Lucía Rodríguez emprega textos e imaxes para divulgar a tradición, a historia, a xente, os produtos locais e a cultura dos Ancares
″Non quero vender unha imaxe moi romantizada nin utópica do que é o rural. Quero que se vexa a realidade dos Ancares. Que si, que son moi bonitos, pero a xente que vive alí realmente está facendo un esforzo e quero visibilizalo, porque á parte de ter que buscar a forma de manterse, que é complicado, non hai tantas oportunidades como noutros lugares. Teñen que ter moito amor pola terra e poñerlle moito corazón ao que fan, porque se nun sitio algo custa esforzo, alí custa o triplo″.
Lucía Rodríguez, natural de Salgueiras, unha aldea de Navia de Suarna na que fica só a súa familia, converteu o seu traballo final de grao de Publicidade e Relacións Públicas nunha vía para ″crear comunidade″ entre as veciñas e veciños da zona oriental de Lugo. O Argueiro dos Ancares é o nome da páxina que creou no Facebook coa motivación de que se coñeza á xente que vive nas montañas dos Ancares e o que fan, máis alá das paisaxes fermosas.
O argueiro é iso que che entra nos ollos e anda a molestar. A Lucía de nena chamábana así, era un "argueirín" no mellor dos sentidos. Coñeceu a palabra grazas aos seus avós, pois emprégase moito no galego oriental. ″Teño presentes dentro de min moitas cousas do pasado grazas aos avós. Impórtame moito a súa opinión do que fago″, conta. Con este proxecto emprega textos e imaxes para divulgar a tradición, a historia, a xente, os produtos locais e a cultura do lugar onde medrou.
"Sempre ía dicindo que era de Navia, dos Ancares, e case ninguén sabía onde estaban"
″A miña familia inculcoume un amor moi grande pola terra. Os meus pais non me educaron coa mentalidade de que se queres ser algo tes que marchar da aldea, senón que podes selo na aldea, na cidade ou onde queiras″, afirma. Viviu en Navia de Suarna ata os nove anos, cando a familia se trasladou a Lugo para que o seu irmán máis vello puidese estudar o Bacharelato.
″Foi unha etapa difícil e creo que me quedou a espiña cravada de ter que marchar cando non me tocaba. Sempre ía dicindo que era de Navia, dos Ancares, e case ninguén sabía onde estaban. E xa cando cheguei á universidade xa era como outro mundo, ninguén tiña nin idea. Cando tiña que facer algún traballo individual na carreira sempre trataba de que fora sobre os Ancares, para visibilizar un pouco esta terra na outra punta de Galicia″, lembra.
Con todo, cando comezou a carreira en Pontevedra non tiña na cabeza se coa súa formación podería volver vivir en Navia, mais agora, metida neste traballo sobre a súa comarca, observa ″que son necesarios os comunicadores desde o interior dos sitios" e que "é un traballo que non está moi valorado″.
"Máis alá das marcas de mel ou de queixo hai moita xente facendo cousas"
″Desde que comecei con isto recibo comentarios moi bonitos que din que estou facendo algo moi necesario, pero eu realmente estou contando algo que podería contar esa propia xente″, razoa. Buscaba que o seu traballo final de grao fose útil e non algo que quedara esquecido nunha carpeta do ordenador. ″Xa non me importa a nota, impórtame o que a xente sente cando ve unha nova publicación no Argueiro dos Ancares″, asegura.
A primeira idea de Lucía foi crear unha marca comarcal de produtores locais, pero non percibiu moito entusiasmo nas consultas que fixo na zona e optou por centrarse nas persoas que residen alí. ″Máis alá das marcas de mel ou de queixo hai moita xente facendo cousas. Diríxome a toda a xente que intenta seguir vivindo alí dalgún xeito″, sinala. Quedar a vivir nos Ancares supón un esforzo aínda hoxe, os invernos son moi duros e a dispersión dificulta a cooperación entre a veciñanza, cada vez máis envellecida.
"Os hórreos son como unha cápsula do tempo, neles mantemos o presente e tamén lles confiamos o futuro"
Para o deseño do logo deste proxecto quería empregar os hórreos das casas dos Ancares, para ela máis representativos da vida cotiá que as pallozas. ″Son como unha cápsula do tempo porque é unha construción que conservamos do pasado, nela mantemos o presente, e tamén lle confiamos o futuro porque aínda gardamos neles algúns embutidos ou cousas procedentes da matanza do porco, por exemplo″. Foi nunha táboa vella do hórreo da casa da aldea onde atopou a idea definitiva: ″No ano 2010 mercara un colgante de madeira en Piornedo feito por Fuco, un artesán, que tiña a mesma flor de seis pétalos que a táboa que atoparon na miña casa. Foi unha casualidade tan bonita que non a quixen deixar escapar″.
Unha das conversas para o proxecto que máis a sorprendeu ata o momento foi a que mantivo con David Pérez, compañeiro na escola, que con 21 anos (como ela) está a cargo dunha explotación gandeira na aldea de Poso, en Cervantes. ″David cóntame que o que máis rabia lle dá é que a xente opine da vida do rural sen ter nin idea de como se vive ou que o traten de menos por ter vacas e estar nunha aldea. Di que a xente da cidade debería deixar atrás os prexuízos que teñen co medio rural porque somos todos iguais e ninguén é menos que ninguén só polo sitio no que naceu″, escribiu Lucía no Argueiro dos Ancares.
Á parte deste proxecto, participa na Asociación Ser, creada polo cineasta Oliver Laxe, na Casa Quindós de Vilela. "Somos veciños, compartimos o val do Ser", explica, "deunos moita vida porque no noso val do Ser antes de que el chegara só había dúas aldeas con xente. Desde a miña aldea vése a súa e mirar para esa montaña e saber que hai alguén alí faime moi feliz. E faime sentir moi orgullosa del como persoa, porque todo o que nos foi aportando é moi positivo".
Lucía conta con continuar co Argueiro dos Ancares unha vez entregue o traballo para a universidade este mes de xuño e xa pensa en organizar unha feira na zona que reúna a toda a xente que está a participar no seu proxecto, no que seguirá a traballar para amplialo e melloralo. ″Ao ser algo que está creando tanta comunidade nos Ancares, penso que agora non podo parar″, celebra.