Tiruleque celebrará os seus 20 anos cunha xira que comezará o 30 de abril na Sala Garufa da Coruña
A banda coruñesa Tiruleque está a conmemorar os seus 20 anos de actividade, que celebrará cunha xira de concertos e co lanzamento dun álbum recompilatorio da súa traxectoria. A xira, ademais, iniciarase cunha actuación especial na mítica Sala Garufa da Coruña (Rúa Riazor, 5), que será a primeira dunha serie que levará a Tiruleque á Casa das Crechas de Santiago (5 de maio), ao barrio ferrolán de Canido (8 de maio) e á sala Clavicémbalo de Lugo (14 de maio). O concerto da Sala Garufa terá lugar o 30 de abril e as entradas xa están á venda a través da plataforma Entradium nesta ligazón.
O disco recompilatorio, baixo o título de Tiruleque, 20 anos no camiño, reúne os temas máis destacados dos tres álbums de estudio publicados polo grupo (Tiruleque en 2009, Mu!! en 2013 e Outro que tal baila en 2018) e dous temas inéditos. Este álbum sae en formato dixital e poderá acceder el ao adquirir nos concertos unhas láminas ilustradas asinadas por Juanlu Nacha, deseñador que se encargou da arte gráfica do disco. As láminas conteñen un código de descarga.
O disco recompilatorio, baixo o título de Tiruleque, 20 anos no camiño, reúne os temas máis destacados dos tres álbums de estudio publicados polo grupo (Tiruleque en 2009, Mu!! en 2013 e Outro que tal baila en 2018) e dous temas inéditos
Os temas deste Tiruleque, 20 anos no camiño están interpretados por Antón Bueno (contrabaixo), Álex Fente (acordeóns), Luis García (bombo con pratos, percusións e coros), Miguel Horjales (caixa, percusións e coros), Serxio Núñez (clarinete, gaita, percusións e voz), Fernando Román (saxo soprano, clarinete e trompeta) e José A. Vázquez (gaita, saxo alto, pandeireta e coros). Ademais, tamén colaboran en diferentes temas Juyma Estévez e Pablo Pintor, quen se reincorpora á formación estable de Tiruleque tras anos de paréntese nunha nova andaina do grupo na que asumirá a percusión e o bombo con pratos.
20 anos de Tiruleque
En 2002 cinco rapaces botaron a andar un proxecto que intentaba mesturar un repertorio baseado en recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias e pezas propias
Tiruleque nace como banda no 2002. Nese momento cinco rapaces botaron a andar un proxecto musical que intentaba mesturar un repertorio baseado en recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias e pezas propias. Ao longo dos anos o grupo foi engadindo distintos instrumentos cos que levar máis aló esa tradición e creatividade, con aproximacións a xéneros diversos como a cumbia, o swing ou o son cubano entre outros.
O grupo busca promover música bailable con pura raíz galega
Ata agora o seu último traballo fora, en 2018, “Outro que tal baila”, cun repertorio orientado á música de festa e de baile, explorando novas posibilidades partindo da música galega. O título do álbum era xa unha auténtica declaración de intencións, definindo perfectamente o espírito deste grupo que, disco tras disco, busca promover música bailable con pura raíz galega.
Tiruleque levaron a súa música ata os festivais de de Ortigueira, Lorient (en dúas ocasións), Pardiñas, Beltaine-Avilés Intercélticu ou o Intercéltico do Morrazo
Nestas dúas décadas foron moitos os concertos ofrecidos por Tiruleque, dende foliadas e actuacións en salas pequenas, ata grandes eventos, coma o seu paso polos festivais de Ortigueira, Lorient (en dúas ocasións), Pardiñas, Beltaine-Avilés Intercélticu ou o Festival Intercéltico do Morrazo. Tamén teñen compartido escenario con recoñecidos artistas como Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Kepa Junkera, entre outros.