O músico reaccionou axiña cando Lucía Rodríguez compartiu a través dun artigo na tribuna de Praza.gal que a súa pandeireta fora confiscada pola Guàrdia Urbana, que a obrigaba a pagar para recuperala. O concerto de Xabier Díaz en Barcelona propiciou o encontro entre ambos
A moza ancaresa Lucía Rodríguez, que quedara sen pandeireta por tocala na rúa en Barcelona, xa ten unha nova grazas a Xabier Díaz. O músico reaccionou axiña cando Lucía Rodríguez compartiu a través dun artigo na tribuna de Praza.gal que a súa pandeireta fora confiscada pola Guàrdia Urbana, que a obrigaba a pagar unha multa e, por outra banda, unha taxa de preto de douscentos euros para recuperala.
Todo sucedeu a noite do 23 de maio nunha praza do barrio do Raval de Barcelona, onde se ubica o Museu d'Art Contemporani de Barcelona (MACBA), mentres un grupo e cinco galegos e galegas festexaban o Día das Letras cantando e tocando as tres pandeiretas que tiñan. Momento no que foron rodeados por unha ducia de axentes da Guàrdia Urbana e multados polo ruído.
"Non facíamos nada malo, solo amosar e disfrutar da nosa tradición", di Lucía no seu artigo
"Bailamos, cantamos, tocamos e sentímonos na casa estando lonxe dela. A morriña ía e viña pero aquel día só había ganas de troula e de celebrar a nosa cultura. Éramos un cento de galegos reunidos na Deskomunal de Sants que despois marchamos bailar ao son de Mercedes Peón que tamén estaba aquela tarde-noite na cidade condal. Non nos metíamos con ninguén, non facíamos nada malo, solo amosar e disfrutar da nosa tradición", di Lucía Rodríguez no seu artigo sobre como comezou aquela noite.
A Guàrdia Urbana identificounos e multounos máis tarde na Plaça dels Àngels, coñecida pola constante presencia de skaters e como lugar de encontro na cidade, no medio dun barrio no que se concentra boa parte do tráfico de drogas. "A música e as pandeiretas deben ser máis perigosas que as xeringas coas que se pinchan heroína, que os roubos e peleas que ocorren cada día nas rúas dunha cidade que críamos distinta", lamenta Rodríguez.
Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre tiñan programada unha actuación en Barcelona e o músico non dubidou en convidar a Lucía Rodríguez para facerlle entrega dunha pandeireta das súas. "Foi moi moi bonito", resume ela, xa coa súa nova pandeireta.
O concerto no Tradicionarius do pasado venres estivo cheo de sorpresas tamén para o público, que recibiu ás Tanxugueiras en escena. Tamén cantaron as pandereteiras de Dous Mundos e bailaron Xisco Feijóo e Artur Puga. Toda unha festa da cultura galega en Catalunya.