“O folclore é a actividade máis masiva en Galicia, moito máis que o fútbol”

Xosé Lois Romero Dominio Público Praza Pública

Xosé Lois Romero & Aliboria. Ese é o novo proxecto que está a agromar na nosa música. Trátase dun grupo de dez músicos que encabeza Romero -coñecido por formar parte de bandas como Vaamonde, Lamas & Romero, Nova Galega de Danza ou aCadaCanto- e cuxo obxectivo é traer a un plano contemporáneo a percusión tradicional galega. Os instrumentos de percusión, lembra Romero, foron os únicos que “non evolucionaron” dentro da nosa cultura a diferenza da gaita ou da pandeireta. Aliboria nace así para emendar esta parálise e dará como primeiro paso a gravación do seu primeiro disco. Farano na Casa Gasamáns (Ames) nunha serie de actuacións ao vivo de público reducido. Romero encabeza unha formación integrada por unha serie de alumnos que agora, tras anos explorando a riqueza da percusión galega, convértense en compañeiros e compañeiras de proxecto. Os seus nomes son: Alejandra Montero, María Montero, Andrea Montero, Mariana Montero, Ramón Dopico, Jorge García, Cristina Sánchez, Cristina Pico e Antonio Prado.

Aliboria é un termo que se refire a algo mal feito, pouco ordenado, mesmo desastroso. Non parece o mellor nome posible para un grupo...

O que me resulta interesante do nome é o feito de que hai unha sorte de idioma paralelo ao oficial. Como todos sabemos, hai moitísimas palabras territoriais que non aparecen nos dicionarios, pero que están normalizadas en zonas determinadas. A min gustábame o concepto desa cultura popular que non está tan formalizada, pero que realmente é tan rica como oficial. Gustábame tamén a súa sonoridade. E por último, o seu significado resulta máis amplo que ese concepto de desastroso; ten outra acepción moi interesante: refírese a todo aquilo que sae do normal.

"Aquí ocorre o seguinte: nunca antes atopara xente que enfocase a percusión tradicional galega do mesmo xeito que eu a enfoco"

En certo xeito, é un proxecto que pode lembrar ao de Xabier Díaz e as Adufeiras, no senso de que tamén son alumnos que dan o salto ao mundo profesional. Como é caso de Aliboria?

Aquí ocorre o seguinte: nunca antes atopara xente que enfocase a percusión tradicional galega do mesmo xeito que eu a enfoco. Eu vexo a percusión cunha formulación totalmente moderna e contemporánea, cando a percusión non ten esa visión polo xeral. A percusión é o único elemento da música tradicional que non evolucionou. Eu meditei durante moitos a este respecto e traballei nesta dirección. Chegou un momento en que moitos amigos e compañeiros insistiron en que debía promocionar esta percepción e o meu traballo nesa liña. Entón, aparece a xente de Aliboria. Son alumnos meus, todos da contorna da Coruña e de Ferrol, que tiveron unha serie de profesores anteriores moi bos, como -por poñer un exemplo- Pedro Lamas. E chegaron a min cun nivel moi interesante e precisaban seguir cunha liña ascendente. E ademais, tiñan unha dedicación e unha precisión moi concreta, necesaria para esta visión da percusión que teño. E funcionou tan ben que dixemos: hai que tocar en público, isto non pode quedar así

E a primeira vez que tocaron como un grupo foi en outubro, en Gasamáns, na residencia da orquestra de percusión ibérica Coetus.

Fixemos unha actuación antes, unha foliada en Miño. Pero si que é certo que o nacemento oficial, o bautismo cun sentido de concerto e de repertorio, foi aí, en Gasamáns. E obviamente, para nós foi entrar no templo da percusión de medio mundo, porque Coetus representa a vangarda da percusión. Foi un bautismo de ouro.

"O concepto do repertorio é moi simple: cantos tradicionais acompañados de percusión tradicional arranxada de forma contemporánea"

Se falamos de repertorio, que atoparemos no disco?

