A Coruña eleva a figura de Pucho Boedo: un mural xigante para un artista enorme

Inés Rey e Brais Rodríguez, ante o mural elaborado por este último no barrio do Ventorrillo CC-BY-SA Concello da Coruña

A Coruña volve homenaxear a Pucho Boedo. Desta vez, cun mural de 20 metros onde a súa figura agarrando o micrófono destaca sobre referencias aos dous grandes grupos da súa vida —Los Tamara e Los Satélites—, á súa obra e á cidade que o venera coma a poucos. 

O comezo este venres das festas do Ventorrillo, barrio onde pasou  parte da súa vida, foi a data elixida para dar por rematada e inaugurar unha pintura impulsada por asociacións de veciños, sufragada polo Concello e obra do coruñés Brais Primo Rodríguez. Unha enorme fachada dun edificio da rúa Mosteiro de Toxos, coa inscrición Miña Terra Galega, dedicada a un grande artista que, como lembra sempre Xurxo Souto, virou "en lenda" tras a súa morte en 1986. 

O mural dedicado a Pucho Boedo, aínda en elaboración CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O mural loce agora a poucos metros onde hai xa anos se ergueu unha estatua que recorda tamén o cantante, nun tradicional barrio coruñés onde pasou tantos anos e onde aínda moita veciñanza o lembra. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou este venres a obra e destacou que Pucho Boedo "é un deses coruñeses que levaron o nome da cidade alá onde actuaban". "Calquera homenaxe que lle fagamos é máis que merecida", insistiu. 

O Ventorrillo, barrio onde pasou anos Pucho Boedo, loce un mural de 20 en homenaxe do artista e a só uns metros da súa estatua

Desde o Concello destacan a relevancia dun cantante "coñecido pola súa voz cálida e popular que o converteu nunha das grandes figuras da música galega do século XX" e sinalan tamén "o seu estilo sinxelo e próximo ao público" que fixo del "un artista moi querido, ata o punto de ser lembrado como o crooner galego". "A súa memoria continúa viva grazas ás gravacións e á fonda pegada que deixou na cultura musical popular", engade. 

Ademais da inauguración do mural, as festas do Ventorrillo levarán a cabo tamén a tradicional ofrenda floral a Boedo no centro cívico da Silva, aldea lindeira co barrio onde naceu o cantante en 1929. Onde seu pai, José Boedo, membro da CNT asasinado polo fascismo en 1936, e os seus irmáns José Antonio, tamén fusilado, e Manuel, fuxido con 16 anos. 

Unha traxedia sendo Pucho aínda un cativo e que marcaría toda a súa vida e mais a súa carreira artística. "Unha dor da que non lle estaba permitido falar, mais que podía expresar á fin cada vez que subía ao escenario", destacou sempre Xurxo Souto.

Ao acto deste venres no Ventorrillo acudiron tamén Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo; Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, así como os representantes veciñais do Ventorrillo e da Agra do Orzán. A iniciativa contou coa colaboración de Ricardo Seixo, responsable de Cultura da Asociación de Veciños do Agra do Orzán. 

Foi antes do inicio das festas do barrio, que contarán precisamente coa actuación da orquestra Los Satélites a partir das 22 horas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.