A comunidade educativa do CEIP de Baamonde continúa a mobilizarse ante o anuncio do Concello de Begonte do peche deste colexio e o traslado do seu alumnado ao CEIP Virxe do Corpiño, na capital municipal, situado a uns sete quilómetros. Familias e alumnado levaron a cabo varias concentracións e convocan para este sábado 26 de decembro unha manifestación, que comezará ás 17 horas e que percorrerá a N-VI dende a igrexa de Baamonde ata o colexio en risco de peche.
Familias e alumnado levaron a cabo varias concentracións e convocan para este sábado 26 de decembro unha manifestación
Na marcha, convocada pola ANPA do centro e a Asociación de Veciños Montenegro de Baamonde, demándase a participación de toda a veciñanza de Baamonde, Pacios, Carballido, Vilariño, Bóveda, Pígara e Soexo, lugares máis afectados pola clausura do centro, no que nestes momentos estudan uns 30 alumnos e alumnas. A ANPA prega ás persoas asistentes que vistan roupas negras ou escuras. Ademais, pídese manter as distancias de seguridade e sempre permanecer coa máscara posta.
Os convocantes denuncian que o peche do centro tería grandes prexuízos para as localidades da contorna, cuxas familias veríanse obrigadas a trasladarse á capital municipal e enmarcan a decisión do Concello de Begonte no proceso de recortes de servizos educativos e de todo tipo no rural galego, cualificándoo como un "novo golpe ao rural".
A ANPA critica a actitude do alcalde da localidade, impulsor do peche, e tamén da Consellaría de Educación, que acabou por aceptar a solicitude do Goberno local de Begonte
A ANPA critica a actitude do alcalde da localidade, impulsor do peche, e tamén da Consellaría de Educación que nun primeiro momento afirmara que a clausura do centro non era necesaria pero que acabou por aceptar a solicitude do Goberno local de Begonte. "Os representantes públicos están para materializar os desexos do seu pobo, e se, polo tanto lles dá por facer algo que vai en contra dos intereses da cidadanía non poden falar na nosa representación", destacouse na última concentración, celebrada o pasado domingo día 20.
"Este colexio funciona de maneira exemplar, e coa unificación o único que imos conseguir é aumentar o ratio alumno/mestre"
"Tanto o Concello como a Xunta insisten no discurso que neste colexio se da un mal servicio e que unificando o colexio todo se solucionaría. Ante isto só temos que decir que este colexio funciona de maneira exemplar, e coa unificación o único que imos conseguir é aumentar o ratio alumno/mestre e por tanto un trato menos individualizado. Que alguén nos explique en que mellora esto á educación das nosas fillas e fillos", salienta a ANPA.
"Este centro foi víctima, como tantos outros, das políticas pasivas que fomentan o despoboamento do rural. Pero neste caso trátase dunha política activa de destrucción de recursos xa que este centro funciona e non ten un número desprezable de alumnos"
Tanto as familias con alumnado no centro coma a propia Asociación de Veciños Montenegro de Baamonde anunciaron que nos vindeiros días "intensificarán" as protestas, comezando pola manifestación convocada para este sábado.
"Este centro foi víctima, como tantos outros no noso rural, das políticas pasivas, políticas que fomentan o despoboamento do rural ata que é tan feble que darlle o golpe de gracia parece ata un acto de humanidade. Pero neste caso trátase dunha política activa de destrucción de recursos xa que este centro funciona e non ten un número desprezable de alumnos", denuncian.