"Sempre penso que a música debeu nacer como unha sorte de celebración privada ou colectiva", conta o músico Xabier Díaz nunha conversa a propósito do seu novo álbum 'Axúdame a sentir', que presenta en Vigo
Xabier Díaz está na súa casa guitarreando un pouco, nun momento para el, cando atende a chamada de Praza.gal para falar de Axúdame a sentir, un disco no que volve ir da man das Adufeiras de Salitre. Colle o teléfono aínda coa guitarra na man. Son os días previos á presentación deste novo álbum, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo este sábado, 9 de marzo. Un álbum que profunda na súa pegada máis persoal e que mostra como el mesmo vai mudando cos anos, que leva por título unha frase que adoitaba dicir a súa avoa materna. Nunha xira que o levará máis alá de Galicia, destacamos que actuará o 22 de marzo no Teatro Principal de Ourense, o 13 de abril no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e o 14 de abril no Teatro Colón da Coruña.
Entende a música como un fenómeno só colectivo?
A música sempre é máis enriquecedora, divertida e mil cousas máis cando se comparte, cando dalgunha maneira tes a obriga de conectarte con outra xente. Así que por unha parte conectas coa xente está tocando contigo, que é marabilloso porque sentes o resto de pulsións e non só a túa; e ás veces dáse a marabillosa circunstancia de que tamén conectas coa xente que vai como público e está gozando dese momento. Eu sempre penso que a música debeu nacer como unha sorte de celebración privada ou colectiva.
Esa celebración colectiva é a que trata de transmitir coa súa música?
Creo que iso nos veu dado ás galegas. A cadea de transmisión deixounos esa información e ese regalo de que a música e o baile serviron como elemento vertebrador do tempo libre da sociedade, e tamén dun tempo que non era libre porque se cantaba moitísimo cando se traballaba. Lonxe de permanecer no noso recordo, continúa manifestándose hoxe en día. En calquera sitio do país se monta unha foliada improvisada. Hai algo aí de tribo e de raza que fai que sintamos esa conexión, e aí algún tipo de resorte fai que respondamos a ese aturuxo eterno, atávico e ancestral. Gústame moito esta idea, paréceme moi evocadora.
Titula o disco cunha frase da súa tradición familiar, en concreto dunha das súas avoas: Axúdame a sentir.
A miña avoa materna era unha desas sabias cunha sabedoría infinita herdada e filtrada polo paso dos anos e a experiencia, e ao mesmo tempo era unha muller tremendamente humilde e que se tiña como descoñecedora, analfabeta ou algo polo estilo. Un dos compromisos que deberamos ter como sociedade, no plano persoal, é con todos ese avós e avoas que están na casa e son fontes infinitas de información para os máis peques e para os que non somos tan peques; porque me parece que non llo expresamos abondo nin lles prestamos a atención que deberamos. Socialmente relegámolos a xogar papeis secundarios, como se estivesen nunha sorte de ocaso que non lles permite levar a voz cantante. Todos os traballos que fixen nos anos oitenta, que foi como acudir permanentemente a unha biblioteca moi grande da nosa identidade e da nosa tradición, a min axudáronme moitísimo a comprobar esa humildade e que somos o que somos en parte grazas ao que eles mantiveron vivo até o día de hoxe. E Obdulia foi unha delas, sirva este disco para facerlle xustiza.
"A miña avoa materna era unha desas sabias cunha sabedoría infinita herdada e filtrada polo paso dos anos e a experiencia, e ao mesmo tempo era unha muller tremendamente humilde e que se tiña como descoñecedora, analfabeta ou algo polo estilo"
Neste disco tamén fai un pouco de arqueoloxía nas músicas tradicionais?
