O festival de Ortigueira volve coa edición máis longa para "apoiar a cultura galega con máis forza"

A escola de gaitas de Ortigueira despois de actuar nunha edición do festival © Festival de Ortigueira

Ortigueira volverá ser a capital do mundo celta do 10 ao 17 de xullo nun festival que aposta pola música de orixe galega coas Tanxugueiras, Luar na Lubre, Baiuca ou Caamaño&Ameixeiras e recibe a bandas de peso internacional como a escocesa Johnstone Pipe Band ou a bretoa Bagad de Vannes Melinerion

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se celebra do 10 ao 17 de xullo, será #OMáisLongoDaHistoria despois de dous anos seguidos de cancelacións por mor da pandemia da COVID-19. "O esforzo deste ano quixo estar á altura do agarimo, ánimo e apoio recibido por todos os seguidores da música celta, que tanto sentiron estes dous anos de ausencia", salientan desde o comité organizador. 

Este ano serán oito os días de convivencia, música e posta en valor dunha cultura común para a que non hai fronteiras, como se ven facendo desde 1978, cunha programación na que trataron de facer un "equilibrio entre os talentos emerxentes e consolidados do panorama folk internacional, cun especial e intencionado énfase nas formacións de orixe galega”. Pois o propósito do festival nesta edición segue a ser "apoiar e difundir a cultura galega con máis forza".

"O esforzo deste ano quixo estar á altura do agarimo, ánimo e apoio recibido por todos os seguidores da música celta nestes dous anos de ausencia", salienta a organización

Comezando polas Tanxugueiras, que estarán na primeira noite do regreso do festival para darlle a benvida a todo o público que se vai reencontar en Ortigueira, a listaxe das artistas galegas que participan nesta edición especial inclúe ao dúo Caamaño & Ameixeiras, Luar na Lubre, Baiuca, Xosé Lois Romero e Aliboria, Susana Seivane, Caldo, Os da Porfía, Óscar Fernández & Manu Fraguela, Fransy, Davide e Cibrán, Covagueira, Fiandola, Os D´Abaixo e Dequenvessendo.

Desde escocia chegarán os Red Hot Chilli Pipers e tamén as bandas Talisk e Wolfstone. Digresk veñen da Bretaña francesa como tamén Bagad de Vannes Melinerion, que despregarán o seu repertorio no que mestura pezas tradicionais bretoas e composicións propias, ao ritmo da percusión e ao son das inconfundibles bombardas e cornamusas. 

Cunha longa traxectoria ás costas e influencias de grandes artistas e compositores escoceses, Fred Morrison aportará ao Festival na Igrexa, o sábado 16, a súa experiencia e dominio da gaita, facendo resoar as míticas highland pipes e as uillean pipes, na Igrexa de Santa Marta de Ortigueira.

Por outra parte, a banda de gaitas escocesa Johnstone Pipe Band, fundada en 1943, chegará ao escenario de Ortigueira o venres 15 cunha mostra da súa estrutura formada por unha mestura de músicos veteranos e novos, instruídos desde cativos na propia banda.

Cartaz do Festival de Ortigueira 2022 © Festival de Ortigueira

A Escola de Gaitas de Ortigueira será de novo protagonista do festival porque non é posible entender o un sen a outra. Así o expresa o título do último disco da formación, O  noso Festival, do que interpretarán algún tema na súa actuación do venres 15 no escenario principal xunto ao seu corpo de baile.

Desde a organización salientan que aínda que todo o pobo de Ortigueira –a hostalería, o comercio e a veciñanza– envórcase para que se volvan vivir estes días de celebración e alegría nos que compartir unha cultura e música común, hai varios meses moitos dos integrantes desta escola de gaitas preparan a chegada e acomodo da multitude de bandas de diversos puntos do mapa que se darán cita no festival. Agrupacións como a Johnstone Pipe Band, a Bandina Popular Los Gascones, o Grupo de Baile Tradicional Fitoria, a Agrupación Cultural Buxainas ou o Cuarteto Tradicional Illa Pancha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.