Volven os festivais, volven os concertos, volve a cultura. A pandemia da Covid-19 obrigou a adiar e mesmo a suspender todos os eventos programados entre marzo e maio; dende entón algunhas actividades foron regresando, con moitas precaucións e axustados a esta nova normalidade obrigada pola enfermidade que aínda nos afecta.
En Praia América, este venres e sábado, volverá soar a música, con catro concertos en formato reducido que esgotaron as súas entradas hai máis dunha semana.
O verán é tempo de festivais, pero este ano será unha estación moi distinta. Algunhas das citas habituais deixaron a edición 2020 para o ano que vén, mentres que outras adaptaron os seus formatos ás novas condicións e medidas sanitarias de prevención.
É o caso de Vive Nigrán, que se celebrará este venres e sábado na vila pontevedresa e que se converte nun dos primeiros festivais que retornan a unha certa normalidade. En Praia América, este venres e sábado, volverá soar a música, con catro concertos en formato reducido que esgotaron as súas entradas hai máis dunha semana. Annie B Sweet, coa viguesa Dani como teloneira, serán as protagonistas este venres. E Rufus T Firefly, con Villanueva abrindo as actuacións, será o menú do sábado. Ademais, o festival inclúe outras actividades paralelas para crianzas e maiores, como skate, surf ou paddle surf.
Vive Nigrán é unha das citas do Rías Baixas Fest, os festivais de música da provincia de Pontevedra, que contan un ano máis co apoio da Deputación, que hai meses acordou manter os patrocinios de todas as citas para este ano, a pesar de que varios foran adiados ao ano 2021 ou que reduciran moito os seus formatos. Este xoves o ente provincial presentou unha nova edición do Rías Baixas Fest, composto por PortAmérica (Caldas), Revenidas (Vilaxoán, que este ano se chama Revenidas en Conserva), Atlantic Fest (Vilagarcía), SonRías Baixas (Bueu), Sinsal (Redondela) e o propio Vive Nigrán, citas que este ano decidiron "reinventarse" pero que a pesar da complicada situación seguen adiante, mirando en moitos casos ao ano 2021.
“O 2020 vai ser un ano de música e o 2021 un ano de máis música”, destacou Carmela Silva
“O 2020 vai ser un ano de música e o 2021 un ano de máis música”, destacou Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que afirmou estar “emocionada" despois de que "todos decidiran non renderse ante unha situación tan complexa derivada dunha pandemia, con todo o que isto significa para a industria musical en Galicia e na nosa provincia". "Sabiamos que eramos un pobo guerreiro, pero trala Covid non hai dúbida de que non hai nada que poida con nós, que poida cos nosos soños, coas nosas ideas e o noso desexo de non parar de crear", engadiu.
A Deputación decidiu este ano manter a consignación xa prevista para estes eventos e garantir a do 2021, cun investimento total de 450.000 euros (225.000 por cada anualidade). “Temos unha industria musical moi potente e estes festivais son unha referencia que amais xera actividade económico e moito emprego e non podiamos deixar de apoiala; non facemos outra cousa que o que temos que facer como administración”, indicou Carmela Silva.
“A nosa vocación é a música e especialmente a música en directo, por iso seguimos apostando de forma firme e nos adaptamos para adaptamos con accións culturais que garanten a seguridade de todas as persoas implicadas”
Susana Laya, responsable do Atlantic Fest, destacou que “o sector cultural enfrontouse a diversas crises e amosou que é loitador. Esta crise é diferente porque non coñecemos o inimigo e está sendo especialmente dura connosco” pero, asegurou, “a nosa vocación é a música e especialmente a música en directo, por iso seguimos apostando de forma firme e nos adaptamos para adaptamos con accións culturais que garanten a seguridade de todas as persoas implicadas”.
O representante de SonRías Baixas, Jordi Lauren, dixo que “agardamos que sexa unha paréntese o máis pequena posible, pero aínda que dure máis do desexado seremos quen de construír algo semellante e de superalo. Guerreiro, galego, territorio e emoción, son palabras que nos definen porque cando nos empeñamos en algo podémolo conseguir”.
O Noroeste da Coruña, en formato XS
Finalmente, o Festival Noroeste Estrella Galicia comezou a anunciar algúns dos detalles da súa edición 2020, que mantén a súa celebración, pero con notables cambios con respecto a anos anteriores. Haberá menos concertos, menos escenarios e renúnciase ás actuacións na praia de Riazor para evitar aglomeracións.
O Noroeste programará 44 concertos en dous escenarios, para os que haberá que reservar previamente a entrada
Pero o festival manterase e contará con 44 concertos, distribuídos en dous escenarios: a Praza de María Pita e a explanada de Riazor, a carón do estadio e do Pazo dos Deportes. Delaporte, Triángulo de Amor Bizarro, Raul Refree & Lina, Varry Brava, Rufus T. Firefly, Tomasito, Camellos ou Los Mejillones Tigre serán algunhas das bandas e artistas na programación.
Os concertos serán de balde, pero haberá que reservar previamente a entrada para todos eles (75 en billeteira física e o resto por internet), asignándose un asento determinado a cada persoa, que estará situado a unha distancia mínima de 1,5 metros dos demais. A máscara de protección será obrigatoria e, ademais, todas as actuacións retransmitiranse en streaming.