Neste caso non tanto, quizá os primeiros discos que fixen tiñan máis que ver coa indagación e coa pescuda no propio cancioneiro. Pero creo que cada vez máis hai un traballo e un camiño de transformación que vai facendo que a miña proposta sexa máis autoral e teña unha vis máis creativa que os primeiros discos. Por suposto, o ADN do principio está aí e hai moitas melodías que prenden a chama do que logo vai ser a peza e a canción; pero quizá fixen ese camiño un pouco á inversa: comecei na miña xuventude participando en agrupacións que si perseguían dalgunha maneira mimetizarse coa tradición e este último disco xa ten moito máis de creación.
Nota agora a súa marca como artista nas cancións?
As Adufeiras de Salitre, desde o primeiro disco que fixemos xuntas hai xa catro discos e dez anos aproximadamente, foron o elemento vertebrador do proxecto. Diría que hai unha sonoridade implícita que está moi vencellada á súa participación. Por outra parte, Guillermo Fernández, que foi compañeiro en Berrogüetto e é o guitarrista de De Vacas, sempre que eu sentía preocupación por afastarme demasiado do que era o cerne e a tradición dicíame: “Non te preocupes, Díaz, lévalo incorporado de serie, aínda que intentaras facelo non che sairía”. Hai unha paisaxe sonora que levo cultivando dende hai moito tempo, mesmo antes de dedicarme profesionalmente á música, e creo que forma parte de min. Probablemente, nesa dupla enténdase mellor esa sonoridade que levamos conseguindo durante estes últimos anos.
As Adufeiras de Salitre son xa imprescindibles, pero neste disco hai tamén outras voces femininas e de xeracións e tradicións distintas.
Si, unha é Marta Elola, que é unha asturiana da zona oriental, de Llanes, que coñecín grazas a un amigo común o ano pasado e tocou connosco nun concerto para o que me propuxo facer esa peza que agora incluímos no disco. Prometinlle ao público asturiano que algún día faría un tema do seu cancioneiro, e aquí está esa promesa cumprida e a celebración desa amizade con Marta, que ten un talento incrible.
Tamén está unha tradi star –por dicilo dalgunha maneira– de Bergantiños que é unha das grandes informantes, que para min é como se fora unha sorte de Lola Flores ou Niña de los Peines porque ela é unha artista. Chámase Teresa dos Cucos e xa a coñecía desde hai bastante tempo, pero nos últimos anos fun consciente da desaparición de moitas destas mulleres coas que estiven durante todo aquel período de indagación. O ano pasado convideina a un concerto que fixemos no Festiletras e foi un momento súper especial. Pedro Pascual, outro dos colaboradores do disco, fixo un tema ad hoc cunha canción dela e alí saíu Teresa; foi un momento moi conmovedor e de moita gratitude por parte da xente. Despois pensei que podía ser moi bonito incluír o tema no disco, puxémonos mans á obra e aí queda esa foto desa canción xa mítica.
"Inevitablemente vas mudando e esas mudanzas vanse reflectindo na música"
O malo (ou non tanto) dos directos é que son efémeros.
Unha das cousas boas do dixital é que ten esa capacidade de perpetuar e levar, non sei se á eternidade ou a onde. Pero aí queda a voz de Teresa para sempre.
Como fai para que dentro da coherencia que vén seguindo na súa carreira, a súa música “respire distinto”, como dicía na súa entrevista no ZigZag da TVG con Pilar García Rego?
Teño a sensación de que a vida vai cambiando, que as cousas que escoito vanme facendo ser diferente e os libros que leo tamén me converten en algo diferente. A música dunha maneira moi determinante, e non só consumo música tradicional, ao revés, escoito moi pouca e en cambio escoito moita música autoral. Hai moitas mudanzas na nosa vida, moitísimas. Unha vez preguntáronlle ao rapeiro brasileiro Gabriel o Pensador: vostede de está mudando as súas músicas? E el respondeu: en realidade eu estou musicando as miñas mudanzas. E creo que pode ser un pouco iso, a miña vida está cambiando, fun pai hai dezaoito meses. Recibes un impacto que che fai velo todo dunha maneira diferente, intentas poñerte no seu lugar e flipar con esa curiosidade primeira. Así que inevitablemente vas mudando e esas mudanzas vanse reflectindo na música. Levantarse e caer, o meu disco anterior, afonda dalgunha maneira neses conflitos de infancia que non quedaron resoltos de todo; tiven que facer un exercicio case de psicanálise para regresar a aquel momento e ver como algúns deses conflitos que se manifestan hoxe teñen a súa raíz quizá no pasado. Pero, en xeral, os meus discos son máis optimistas, a música tradicional ten moito de celebración e ten moito que ver con celebrar a tribo.
