De Verónica Boquete a Baiuca ou Andrés Goteira, vídeos que amosan as "novas voces para a lingua"

Presentación de 'Novas voces para a lingua' © RAG

A Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela presentaron este martes o seu proxecto Novas Voces para a Lingua, unha iniciativa audiovisual que buscar "conectar a mocidade co idioma" e que se comeza cunha serie de cinco vídeos protagonizados por mozos e mozas "que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional".

O proxecto comeza con cinco vídeos protagonizados por mozos e mozas "que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional"

Así, no primeiro destes vídeos podemos ver unha entrevista á futbolista Verónica Boquete e ao xornalista e atleta Víctor Pérez Currás, baixo o título "Conseguiremos un camiño por correr". A esta peza seguirán outras catro, nas que falarán os músicos Alejandro Guillán Baiuca  e Laura Lamontange (Conseguiremos saber ollar un novo mundo); o director de cine Andrés Goteira e a estudante de cine Sara Hermo (Conseguiremos querer querernos moito máis); Areta Bolado, Ailén Keldenman e Noelia Castro, integrantes da compañía A Panadaría Teatro, e o tamén actor Daniel Celester (Conseguiremos reivindicar o desexo); e a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga, quen dialoga nunha colaboración especial co xenetista Ángel Carracedo (Conseguiremos a alegría de descubrir).

Verónica Boquete: "Para min, que estou fóra, unha lingua propia ten moito valor. Cando explico que temos unha lingua propia, as persoas sorpréndese, para elas é un luxo, é un privilexio ter algo que te faga especial, que te diferencie"

A conversa con Verónica Boquete foi gravada no estadio que leva o seu nome e onde de cativa ía ver xogar á SD Compostela. No vídeo, Boquete cóntalle a Víctor Pérez Currás como foron os seus comezos no fútbol e como cambiou tamén co paso do tempo a súa relación coa lingua. "Recordo que de cativa [o galego] só se falaba na casa ou na aldea, e creo que iso está mudando. Cada vez a xente recoñece máis o valor de ter unha lingua propia, somos máis conscientes", di a estrela do fútbol internacional. "Para min, que estou fóra, unha lingua propia ten moito valor. Cando explico que son dun recuncho do norte de España e que temos unha lingua propia, as persoas sorpréndese, para elas é un luxo, é un privilexio ter algo que te faga especial, que te diferencie", engade.

"Queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI", di Víctor Freixanes

Na presentación do proxecto, Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, subliñou que o título xenérico dos vídeos (Conseguiremos) é tamén "unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo" pois quérese amosar "unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e mesmo para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte, o cinema...". "Queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI. A lingua é nosa, facémola entre todos. Cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo", engadiu Freixanes.

O proxecto foi ideado por tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, Paula Quiroga (directora), Meritxell Álvarez (produtora) e Lois Alcayde (guionista), con quen faláramos hai un ano ao fío do documental Domingos Merino: Outra Coruña Posible.

"A lingua é unha ferramenta que nos abre ao mundo pero que tamén nos abre a nós mesmos"

"A lingua está aí. Atopamos que unha vez que temos eses espellos en que mirarnos vemos que nós tamén temos unha relación especial coa lingua", explica Paula Quiroga. "A lingua é unha ferramenta que nos abre ao mundo pero que tamén nos abre a nós mesmos. Falamos con xente que a vencella á súa terra, á familia, pero tamén fai cinema en galego e que compite en festivais internacionais", reflexiona Lois Alcayde. "Eu defendo o galego e fáloo, pero non sabía que tiña o valor de poder chegar tan lonxe. Nestas rodaxes coñecemos moita xente que o usa incluso fóra de Galicia", di Meritxell Álvarez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.