O concepto do repertorio é moi simple: cantos tradicionais acompañados de percusión tradicional arranxada de forma contemporánea. Primeiro, hai que destacar que a singularidade da proposta está, en primeiro termo, na forza do canto das rapazas do grupo, que teñen unhas voces brutais. E neste punto, sempre aproveito para confesar unha cuestión: son un auténtico devoto das novas xeracións de músicos do folclore pola súa implicación e pola súa calidade brutal. Tamén hai que dicir que posúen un respecto e unha convicción total no folclore. Todo iso é o que vai dar as á nosa música para moitísimos anos e realmente servirá para chegar a unha calidade máis elevada que a que tivemos até agora.

Volvendo a Alibroia, pois creo que hai que destacar  por un lado as voces destas rapazas e polo outro a sofisticación dos arranxos. Se o queremos resumir todo nun obxectivo? Pois o fundamental é recuperar a forza da música tradicional que se perdeu nos últimos anos.

"O canto tradicional é de aire libre, de forza e de volume; pero normalmente para o mundo dos traballos discográficos e para certo concepto do pop... todo debe resultar moito máis comedido"

Por que e como se perdeu?

Sufriuse unha especie de adaptación. Quero dicir, o canto tradicional é de aire libre, de forza e de volume; pero normalmente para o mundo dos traballos discográficos e para certo concepto do pop... todo debe resultar moito máis comedido. Entón, no cruce da música tradicional con esas cuestións, houbo elementos que se deixaron de lado. Está claro que se gañaron outros, pero é unha cuestión de concepto. Pero neste caso, unha das cousas que máis impacta do que facemos nós é a forza e a actitude de botar para fóra, de recuperar esa música de volume.

Quería preguntarlle polo paralelismo entre as Adufeiras e Aliboria. A mecha das dúas bandas prendeu na formación. As primeiras, son alumnas de Xabier Díaz. En Aliboria, o mestre é Xosé Lois Romero. Ademais, os discos fundacionais de ambas as dúas formacións coinciden no tempo. 

"Vai haber moita xente que lles busque paralelismo aos dous proxectos. E, obviamente, están aí. As Adufeiras son alumnas de Xabier e os Aliboria, como dis, son meus. A partir de aí, o desenvolvemento vai por camiños diferentes"

Vai haber moita xente que lles busque paralelismo aos dous proxectos. E, obviamente, están aí. As Adufeiras son alumnas de Xabier e os Aliboria, como dis, son meus. A partir de aí, o desenvolvemento vai por camiños diferentes. Porque el traballa máis co punto de vista vocal e eu cos arranxos de percusión. É curioso a coincidencia no tempo, pero ten que ver con determinados ciclos da música. E neste ciclo, coido eu, que se está a producir unha volta ás orixes. No meu caso, é evidente, porque volvo á percusión, á miña vocación real, despois de dedicarme ao acordeón e ser coñecido por todos polo meu traballo de acordeonista. Pero repito, eu son percusionista por vocación.

Despois está esa transmisión pola vía da formación, pero non se produce tanto porque haxa grupos que se formen a través de músicos anteriores, senón porque se está a dar un relevo xeracional que resulta ascendente en calidade. Quero dicir, a xente parte dun nivel moito maior. Hai rapaces e rapazas novas cunha calidade que abraian e é xente que quere ter unha vinculación real coa música tradicional. A min, persoalmente, paréceme un agasallo atopar este tipo de xente nova tan implicada.

Nos últimos tempos en Praza entrevistamos a Quique Peón ou a Xabier Díaz. Ambos coincidían con esa visión, coa gran calidade de músicos que están a chegar. Mesmo dicían que era o mellor momento para a música galega, que era un nivel que non coñeceramos até agora...

Si, si, iso é así.

Pois non sei se iso os deixa a vostedes en moi bo lugar. Se agora todos os que chegan son mellores...