Neste caso, tamén da ampliación da tribo.
Efectivamente, si.
"O que está facendo a xente moza reafírmanos na capacidade que ten este país para ter un discurso diferenciado no mundo e con moita calidade"
E da tribo musical, pois conta con novas colaboracións de músicos como Manu Sija.
Un amigo común faloume del cando fomos tocar a Bos Aires hai tres anos, convideino a un concerto alí –onde tocamos unha versión moi bonita da “Rianxeira”– e quedamos en contacto. Logo el veu de xira por España e parou en Galicia, amoseille parte das maquetas nas que estaba a traballar e el, como multi-instrumentista incrible que é, axudoume a gravar algunhas delas. Foi unha participación moi curiosa porque el ademais é de Tucumán e o seu primeiro instrumento é o violín.
Con que peza deste disco quedaría?
É moi difícil, son como todos os capítulos dun libro e se roubas un quizá non podes explicar o corpus do mesmo. Pero escollería a que lle dá nome ao álbum, que cantan integramente as Adufeiras ademais, que é unha peza de Santa Mariña, da zona de Camariñas, cun texto de Susana Trigo, que fixo tamén o limiar do disco. Musicalmente, na última parte da canción houbo algo de inspiración do meu pasado en Berrogüetto, un contrapunto cun compás moi dese estilo.
"Paréceme moi importante chequear novos públicos e estaremos sempre dispostos a tocar para mil pero tamén para dez e para cincuenta"
Dende a súa experiencia, como ve o momento actual da música en Galicia? Non tanto desde o punto de vista creativo, senón máis ben a nivel industrial, é máis doado agora ter espazos nos que compartir a música tradicional?
Ultimamente digo que non me sinto cronista do que está a pasar, senón que me sinto tamén partícipe. Entón, isto dificúltame ver as cousas dende fóra. Creo que é un momento extraordinario en xeral, o que está facendo a xente moza reafírmanos na capacidade que ten este país para ter un discurso diferenciado no mundo e con moita calidade. O que si, a min gustaríame que, dalgunha maneira, houbese unha vontade de saír do entorno máis doméstico para atopar vehículos que sexan capaces de exportar a nosa música para xerar un pouco máis de industria.
A música sempre se acaba impoñendo a todo, sexan momentos de crise ou de bonanza. A música é absolutamente necesaria, todos a necesitamos e vai transitar sempre calquera momento por difícil que sexa. Con todo, quizá o que estamos vendo ten unha dimensión máis patria e debemos buscar ferramentas que nos axuden a saír. Nós, humildemente, estámolo intentando dende hai bastante tempo, paseiño pero con pasos moi decididos.
A esta altura, o público coñece a dificultade dos artistas para pechar xiras pola Península.
Iso é un compromiso que un adquire e un sacrificio. Podo quedar na comodidade de ver como temos aquí uns cantos teatros cheos e temos o favor da xente, sen chequear o que pasaría fóra. Eu vou comezar esta xira con varios teatros do país cheos, pero vou ir tocar a moitos teatros no resto de España que non van estar nin cheos nin moito menos. Pero é algo que queremos cultivar, e niso levamos moito tempo. Paréceme moi importante chequear novos públicos e estaremos sempre dispostos a tocar para mil pero tamén para dez e para cincuenta. Eu sempre poño o símil futbolístico coa miña xente e dígolles que os partidos fóra valen o dobre. E resulta tremendamente excitante ver que somos capaces de provocar na xente.