Houbo un tempo, non hai moito, en que a pita do monte era o símbolo dos Ancares. Aínda se poden ver algunhas imaxes deste fermoso animal nalgunha web turística e, por exemplo, segue a nomear un hotel nas Nogais. Pero hai xa algúns anos que nos hai pitas do monte en Galicia e as últimas foron vistas hai máis dunha década. SEO/BirdLife e WWF alertaron este luns da regresión do número de exemplares en toda a Península e demandaron a adopción de medidas drásticas para enfrontar o elevado risco de extinción no Estado.
O informe cualifica a situación de "moi grave", confirmando a desaparición da especie de Galicia e de amplas zonas de Castela-León, cunha presenza case residual en Cantabria e Navarra (e poucos datos sobre a situación en Asturias, que posiblemente non é mellor), e un descenso do 30% en Cataluña, cun declive igualmente importante en Aragón. Con todo, é nos Pireneos onde o Tetrao urogallus resiste algo mellor, con ao redor de 450 machos. Na Cordilleira Cantábrica, a súa presenza caeu abruptamente nas últimas décadas do século XX e a especie atópase en perigo de extinción. SEO/BirdLife e WWF esixen a realización dun censo en todo o Estado (só Cataluña conta con un), incorporando tamén as poboacións pirenaicas na categoría de perigo de extinción e demandan a aprobación dos correspondentes plans de recuperación.
Nos Ancares consérvanse, iso si, dous exemplares de pita do monte disecadas como trofeo de caza no albergue da Campa de Fieiró, en Cervantes. Un deles foi abatido por Manuel Fraga nos anos setenta (hai quen pon en dúbida a puntería do ex presidente da Xunta). Nalgúns lugares pódese ler que Fraga matou o derradeiro dos Ancares, pero non é certo, pois cando acabou con este exemplar quedaban na zona menos de medio cento. Foi nese momento cando se comezou a protexer (en 1979 a súa caza quedou vedada e dende 1986 ten catalogación de especie protexida), pero foi xa demasiado tarde, e a pita do monte foi esmorecendo ata desaparecer debido á múltiples causas que afectaron ao seu hábitat.
Sobre a pita do monte Fraga dixo que era "o tiro máis prestixioso, que xustifica todos os desprazamentos” e nunha entrevista publicada por El Mundo en 2007 relataba que "matei o último antes de que o declararan especie protexida. O peor é que tamén protexeron os animais que lles pisan os ovos. Son tan parvos que os deixan no chan". "Así que había más pitas do monte na serra cando se podía cazar", concluía. Unha idea que repetira noutra entrevista: "Cando se trata dun trofeo de caza importante, a forma máis segura de defender a especie é a caza regulada. O demais pode ser unha invitación ao furtivismo".
Houbo plans para reintroducila nos Ancares galegos, o plan Life da Unión Europea comezou a aplicarse no ano 2010 en Castela-León, Asturias, Cantabria e Galicia, pero a Xunta retirouse en 2013 por mor da aplicación de recortes. A Galicia correspondíalle un investimento de 612.180 euros, dos que a Xunta tiña que achegar a metade.