Unha ducia de artistas e grupos galegos na programación do Festival Intercéltico de Lorient
Este venres comeza na Bretaña a 49ª edición do seu Festival Intercéltico, no que este ano Galicia é o país convidado. Ata o 11 de agosto ducias de artistas e bandas pasarán polo evento, no que a música galega será protagonista. Milladoiro, Mercedes Peón, Xosé Lois Romero,Tiruleque, Pablo Seoane... Un auténtico dream team da música do país.
-
01
Pablo Seoane
Tradigaita entrevista neste vídeo a Pablo Seoane, un dos responsables da delegación galega que viaxa a Bretaña. Na presentación da programación do noso país no festival, Seoane destacou que "tocar en Lorient é o máximo para un gaiteiro"
-
02
Xosé Lois Romero & Aliboria: Caroi
Xosé Lois Romero & Aliboria actuarán en Lorient o luns na "Gran noite de Galicia" e repetirán ao día seguinte. Aliboria é un colectivo de novos músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que dende o ano 2016 reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia
-
03
Xacarandaina
Xacarandaina repite no Festival de Lorient, onde volverá ofrecer un espectáculo de baile e música tradicional cunha coidada escenografía. A entidade cultural coruñesa naceu no ano 1978 co obxectivo de “educar para o mellor disfrute do lecer”
-
04
Milladoiro: Alborada de Corcubión
Milladoiro, unha das formacións clave do folk galego nas últimas catro décadas, será o gran protagonista da programación na noite do mércores 7 de agosto. O grupo, que celebra o seu 40 aniversario, publicou o pasado ano Atlántico, o seu 19º álbum
-
05
Mercedes Peón: Déixaas
Mercedes Peón é dende hai moitos anos unha das artistas máis innovadoras da música galega, cunha produción entre a vangarda e a tradición pola que foi amplamente recoñecida internacionalmente. O pasado ano publicou Déixaas, o seu quinto disco. Actuará no concerto de peche do festival, o vindeiro 10 de agosto.
-
06
Tiruleque: Cortellas
Os coruñeses Tiruleque formarán parte do espectáculo conxunto "A gran noite de Galicia" e, ademais, actuarán de novo o venres 9 de agosto. En activo dende o ano 2002, o pasado ano publicaron Outro que tal baila.
-
07
Abraham Cupeiro: O anel de pedra
Abraham Cupeiro é construtor e multiinstrumentista e realiza un abraiante labos de recuperación de instrumentos esquecidos, como a corna, o karnyx ou a trompeta barroca. Con eles desenvolveu proxectos como Panxea ou Os sons esquecidos
-
08
Davide Salvado: Lobos
Davide Salvado actúa este sábado no concerto de presentación de Galicia como país convidado. Salvado é un dos máis destacados renovadores da tradición galega, con tres discos publicados e unha longa traxectoria en formacións moi diversas como Ecléctica Ensemble, Cabaret d'Aquí ou na banda de Xosé Manuel Budiño.
-
09
Carlos Núñez: Entrelazado de Allariz
Carlos Núñez será a grande estrela da programación de Lorient o 8 de agosto, nunha actuación na que participarán convidados como Alan Stivell ou Bagad Cap Caval. Descuberto polos Chieftains con só 13 anos, desenvolveu unha carreira de éxitos que o converteron nun dos artistas galegos máis coñecidos internacionalmente.
-
10
Xirandela: Solpor
A Asociación Cultural Xirandela naceu en Madrid no ano 2011 e dende alí transmite e difunde a cultura tradicional galega, sobre todo (pero non só) aos galegos e galegas alí residentes.
-
11
Bouba Pandereteiras: As Cortellas
As pandereteiras de Bouba participarán tamén tanto no concerto de benvida coma na "Gran Noite". Con A Máquina de Mallar formaron o proxecto Lévedo, unha fusión perfecta de música de raís e rock progresivo, nun encontro explosivo, sinérxico e cargado de identidade(s)
-
12
Banda de Gaitas de Forcarei
A Banda de Gaitas de Forcarei e a Banda Municipal de Silleda forman parte da delegación galega e terán unha participación moi destacada nos dous concertos conxuntos programados. Os de Forcarei coñecen xa Lorient, onde xa desfilaron e actuaron en edicións anteriores.