Berro polo ensino no rural: "Galiza é moito máis que sete cidades"

Rapazda no Courel reivindicando o actual modelo de transporte escolar © ANPA Courel

As ANPAs dos colexios de Baamonde, do Courel, de Navia de Suarna e de Baralla lanzaron un manifesto que puxo sobre a mesa o proceso de "desmantelamento" que están a vivir moitos centros de ensino nas zonas rurais do país

O pasado venres as ANPAs dos colexios de Baamonde, do Courel, de Navia de Suarna e de Baralla lanzaron un manifesto que baixo o título de "As Anpas do rural unidas nun berro de dignidade", puxo sobre a mesa o proceso de "desmantelamento" que están a vivir moitos centros de ensino nas zonas rurais do país. "Unímonos coa intención de dar visibilidade ó noso problema común, que non é outro que o continuo goteo de peche de servizos na nosa terra que empeza a poñer en perigo a pervivencia da poboación na mesma", sinálase no comezo do documento.

Trátase do punto de partida dun movemento que nas vindeiras semanas buscará en primeiro lugar unir forzas, recollendo reivindicacións semellantes noutros puntos do país, con obxectivo final de "promover un estatuto do ensino para o rural", negociado coa Xunta de Galicia, para que "a realidade particular do ensino no rural se vexa acompañada de certas medidas". 

Concentración de protesta polo peche do colexio de Baamonde © ANPA Baamonde

A plataforma denuncia a falta de recursos materiais e humanos dos que dispoñen os centros de ensino do rural en comparación cos existentes nas zonas urbanas ou nas grandes vilas. Unha falta de medios que acentúa o descenso no número de matrículas, o que nun círculo vicioso leva a contar con menos recursos e a novos peches de centros e unidades.

"Dá a sensación de que as decisións se adoptan moi lonxe e que son tomadas por xestores sen coñecemento ningún da realidade"

O manifesto critica, así mesmo, que moitas das decisións que se adoptan en relación co ensino no rural son tomadas por persoas "alleas á realidade da nosa terra". "Como vai unha xestora de Madrid ou mesmo de Santiago coñecer dende o seu despacho a realidade da Montaña de Lugo ou da Terra Chá?", pregúntase en relación aos conflitos que nos últimos meses están a vivir os colexios de Baamonde ou do Courel.

Elena, representante da ANPA de Baamonde, sinala a este respecto "dá a sensación de que as decisións se adoptan moi lonxe e que son tomadas por xestores sen coñecemento ningún da realidade. Falo por exemplo do tema do transporte escolar no Courel, cunha modificación que non ten en conta nin a orografía nin as horas que van ter que pasar os alumnos no autobús".

"Os nenos e nenas do rural levan anos perdendo servizos por ser considerados números. Cando á consellería non lle dan os números para manter un servizo no rural, en vez de fomentar políticas activas de incentivo da poboación, limítase pechar o servizo, de maneira que afonda no despoboamento"

O manifesto incide igualmente nas decisións adoptadas unicamente con criterios economicistas ou que se limitan a considerar as escolas ou os propios nenos e nenas como "números": "Os nenos e nenas do rural levan anos perdendo servizos por ser considerados números. Cando á consellería non lle dan os números para manter un servizo no rural, en vez de fomentar políticas activas de incentivo da poboación (como tantas temos visto por España adiante) limítase pechar o servizo de maneira que afonda no despoboamento", denúnciase. "Investir en educación non pode considerarse un gasto. Este é, en realidade, o problema de fondo. Para os nosos representantes públicos a educación é un gasto e polo tanto a súa intención sempre é minimizalo", engaden.

Critican, igualmente, a contradición existente entre os discursos políticos que sitúan o despoboamento do rural como un dos grandes problemas de Galicia e a falta de accións para frear este despoboamento. "Mentres que os nosos políticos firman coa man dereita a lei de impulso demográfico, coa esquerda seguen pechando máis e máis colexios coma o de Baamonde, e os que manteñen abertos precarízanos tanto que se volven inviables de feito, coma no caso do Courel, Navia e Baralla".

Faixa colocada na Escola de Verducido © Escola de Verducido

"Os nosos nenos e nenas non teñen cines nin teatros, nin bibliotecas, nin museos. Todas esas cousas fixéronse tamén cos nosos impostos e para desfrutalas temos que desprazarnos quilómetros"

Elena, de Baamonde, di que "a estas alturas xa non pedimos unha política activa de poboamento, que non estaría mal, senón unicamente que cando menos as decisións adoptadas non favorezan activamente o proceso de despoboación". Refírese en concreto á situación que está a vivir o colexio de Baamonde, que o Concello de Begonte quere pechar, a pesar de que conta cunha trintena de alumnos e alumnas, para instalar nel un conservatorio de música. "Nada pode xustificar o peche dun colexio na zona rural, posto que ningunha outra actividade é tan importante coma esta. Non podemos ficar impasibles mentres nos sacan ata o máis básico.", di

"Hai alcaldes que levan a cabo iniciativas para frear o despoboamento e poder seguir mantendo uns determinados servizos. Pero en certos lugares, como Baamonde, sucede exactamente o contrario, cun alcalde que realiza unha política directa de peche do colexio, unha política activa en favor do despoboamento", denuncia Elena. "Os nosos nenos e nenas non teñen cines nin teatros, nin bibliotecas, nin museos. Todas esas cousas fixéronse tamén cos nosos impostos e para desfrutalas temos que desprazarnos quilómetros", din

"A fin da escola é o inicio da fin das comunidades rurais e, polo tanto, de quen mantén os nosos bosques limpos e de quen mantén a fala" 

En contraposición, defenden as virtudes do ensino que se leva a cabo no rural: "temos aire puro, tranquilidade e unha escola como nexo de unión da comunidade, na que se ensina dende matemáticas ata que hortalizas plantar en cada tempada". "O alcalde de Begonte afirma que as escolas unitarias ofrecen un mal servizo. Iso non é verdade, como demostran tantas e tantas escolas unitarias en toda Galicia", reivindica Elena. [As escolas rurais: un modelo educativo que gaña atractivo no medio da pandemia]

Finalmente, o manifesto defende a importante das escolas para a boa saúde das comunidades rurais e, ademais, a importante función que estas comunidades vivas cumpren na xestión do territorio ou na continuidade da lingua galega. "A fin da escola é o inicio da fin das comunidades rurais e, polo tanto, de quen mantén os nosos bosques limpos, os camiños transitables, de quen mantén a fala e, en fin, de quen leva séculos debuxando a nosa paisaxe e é reservorio dunha parte esencial da nosa cultura colectiva", di o manifesto, que se pecha co 'berro' de que "Galiza é moito máis que sete cidades". "Non deixedes afogar este berro, mañá pode ser tarde para moitos nenos e nenas do rural", conclúe o texto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.