A primeira fin de semana de xullo vibra ao son dos festivais

A edición 2018 de Portamérica © Portamérica

Aínda que as altas temperaturas se resisten a chegar neste mes de xullo, esta fin de semana a música e a festa comezarán a quentar o ambiente no verán galego. Son varias as citas imprescindibles que cruzan o país de norte a sur e de leste a oeste, de Viveiro a Caldas de Reis, de Vimianzo á Estrada. E hai, ademais, para todos os gustos, dende o rock pesado e con sabor a metal do Resurrection Fest ao pop e os ritmos bailables do Portamérica. Por haber, mesmo hai en Vimianzo un asalto a un castelo e na Estrada un evento tan único e inesquecible coma a Rapa da Bestas, citas estas dúas nas que tampouco faltará a música. Non quedan escusas para ficar na casa.

Este sábado ao mediodía os animais serán baixados ata o recinto de Sabucedo, onde ás sete da tarde terá lugar o primeiro curro, que se repetirá o domigo ás 12 do mediodía

Comezamos por aquí, por unha Rapa das Bestas de Sabucedo que cada ano atrae a máis xente e adquire sona dentro e fóra das nosas fronteiras. Festa declarada de Interese Turístico Internacional. A actividade comezou este venres, moi cedo, ás seis e media da mañá, cunha misa en honor a San Lourenzo, patrón de Sabucedo. Ás sete saíuse desde O Celeiro para buscar as bestas e ás dúas do mediodía xuntáronse as greas no Peón para baixalas ata o peche do Castelo. Este sábado ao mediodía os animais serán baixados ata o recinto de Sabucedo, onde ás sete da tarde terá lugar o primeiro curro, que se repetirá o domigo ás 12 do mediodía.

O festival Rapasóns traerá o venres a Tanto nos ten, Monoulious Dop, Os Benignos e Funkiwis. O sábado será a quenda de Mekanika Rolling Band, Tequexeteldere, Airiños de Caldelas. E o domingo, xornada grande, actuarán Rosa Cedrón, Festicultores, Oradaladou, Pandereteiras do Val de Quireza, Con Foula, Pablo Díaz, De Vacas e Os Carunchos.

Slayer, Slipknot, Parkway Drive, King Diamond, Lamb of God, Within Temptation, Gojira, Arch Enemy, Trivium, Berri Txarrak ou Cradle Of Filth actúan en Viveiro

En Viveiro, o Resurrection Fest inaugurou este mércores a súa XIV edición, que ten en xoves, venres e sábado os seus días grandes, cun cartel de primeiro nivel no que destacan Slayer, Slipknot, Parkway Drive, King Diamond, Lamb of God, Within Temptation, Gojira, Arch Enemy, Trivium, Berri Txarrak ou Cradle Of Filth. 

Milleiros de persoas procedentes de toda a Península peregrinaron nos últimos días ata Viveiro para asistir ao máis importante festival de heavy, metal e hardcore do Estado. O pasado ano superouse a cifra de 80.000 asistentes, que de seguro se manterá na presente edición.

Haberá concertos de A Requinta da Laxeira e Blues do País (venres) e, sobre todo, de Luar na Lubre, Esne Beltza, Mafalda e Skandalo GZ (sábado)

En Vimianzo na noite do sábado ao domingo terá lugar o Asalto ao Castelo, o momento máis importante de tres días de celebracións que incluirán os concertos de A Requinta da Laxeira e Blues do País (venres) e, sobre todo, de Luar na Lubre, Esne Beltza, Mafalda e Skandalo GZ (sábado). O pregón correrá a cargo da xornalista Alba Mancebo e haberá tempo para Aturuxos Irmandiños (unha arenga Musical con Medio Quinhón), unha historia Dramatizada do Castelo ou para o Asaltiño (o asalto reservado para os nenos e nenas). Todo nun ambiente de festa rachada que comezará xa este venres (aínda que xa vén habendo actividades previas) e que chegará ata o domingo.

Rozalén ou La Casa Azul (xoves): Madness, Amaia ou Carolina Durante (venres) e Andrés Calamaro ou DePedro (sábado) encabezan o cartel

Portamérica, que chega á súa oitava edición, está xa plenamente consolidado en Caldas de Reis, onde se trasladou dende Nigrán hai dous anos. Na Carballeira de Caldas soarán este ano Rozalén ou La Casa Azul (xoves): Madness, Amaia ou Carolina Durante (venres) ou Andrés Calamaro ou DePedro (sábado), tres xornadas nas que haberá tamén un espazo para a gastronomía, cun showcooking no que destaca a presenza de destacados chefs galegos e do resto do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.