Este venres 2 comeza en Bretaña a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, no que este ano Galicia é o país convidado. Ata o 11 de agosto ducias de artistas e bandas pasarán polo evento, no que a música galega será protagonista. Milladoiro, Xosé Lois Romero & Aliboria, Abraham Cupeiro, Tiruleque, Carlos Núñez, Mercedes Peón, a Banda de Música de Forcarei ou o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, entre outros, representarán a Galicia.
Galicia é o país convidado, con ducias de artistas na programación
Esta edición dedicada a Galicia preséntase cun subtítulo que di "A outra fin da terra. Ao final do camiño, a alegría e a calor dos celtas do sur", unha idea na que afonda Lisardo Lombardía, director do festival, festexando o "celtismo cosmopolita do século XXI".
O sábado 3 un amplo concerto de benvida dará unha boa mostra da calidade que atesoura a música galega nestes momentos: a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López 'Josele', Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Davide Salvado, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Xirandela ou Bouba. O luns 5 será a Gran Noite da música galega, coas actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria (que repetirán o martes), Tiruleque e os e as artistas que xa subiran o escenario dous días antes. Ademais, o mércores pola noite os protagonistas serán Milladoiro, o xoves será a quenda de Carlos Núñez e o sábado 10 Mercedes Peón será unha das encargadas de pechar o festival.
A ampla representación galega deixarase ver así mesmo na carpa Galician Tunes, que vai acoller 55 concertos nos que participarán 15 artistas e agrupacións con máis de trescentos músicos implicados e implicadas
Entre a ampla delegación galega non figuran gaitas marciais (tamén denominadas popularmente "marcianas" por ser unha imitación recente das gaitas escocesas). Así foi decidido o pasado verán, cando se decidiron os criterios que debían rexer a selección das propostas artísticas que representarían o noso país en Bretaña.
800.000 persoas pasarán polo evento, no que 4.500 artistas participarán nos 120 espectáculos programados
O festival, polo que pasarán 800.000 persoas, é un punto de encontro fundamental do mundo celta. Dende a súa primeira edición no ano 1971 vén servindo de espazo de encontro para a cultura de Escocia, País de Gales, Cornualles, Illa de Man, Irlanda, Asturias e Galicia. As súas dimensións, que medran cada ano, dan unha mostra da súa importancia: 120.000 entradas vendidas para os concertos, 4.500 artistas, 1.000 voluntarios e voluntarias, 120 espectáculos, 11 escenarios...
Ademais dos concertos programados, Lorient acolle nos días que dura o festival numerosas actividades: un mercado do libro, un mercado intercéltico, desfiles de grupos tradicionais, xogos tradicionais bretóns e a beleza do peirao dos países célticos, con embarcacións tradicionais de todos os territorios participantes.