás 13:00 comezará o vermú no campo nos Rueiriños de Nós, e ás 16:30 arrincará o Pardiñas miúdo con Peter Punk. Para as 19:00 está previsto o segundo pregón de cada ano en Pardiñas, o que desta volta contará con Mero, Pilocha, Miro Casabella, María Manuela e Quintas Canella. No cartaz do festival pode lerse en que ano viñeran xa a Guitiriz os artistas convidados nesta cuadraxésimo edición. Porque así foi concibida, coma un percorrido pola traxectoria do festival. Tras a actuación dos Carunchos, ás 20:30, iniciarase xa propiamente o espectáculo Cantando as Corenta, tras o cal pecharán a festa, a partir da 01:30, os portugueses TT Syndicate.

Presentación do cuadraxésimo Festival de Pardiñas e do espectáculo 'Cantando as corenta' © Xermolos

O espectáculo 'Cantando as corenta' levará ao escenario á banda composta para esta celebración, un grupo de veteranos que ten na presentación e nos coros a Xurxo Souto, un 'empardiñado' confeso

Cantando as Corenta -un musical cunha historia de fondo baseada en Tristán e Isolda- incluirá un recoñecemento ao luthier Sito Carracedo, que cada ano acolle a centos de persoas no seu obradoiro. Na súa honra soará unha obra, creada para a ocasión, dedicada a un dos seus inventos, o peitoque, un instrumento de percusión. Cos solistas xa citados estará sobre o escenario a banda de músicos tamén nada para esta celebración -algúns detalles dos seus ensaios, por seccións, poden seguirse no Facebook de Pardiñas-, dirixida polo saxofonista Richi Casás, e composta, ademais de por este, por Xan Xove, María Prado, Álvaro Trillo, Olivier Cano, Antón Díaz, Guni Varela, Mangüi Martín, Mercè Palacios, Roberto Comesaña, Xosé Luis Miranda e Xurxo Souto (na presentación e os coros).

Alfonso Torrado non esquece subliñar tamén o Certame de Creación Infantil e Xuvenil, do que se entregan os premios na sobremesa do domingo. “Son centos de traballos os que recibimos” -lembra-. Poemas, músicas, debuxos, contos, comics, vídeos… Mais todas estas actividades, ademais do traballo voluntario que Torrado non deixa de salientar, precisan tamén dun financiamento para seren posibles. Festivais veteranos, coma Pardiñas, están excluídos das axudas a festivais da Consellería de Cultura porque non cobran entrada. “Nós o que non vamos facer é poñerlle cancelas ao campo. Estamos aquí para desfrutar a natureza e compartila, sen esgotala nin tirarlle beneficio monetario”, sinala Torrado. No cartaz figuran os logos de Deleite, Gadis, Abanca, Xunta de Galicia, Concello de Guitiriz ou Deputación de Lugo -ademais Asociación de Gaiteiros Galegos ou a Comunidade de Montes de San Xoán de Lagostelle-. Pero o patrocinador principal é Estrella Galicia.

Ao facer balance dos 40 anos, Torrado salienta a “historia afectiva de Pardiñas”. Os lazos persoais que crea. “Uns vencellos que os problemas da vida non son quen de rachar”, asegura. Mais tamén fai autocrítica. “Fáltanos mellorar as infraestruturas para atender a cantidade de festivaleiros que recibimos” -uns 20.000-. E pide tamén maior axuda institucional, que o festival “é un beneficio para o pobo”. Xurxo Souto salienta, pola súa banda, a “verdade”e a “empatía” que emana de Pardiñas. O significado que pode ter o 40 aniversario para os “empardiñados”. A idea de comunidade. Medre Pardiñas!, di. E que así sexa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.