[Risos] Eu quedo en mal lugar encantado da vida! Non podemos desexar nada mellor. É impresionante ver como todo foi a mellor. Teño falado con Quique, por exemplo, do que vemos agora nunha foliada... Como a xente baila, canta, toca... Quen nos ía dicir despois de tantos anos que a cousa ía chegar a este nivel? Temos que estar orgullosos todos e, xa che digo, eu encantado de quedar de pataca. [Risos]

"Se levamos as nosas propostas fóra, arrasamos. E non somos conscientes, sobre todo porque só nos comparamos entre nós e nos faltan referencias"

E Pedro Pascual, nunha entrevista o ano pasado, comentaba que había grandes músicos, pero que era moi difícil poder vivir da música na actualidade. Desaproveitarase esa canteira polas circunstancias económicas e profesionais que vivimos na actualidade?

Hai dous elementos para ter presentes. Por un lado, que o folclore, a música e a danza alimentan tanto os corazóns das persoas que a xente se dedica a isto sen buscar de entrada un obxectivo profesional. Pero o 90% desta xente quere seguir vinculado a esta actividade porque fai que un se sinta realizado. Pero polo outro lado está a eterna desgraza deste país, incapaz de saír fóra e de promocionar a calidade posúe. Se levamos as nosas propostas fóra, arrasamos. E non somos conscientes, sobre todo porque só nos comparamos entre nós e nos faltan referencias. Pero a xente que vén de fóra, queda flipada. Por exemplo, Coetus. Cando viñeron a Gasamáns, en outubro, fliparon. Non comprendía como a xente tocaba tan ben e bailaba tan ben. É que non somos conscientes das nosas posibilidades. E eu digo sempre unha cousa: O folclore á actividade máis masiva de Galicia, máis que o fútbol ou calquera outra cousa. Aínda así, non se entenden moitas cousas. Parece que saír de Galicia coa túa música é emigrar a América. E pensa que quedar só en Galicia, implica tocar nos oito sitios de sempre e acabou o conto. Non hai máis. Despois, con tempo, sacas un novo disco e volves a eses oito lugares. E o público é o mesmo, claro.

Volvendo ao disco, que instrumentos atopamos neste traballo de Aliboria? Entendo que serán un feixe...

Son un feixe deles, porque a percusión en Galicia é a máis rica de Europa. Non sei se pode afirmar con tanta rotundidade, pero o que está claro é que hai tropecentos mil instrumentos de percusión que están vivos, que se usan, que se escoitan e non hai que ir buscalos ao Museo do Pobo Galego. Ademais, temos instrumentos que cobren o conxunto da pirámide tímbrica: instrumentos graves, outros agudos, con parche, de madeira, de metal... Hai de todo. E despois, hai que ter claro que cada instrumento contén a súa propia linguaxe.

"Sempre digo unha cousa: a limitación dos instrumentos está nos músicos. Ou dándolle a volta, as posibilidades dese instrumento dependen da capacidade artística do intérprete"

Sempre digo unha cousa: a limitación dos instrumentos está nos músicos. Ou dándolle a volta, as posibilidades dese instrumento dependen da capacidade artística do intérprete. Así evolucionaron a gaita ou a zanfona. Sempre funcionou así, a evolución baséase no simple feito de que un músico se pregunta que non fai o instrumento e de que maneira se pode facer. Cando se consegue, se a xente o considera un avance útil, queda aceptado. Así evolucionaron sempre os instrumentos. No caso da percusión, eu teño unha visión con cousas que algunhas gustarán máis e outra menos... Pero o que a min me gustaría é que houbese máis músicos que buscasen posibilidades da percusión.

E despois, non sei se dicirche os instrumentos do disco, son un lote deles...

Diga catro ou cinco que lle parezan fundamentais. 

Para min o instrumento que me desenvolveu, que me activou unha parte estética, foron as parrañolas. Son dous paus que se tocan coas mans e que nun principio eran un xoguete dos nenos, unha especie de carraca. É un instrumento minimalista, que fai moi pouco de entrada; pero permitiume desenvolver moitas cousas a posteriori. E logo no outro extremo está a pandeira, que o ten todo. Ese é o alfa e o omega, polo medio están as tixolas, os bombos, as pandeiretas...

 

Xosé Lois Romero Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.