Petiscos musicais para celebrar a unión das oito nacións celtas en Ortigueira

Personaxes representados no cartel do Festival de Ortigueira neste 2019 © Festival de Ortigueira

Nos últimos anos o Festival de Ortigueira apostou por recuperar a súa esencia, achegándose máis ás súas raíces e, nalgún caso, eliminando elementos que, por razóns diversas, se lle foran agregando cando tornou definitivamente nun evento de masas. Corenta anos despois do seu nacemento, o Festival Internacional do Mundo Celta fai neste 2019 unha nova aposta por "volver á orixe da cultura que empapa esta celebración musical, cultural e histórica" e por iso, dende o lema anunciador, fan "un chamamento ao resto de nacións celtas, convidándoas a compartir connosco un novo festival".

O Festival de Ortigueira aposta por "volver á orixe da cultura que empapa esta celebración" baixo o lema 'Oito nacións, unha cultura'

Oito nacións, unha cultura é o lema desta edición do Festival de Ortigueira e o seu cartel anunciador, obra de Cristian F. Caruncho, representa esas oito nacións cos "grandes protagonistas" do evento, os músicos, coa emblemática praia de Morouzos como fondo. Unha punkiereteira asturiana, unha arpista de Gales, un representante de Cornualles a tocar o bodrhan, un gaiteiro escocés, unha frautista bretoa, unha violinista da Illa de Man, unhas bailarinas irlandesas e un vello gaiteiro galego protagonizan un cartaz que ten o mesmo propósito que o vídeo producido para a ocasión: "a unión das oito nacións celtas en Ortigueira".

En vésperas do festival, que se celebra do 11 ao 14 de xullo, achegámonos a algúns petiscos musicais da ampla programación que comezará o xoves, coa inauguración do festival na Praza de Isabel II, a interpretación do himno galego por parte da Escola de Gaitas de Ortigueira e o izado das bandeiras das oito nacións celtas. A continuación comezará a música no escenario central do festival. Velaquí algunhas das bandas que pasarán por el.

Gwendal

Uns históricos bretóns do "rexurdir celta nos anos 70", resaltan dende a organización do Festival de Ortigueira. Tras unha ducia de discos editados e corenta anos polos escenarios de toda Europa, os seus temas son case himnos do xénero. 

O jazz ou o rock tamén teñen ecos no seu repertorio, inspirado maioritariamente en melodías populares. Nestas imaxes, a banda tocando en Ortigueira en 2013.

The Moving Hearts

Fusión de sons tradicionais de Irlanda coa música urbana. Nados a comezos dos 80, os Moving Hearts mesturaron múltiplas influencias nunha intensa primeira xeira da súa traxectoria que finalizou nos anos 90, cando chegaron a interpretar o seu concerto de despedida. 

Pero en 2007, cando saíu á luz a súa Platinnum Collection, decidiron "seguir explorando", a comezar por un disco gravado ao vivo en Dublín. E velaquí seguen.

Project Smok

Este trío escocés naceu como dúo en Glasgow no 2017. Ao ano seguinte xa eran tres e xuntos "fixéronse oco na escena da música tradicional con gran velocidade", destacan dende o Festival de Ortigueira. Un dos seus valores, a mestura da música tradicional "co explosivo e, por momentos, non convencional de diversos estilos".

Chegan ao Festival de Ortigueira co aval de seren nomeados na categoría Best Up and Coming Artist nos Scots Trad Awards. Traen consigo, ademais, un proxecto para un inminente segundo disco, que verá a luz neste verán.

Leilía

As Leilía chegan a Ortigueira en plena celebración do seu trixésimo aniversario, do que nace o seu espectáculo CantarElas, unha nova aventura "cos pés postos no novo traballo discrográfico, pero coa ollada posta nas orixes e ao percorrido xuntas".

Temas emblemáticos da súa traxectoria dende os xa históricos Leilía ou I é verdade i é mentira ata os máis actuais, como Consentimento, estarán presentes na súa actuación en Ortigueira. O festival convida a acompañalas e "perocrrer unha historia chea de fabulosos momentos" e de retallos de historia da tradición e da música galega.

Cartaz do Festival de Ortigueira 2019 © Festival de Ortigueira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.