Perderse pola Montaña de Lugo en bici: que visitar nas rutas desde A Fonsagrada e os Ancares

Torre de Doncos, nas Nogais © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinoprende2-0b45877.jpeg

O cicloturismo que está a promover a Deputación de Lugo a través das rutas de montaña que parten de Navia de Suarna e da Fonsagrada vai máis alá dos quilómetros e dos grandes desniveis que salvar sobre dúas rodas. Supón unha maneira diferente na que achegarse á contorna sen un destino concreto, con todas as posibilidades que ofrece a Montaña lucense abertas. 

″A idea fundamental é poñer en valor os recursos naturais que temos na Montaña lucense″, salientou o xefe de servizo da área de Medio Ambiente da Deputación, Luis Reija, a propósito duns itinerarios para ciclistas experimentados aos que agora nos achegamos desde un punto de vista sociocultural. Pois as rutas en bicicleta poden completarse con visitas a enclaves destacados desta contorna, que transita na fronteira con Asturias marcada polos ríos Eo e Navia.

″A idea fundamental é poñer en valor os recursos naturais que temos na Montaña lucense″

Os Ancares lucenses, reserva da biosfera, son agora unha paisaxe recoñecible para o gran público grazas á película O que arde, de Oliver Laxe. Desde A Pobra de Navia, e seguindo o trazado que xa fixeron na Vuelta Ciclista a España, está a ruta do encadeado de Serra Morela e Pandozarco, que permite seguir o curso do río Ser por unha senda separada das estradas despois de parar en Piornedo e visitar as pallozas, edificacións tradicionais desta zona, cuxa orixe é anterior á chegada dos romanos. A Casa do Sesto, agora convertida nunha palloza-museo, mantívose como vivenda ata os anos 70 polo que serve como exemplo para ver a evolución destas construcións.

Ponte en Navia de Suarna © Deputación de Lugo

A serra dos Ancares explórase na ruta dos vales e campas que sube desde Navia á campa das Labiadas para pasar de novo a Piornedo. Seguindo estes indicativos coas bicicletas é posible achegarse a Doiras, cuxo castelo medieval é xa unha icona da zona. De difícil acceso, excepto polo camiño da parte sur, esta edificación está situada nun punto estratéxico sobre o río Cervantes nun alto que preside as mellores vistas. De volta a Navia, outra parada é San Román de Cervantes e o castelo de Quindous, menos coñecido que o de Doiras. No concello de Cervantes cómpre achegarse ao castro de Santa María, na parroquia do Castro, datado na idade de ferro; e á parroquia de Donís, na que se descubriu en 2013 o petróglifo da Campa do Barreiro, tamén sinalizado pola Deputación de Lugo. 

A proposta de cicloturismo da Deputación de Lugo permite achegarse a todas as posibilidades culturais da Montaña lucense de forma respectuosa coa natureza

Na ruta en bicicleta que dá a volta aos Ancares e ao Cebreiro complétase a panorámica desta zona chegando a Pedrafita, lugar idóneo no que parar uns días e facerse cun cargamento de queixos. Saíndo da Pobra de Navia, despois de visitar o castelo declarado Ben de Interese Cultural (BIC), o primeiro destino é o concello das Nogais, protexido polo río Navia, onde paga a pena perderse ata ver a Torre de Doncos, tamén BIC, que se atopa a máis de 600 metros de altura, nun outeiro no val do río. Nesta zona houbo antigas ferrarías e consérvase para a visita o muíño do mazo, na beira do río Boullón.

O Desafío Pelliceira a Pandozarco é unha das opcións con máis dificultade para as e os ciclistas, mais tamén permite achegarse á aldea de Balouta, en Candín, xa nos Ancares leoneses, onde se pode seguir a transformación das tradicionais pallozas en casas de pedra con teitos de lousa. Do lado lucense hai unha vista completa desde o miradoiro da Balouta, moi preto do porto de montaña de Ancares.

A ruta dos ríos Navia e Ibias permite saír tanto de Navia de Suarna como da Fonsagrada. De rematar nesta última, a viaxe ben merece pechar o círculo cun botelo. Escollendo este itinerario atravésase o val de Lamas de Moreira, unha parroquia que conta con varios hórreos de planta cadrada como son o chamado hórreo da Casa de Eiros ou o de Ferreiro. O desnivel nesta ruta pasa polos altos de Arqueira e Louxas, así como polo porto de Pedras Apañadas e os seus 14Km de subida; un desvío interesante engade dúas paradas en altura: o alto do Acevo e o pico da Lagoa.

Na ruta por Carballido e o río Eo destaca o espectáculo da seimeira de Vilagocende, que se pode observar desde a base na ponte sobre o río Porteliña

Desde A Fonsagrada a Deputación deseñou unha ruta que percorre Os Oscos, protexidos como reserva da biosfera, que tamén pasa polo alto do Acevo e suxire parar nas vilas de Grandas de Salime, Vilanova de Oscos ou Santa Eulalia de Oscos, nas que é posible ficar varios días. Para non perder é a visita ao mosteiro de Vilanova, que conta cunha estrutura primitiva do século XII sobre a que se levaron a cabo varios engadidos nos séculos XVII e XVIII. 

Na ruta por Carballido e o río Eo destaca o espectáculo da seimeira de Vilagocende, que se pode observar desde a base na ponte sobre o río Porteliña. O itinerario cruza a Asturias para atravesar o concello de Taramundi, no que se escavou un dos maiores asentamentos castrexos da zona, que se pensa que estivo habitado ata a época romana. De volta a Galicia, a baixada na bicicleta vai directa á Pontenova, onde achegarse aos fornos, un símbolo da explotación das minas de ferro fosfórico que axudaron ao desenvolvemento da vila na primeira metade do século XX.

Seimeira de Vilagocende © Deputación de Lugo

Cara ao Carballido, pertencente á Rede Natura 2000, diríxese o desafío da Barraca, que chega ata este porto de montaña a través dunha subida de moito esforzo a causa do desnivel. Esta ruta entra na Pontenova desde o coto de Frades e, facendo un pequeno desvío, unha boa parada sería en Riotorto, na comarca de Meira, un referente da Galicia cantábrica. Alí atópase o antigo templo de San Pedro e o lugar de Ferreiravella, onde aínda persiste a tradición dos ferreiros tradicionais.

Por último, a proposta sobre dúas rodas que máis penetra en Asturias: a ruta denominada como dos vales e portos. Partindo da Fonsagrada, este itinerario achégase a Grandas de Salime, na que visitar o Museo Etnográfico, a Berducedo a través da serra do Valledor e a San Antolín de Ibias, cun pequeno desvío para regresar a Galicia por Pena do Inferno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.