Celébrase este verán o teu festival favorito? Adiouse? Muda o seu formato? Queda para o vindeiro ano? A pasada fin de semana o Vive Nigrán inaugurou dalgún xeito a tempada de verán de festivais de música en Galicia, totalmente condicionada pola pandemia de coronavirus que sufrimos dende hai catro meses e medio.
Celébrase este verán o teu festival favorito? Adiouse? Muda o seu formato? Queda para o vindeiro ano? Ofrecémosche unha lista das citas que se manteñen (algunhas esta mesma fin de semana) e as que terán que agardar para o verán do ano que vén
Foron moitos os eventos que decidiron aprazar ao vindeiro ano a edición 2020, unha situación que supón un risco para a súa supervivencia, pero para a que nalgúns casos contan co apoio de administracións coma a Deputación de Pontevedra.
Outros, en cambio, apostaron por manter a súa edición deste ano, pero -iso si- mudando a súa fórmula, con concertos de pequeno formato, co público sentado, e combinando a música con outras actividades. Foi o caso do Vive Nigrán, polo que pasaron Annie B Sweet, Dani, Rufus T Firefly e Villanueva.
E, igualmente, do Sinsal, que deixou para outra ocasión os concertos da Illa de San Simón. O Sinsal Litoral é un proxecto "deseñado para pequenas audiencias" en enclaves singulares das Rías Baixas, sempre preto do mar. Dende este mércores e ata o domingo 26 o castelo de Soutomaior, as parroquias de Cesantes e Meirande (Redondela), Astilleros Cardama (Vigo) e o Mosteiro de Oia acollen os concertos de Rodrigo Cuevas, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Los Hermanos Cubero e Trilitrate.
O festival Ribeira Sacra celebrará a súa 17ª edición entre o 31 de xullo e o 2 de agosto, a que definen como a súa edición "máis importante", coas actuacións de Xoel López, Os Amigos dos Músicos, Momboi, Elba, Best Boi e Laura LaMontagne & PicoAmperio. Será, coma sempre, en fermosos escenarios, entre Chantada, Sober, no Mirador de Santiorxo, na Reitoral de Gundivós ou no Catamarán de Doade.
O SonRías Baixas, en Bueu, convértese no Micro SonRías Baixas, coas actuacións de Arco e Rayden os días 31 de xullo e 1 de agosto e reservando a ediciómn completa do festival para os días 5, 6 e 7 de agosto de 2021, cando actuará Kase.O, entre outros.
O Noroeste Estrella Galicia da Coruña reduce tamén o seu formato e muda nun Noroeste XS, con só dous escenarios.
Tampouco faltará á súa cita o Felipop de Limodre (Fene), onde o 7 e 8 de agosto actuarán Lie Detectors, The Homens, Los Fusiles e Los Chicos. [ACTUALIZACIÓN: O festival foi finalmente suspendido por por da situación sanitaria]
A pesar de ser un festival máis recente, o TradFest de Compostela mantén a súa celebración neste 2020, e desenvolverase ao longo de todo o domingo 26 de xullo no Parque de Bonaval e na Praza de Quintana, coas actuacións dunha vintena de agrupacións e artistas, entre as que destacan Tanxugueiras.
En Burela o Osa do Mar manterá a súa celebración os vindeiros 14 e 15 de agosto, dous días nos que actuarán Sen Senra, Derby Motoreta's Burrito Kachimba, Blanco Palamera, Verto ou Grande Amore. [ACTUALIZACIÓN: O festival foi finalmente suspendido por por da situación sanitaria]
En Lugo o Facela Fest tivo que mudar as súas datas de celebración, pero do 27 ao 29 de agosto actuarán na cidade da muralla Soleá Morente, Christina Rosenvinge, Mujeres ou Chucho.
En Compostela o Melona Fest, aprazado en abril, celebrarase finalmente entre o 28 de outubro e o 1 de novembro. Actuarán Califato ¾, Músculo, Triángulo de Amor Bizarro, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Megansito el Guapo ou Vera Fauna
O Revenidas de Vilaxoán de Arousa quedará para o verán de 2021, pero tamén ofrecerá este mes de setembro unha edición reducida, denominada 'Revenidas en conserva', con concertos en formato reducido e outras actividades, nas que a cultura mariñeira será protagonista.
Igualmente, o Armadiña Rock de Combarro (Poio) anunciou xa que manterá a súa edición, pero mudando notablemente o seu formato.
O Atlantic Fest quedou reducido a un único concerto de León Benavente o 29 de xullo no Auditorio da Illa de Arousa. E aínda que o WOS Festival suspendeu todos os seus concertos, si mantén algunhas actividades, en concreto a área de pensamento e discurso, que este ano poderá seguirse online.
Tamén o Festival de Pardiñas transfórmase nesta ocasión nun ciclo cultural que abrangue música, audiovisual ou literatura e que terá lugar durante toda as fins de semana de agosto en distintos puntos do concello de Guitiriz.
Os aprazados a 2021
O Portamérica de Caldas de Reis si adiou por completo ao verán de 2021 a súa edición deste ano, na que actuarán Rufus Wainwright, Viva Suecia, Novedades Carminha, Leiva, Belako ou Sidonie. Xunto a esta cita, moitas outras tamén aprazaron ao vindeiro ano calquera concerto, coma o Resurrection Fest de Viveiro, o Festival de Ortigueira, o Asalto ao Castelo de Vimianzo, o FIV de Vilalba, o Marín Vivo, o Marisquiño de Vigo, o Son do Camiño, o Castelo Rock de Muros, o Rock in Cambre, o Surfin the Lerez de Pontevedra, o Silfest de Valdeorras, o Ourenrock de Ourense e moitos outros.