>> Unha ducia de artistas e grupos galegos na programación do Festival Intercéltico de Lorient
70.000 persoas asistiron este domingo en directo ao 'Desfile das nacións celtas'
70.000 persoas asistiron este domingo en directo ao 'Desfile das nacións celtas' que serviu para abrir a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, no que Galicia é o país convidado. 3.500 músicos e músicas de todos os territorios participantes (Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia) marcharon polas rúas da cidade bretoa, entre eles máis 300 procedentes de Galicia.
En realidade, o festival botara a andar xa o venres e o sábado pola noite tivo lugar o primeiro dos grandes eventos programados, unha sesión de apertura no Teatro de Lorient protagonizada por unha importante representación da delegación galega: a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López 'Josele', Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Davide Salvado, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Xirandela ou Bouba.
"Para nós, pertencer a este mundo, ao Festival Celta de Lorient, é un orgullo. Está clarísimo que somos diferentes ao resto de España: temos a nosa propia cultura, temos o noso propio idioma", di Pablo Seoane, responsable da delegación galega
Este luns terá lugar (Espace Marine, 22 horas) a 'Gran noite de Galicia', un concerto conxunto no que participarán máis de 150 artistas que ofrecerán "a calor dos celtas do sur". Sobre o escenario estarán Xosé Lois Romero & Aliboria e Tiruleque, ademais de todos os músicos e formacións que xa participaron na apertura do pasado sábado: a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López 'Josele', Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Davide Salvado, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Xirandela ou Bouba.
Milladoiro, Carlos Núñez ou Mercedes Peón completan a programación galega nos escenarios principais do festival, á que se engade a carpa Galician Tunes, que vai acoller 55 concertos nos que participarán 15 artistas e agrupacións con máis de trescentos músicos implicados e implicadas.
"España non só é 'touros e olés'. Para nós, pertencer a este mundo, ao Festival Celta de Lorient, é un orgullo. Está clarísimo que somos diferentes ao resto de España: temos a nosa propia cultura, temos o noso propio idioma. A xente é moi semellante á da Bretaña", sinalou Pablo Seoane, responsable da delegación galega.