Está a chegar o novo traballo de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, As catedrais silenciadas. É un novo álbum que chegará o vindeiro 13 de marzo coa vocación de prolongar o éxito internacional de Noró, pero do que xa temos un primeiro petisco, No salón das cereixas.
Como explica o propio Xabier Díaz, este primeiro sinxelo do novo disco é "un pasodobre que homenaxea as nais e as avoas que conservaron a lírica e a música popular". "Elas son -agrega- as principais responsables de que o folclore chegase vivo aos nosos días".
O primeiro sinxelo d'As catedrais silenciadas é "un pasodobre que homenaxea as nais e as avoas que conservaron a lírica e a música popular"
Mostra da importancia desta conservación da música popular é que este No salón das cereixas nace do relato de Consuelo dos Queixos, unha muller de Berdillo (Carballo). Alí, explican dende o equipo de Xabier Díaz, "onde hoxe hai unha escola unitaria, hoxe hai unha cerdeira". Ao pé desa árbore "e á luz do candil, bailaban e cantaban as mulleres que mantiveron viva a tradición popular". A propia Consuelo explica neste vídeo a historia por tras desta nova música.