O pasado mes de xaneiro finou Domingos Merino, primeiro alcalde da Coruña trala fin da ditadura. Nos días seguintes á súa morte comprobouse o afecto que o ex-rexedor espertaba nunha parte importante da sociedade coruñesa e centos de persoas pasaron Pazo de María Pita para dicir adeus e "aquel rapaz da rúa Marconi", como destacou Lourenzo Fernández Prieto no acto de despedida. Merino xa recibira unha homenaxe dos seus amigos en abril de 2014 e o seu breve mandato estivo moi presente na investidura de Xulio Ferreiro como alcalde en 2015 e na moción de confianza que superou en 2017. Porén, non existía ata agora unha reflexión en profundidade sobre a súa xestión como alcalde, a súa derruba ou sobre o modelo de cidade que representou.
Lois Alcayde Dans, Paula Durán e Paula Quiroga, estudantes de Xornalismo na USC están a rematar un documental sobre a cuestión, Domingos Merino: Outra Coruña Posible, un filme que se poderá ver a partir deste mes de setembro. A peza, que naceu como un traballo de clase, foi crecendo en tamaño e en ambición, indo máis aló do relato sobre a xestión do primeiro alcalde da Coruña trala restauración da democracia e buscando interrogarse sobre a Coruña que Merino defendeu e impulsou e a Coruña que puido ser, que permaneceu soterrada e de cando en cando emerxe. No documental, do que xa se pode ver un primeiro trailer, aparecen as voces de Manuel Rivas (xefe de prensa de Merino nos seus anos no Concello), Xulio Ferreiro ou da ex-concelleira María Xosé Bravo. Falamos con Lois Alcayde Dans, guionista.
"Falar de Merino é falar desa outra Coruña, unha cidade popular, cun intenso pasado republicano, cunha loita obreira tremenda, unha Coruña galeguista, na que naceron as Irmandades da Fala"
Como nace o proxecto de documental e esa intención de facer un relato desa outra Coruña?
Estudamos Xornalismo na USC e o documental xurdiu como un traballo de clase, como unha reportaxe. Nun comezo iamos realizar unha montaxe de 25 minutos, falando con Manuel Rivas, con María Xosé Bravo e con Xulio Ferreiro. Porén, o proxecto foi crecendo: comezamos a atopar máis e máis fontes. Porque, efectivamente, no documental non só falamos de Merino, senón que falamos desa outra Coruña que sempre existiu fronte á oficial. Esa outra Coruña que combate o estereotipo, nacido na ditadura e alimentado despois, dunha cidade distante, altiva, señorita, soberbia. Decatámonos de que falar de Merino era falar desa outra Coruña, unha cidade popular, cun intenso pasado republicano, cunha loita obreira tremenda, unha Coruña galeguista, na que naceron as Irmandades da Fala.
"A súa chegada á Alcaldía supón unha revolución, comezando pola forma en que a cidadanía se relaciona co Concello: o Concello ábrese ao pobo, que pode por exemplo asistir aos plenos"
Está sen contar a historia de Merino? Trala súa morte e tamén antes houbo algunhas homenaxes e reivindicouse o seu mandato como un símbolo, pero se cadra non se afondou demasiado no que pasou neses anos...
Houbo artigos en prensa, sobre todo despois da súa morte, pero non hai ningunha produción audiovisual sobre Merino que relatase a súa historia como alcalde. Nos últimos anos Merino xa foi recibindo algunha homenaxe pública, por exemplo a que se realizou no ano 2014. Pero en xeral foi unha figura algo esquecida e pouco reivindicada. En realidade, el foi alcalde durante só dous anos e, por exemplo, Paco Vázquez estivo 23.
Que supón a chegada de Merino á Alcaldía?
Merino chega á alcaldía nun momento de cambio absoluto, co remate da ditadura. E a súa chegada á Alcaldía supón unha revolución, comezando pola forma en que a cidadanía se relaciona co Concello: o Concello ábrese ao pobo, que pode por exemplo asistir aos plenos. E podemos establecer unha analoxía entre ese proceso e o que houbo recentemente, coa chegada ao poder do actual Goberno municipal.
"Na Coruña está habendo un proceso de cambio e de apertura e ao igual que noutras cidades de Galicia estamos vendo unha recuperación desas outras cidades posibles que non puideron ser e que aínda estamos no camiño de que poidan ser"
No documental relatades o proceso de derruba de Merino? Como foi ese proceso?
Merino chega á Alcaldía grazas a un pacto entre as forzas de esquerdas, unha alianza que despois se rompe. Pouco despois de chegar ao poder, Merino comeza a ser atacado por todas partes, non hai máis que ver as crónicas da época. Sufriu ataques constantes por parte de sectores da cidade que na ditadura gozaran duns privilexios que nese momento estaban en cuestión. E hai que salientar o papel que tivo Paco Vázquez neste bombardeo e na derruba final de Merino.
Hai nese momento unha loita entre dous modelos de cidade: unha Coruña escura e de especulación, que a que se impón, e esa outra Coruña posible da que falaba antes. Por iso o documental conta a través de Merino a historia desa outra Coruña, que sempre estivo aí e que espertou ao rematar a ditadura. Nunca hai unha soa cidade, hai moitas, e todas viven en paralelo. Esa Coruña popular dos Castros, de Monte Alto, da Gaiteira, do Orzán, da Agra, da Sagrada... unha cidade que fala galego e que sobrevive baixo a oficial.
"Sufriu ataques constantes por parte de sectores da cidade que na ditadura gozaran duns privilexios que nese momento estaban en cuestión"
Está cambiando esa imaxe que durante moitos anos se tivo de Coruña?
Na Coruña está habendo un proceso de cambio e de apertura e ao igual que noutras cidades de Galicia estamos vendo unha recuperación desas outras cidades posibles que non puideron ser e que aínda estamos no camiño de que poidan ser. A Coruña ten unha potencia creativa marabillosa, é unha cidade que foi sempre vangarda. E son optimista, creo que esa cidade emerxerá.