Hai catro décadas que o comezo de agosto, pola parte de Guitiriz, é sinónimo de Festival de Pardiñas. Un ano despois de celebrar o Pardiñazo do corenta aniversario, a Feira e Festa da Música e da Arte non vai poder animar a que, coma sempre, milleiros de persoas volvan responder ao chamado de “Vinde merendar a Pardiñas!”. Como case todo, a pandemia do coronavirus tamén fai inviable celebrar o festival impulsado pola asociación cultural Xermolos no seu formato habitual. Pero Pardiñas non para. Espállase.
Alfonso Blanco: "Concibimos a cultura como unha ferramenta contra outras pandemias, como a da desigualdade, por iso cremos que ante o coronavirus tampouco podemos baixar as forzas"
"Concibimos a cultura como unha ferramenta contra outras pandemias, como a da desigualdade e a da inxustiza e por iso cremos que ante o coronavirus tampouco podemos baixar as forzas", explicaba esta semana o crego Alfonso Blanco Torrado, fundador de Xermolos e alma do festival. "Temos que pelexar contra el!" xa non durante a primeira fin de semana de agosto, senón durante dez días ao longo do mes.
Non será no histórico campo da festa, non haberá palco da música nin concertos ata a madrugada, nin acampada nin merendas. Pero haberá, dalgún xeito, cuadraxésimo primeiro festival de Pardiñas da man de "persoas, colectivos e grupos das Terras de Guitiriz, Parga e Teixeiro" pero tamén con "outros que, sen ser de aquí, estiveron sempre con Xermolos e contribuíron a que o festival saíse adiante".
Así, este sábado 1 de agosto hai cita con Pardiñas, pero non en Pardiñas senón no campo da feira de Parga. Alí trasládase a Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional, con pasarrúas, obradoiros de baile tradicional, presentacións de libros e un pequeno concerto dos Tres Pesos. O domingo, en San Alberte, Mero Iglesias presenta o seu libro No baleiro dunha soidade o grupo de gaitas Caivanca ofrecerá un pequeno recital.
Xermolos muda o formato habitual do festival por outra adaptada ás restricións da COVID-19, con actividades culturais durante dez días de agosto pola contorna de Parga e Guitiriz
O luns, 3 de agosto, Xermolos segue a expandir o espírito de Pardiñas por Guitiriz, outra volta con pasarrúas e tamén cun concerto de Uxía no campo da feira (21:00, con entrada a 2 euros para facilitar o control de persoas asistentes). O martes, día 4, o mesmo espazo do campo da feira de Guitiriz acolle a estrea do filme María Soliña, de Ignacio Vilar.
Esta atípica edición de Pardiñas continúa a fin de semana seguinte cunha exposición ligada ao Camiño de Santiago, cinema documental ou as músicas de Nuada e Berta Franklin. Unha semana despois, os días 15 e 16, en Parga presentará o libro e o documental sobre a traxectoria de Mini e Mero e en Santa Mariña, Xermolos volverá homenaxear os Irmáns da Lexía.
"Quedan moitas edicións por celebrar e moito torreiro por esmagar", sinalan dende Xermolos, ademais de pedir aos habituais do festival que este ano non acudan ao histórico campo da festa nin acampen nel
Actividades infantís, exposicións, homenaxes aos artesáns que cada ano regersan a Pardiñas, banda deseñada ou teatro completan unha programación que Xermolos vai debullando no seu sitio web e mais nas redes sociais do Festival, dende as que tamén pide ás persoas que habitualmente asisten que este ano non acudan ao recinto de costume e, menos aínda, acampen nel. "Quedan moitas edicións por celebrar e moito torreiro por esmagar", pero a pandemia impide que iso suceda este ano, advirten.
A Deputación de Lugo, que apoia tamén a celebración desta edición a través da súa área de cultura, aplaude "o esforzo feito para reformular o festival". A vicepresidenta da institución, Maite Ferreiro, eloxia que Xermolos puidese "adaptarse a estas circunstancias excepcionais" que, lamenta, "están complicando a celebración de festas e programacións culturais por todo o país".