O LGx15 vén de comezar a difusión dos vídeos das charlas para o futuro da lingua que se desenvolveron o pasado día 24 de novembro no marco do proxecto organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
O primeiro dos vídeos que foi publicado e xa se pode ver na canle de Youtube da CTNL, é o da charla Primavera millennial para o galego, da comunicadora e costureira de Internet María Yáñez. Nela, como lembran, a protagonista demostra que "na rede hai unha chea de cousas que molan un mundo".
O primeiro dos vídeos que se pode ver é o da charla 'Primavera millennial para o galego', de María Yáñez
Segundo a organización deste proxecto, o resto de charlas iranse publicando ao longo do mes de xaneiro, todos os martes e xoves, segundo o calendario previsto (no anexo). O xoves 12 será a quenda de Alberto Lamazares para, a continuación, poder gozar dos vídeos, por orde cronolóxica, de Diana Fernández e David Díaz, Rosalía Fernández, Belén Regueira, Mark Wiersma, Elena Ferro e Marcus Fernández
Son en total oito charlas breves, dun máximo de 15 minutos cada unha, nas que se transmite de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o uso e prestixio da lingua galega. Todas elas tiveron lugar no evento celebrado na Sala Capitol de Santiago de Compostela o 24 de novembro e foron desenvolvidas por voces ben diversas.
Elena Ferro é zoqueira e falou sobre a necesidade de defender o noso; Marcus Fernández, webmáster de Código Cero, que falou das TIC en galego;, Alberte Lamazares, labrego, que tratou un dos principais usos da lingua: falar; Mark Wiersma, músico estadounidense que marchou até o ano 2050 coa lingua e o son; Belén Regueira, comunicadora convertida ese día en conselleira para neofalante;, Diana Fernández e David Díaz, blogueira/o de Bolboretas no bandullo que mesturaron ingredientes culinarios e lingüísticos; María Yáñez, costureira de Internet que demostrou que hai vida despois do Xabarín coa primavera millennial; e Rosalía Fernández Rial, profesora e poeta, que aclarou como a nosa lingua é latente de todas as demais.