A veciñanza de Baamonde mobilízase ante o intento do Concello de Begonte de pechar a escola da localidade

Concentración de familias e alumnado ante o colexio de Baamonde ©

No Concello de Begonte (Lugo) existen na actualidade dous colexios: o CEIP de Baamonde, cun 29 alumnos e alumnas, e o CEIP Virxe do Corpiño, na capital municipal, cuns 70 rapaces e rapazas. O Goberno local anunciou nos últimos días a súa intención de pechar o primeiro, para reagrupar no segundo, de maior tamaño, a todo o alumnado. Ambos os dous están separados por máis de seis quilómetros e dende a veciñanza de Baamonde e doutros núcleos próximos (Soexo, Pígara, Pacios ou Bóveda) critícase o "innecesario" dun peche para un colexio que nestes momentos mantén un importante número de escolares, que cursan todos os niveis, dende primeiro ata sexto de Primaria.

O Goberno local anunciou nos últimos días a súa intención de pechar o CEIP de Baamonde, para reagrupar no CEIP Virxe do Corpiño, de maior tamaño, a todo o alumnado

Ao redor dun cento de veciños e veciñas destes lugares concentráronse este domingo ante o colexio e nestes momentos preparan tamén unha recollida de sinaturas. Critican que o alcalde non os informou das súas intencións ata hai catro días e denuncian o prexuízo que o peche de servizos, neste caso educativos, pode traer para a zona. Na concentración víronse carteis nos que se podía ler "Menos cantidade, máis calidade", "Meu cole, meu fogar", "Coles pequenos, vacina contra a Covid", "Eu quero estudar en Baamonde" ou "Mólanos o noso cole".

Cartel publicado nas redes sociais pola Asociación Camiño Norte Baamonde © https://www.facebook.com/CaminoNorteBaamonde

O Concello de Begonte defende que a unificación dos dous colexios no núcleo municipal de Begonte será beneficioso para os actuais alumnos e alumnas e especialmente para "os futuros estudantes do concello e de zonas limítrofes"

Dende o Concello de Begonte, que xa iniciou os trámites necesarios para o peche coa Consellería de Educación, defende que a unificación dos dous colexios no núcleo municipal de Begonte será beneficioso para os actuais alumnos e alumnas e especialmente para "os futuros estudantes do concello e de zonas limítrofes", pois o seu maior tamaño levaría a incrementar "a potencia a calidade do ensino nos cursos vindeiros", atraendo nenos e nenas doutros concellos. 

O actual CEIP de Baamonde converteríase nun conservatorio profesional de música, xestionado pola asociación Músico Crisanto e que daría servizo a varios concellos da contorna. O Goberno local de Begonte afirma que o peche da escola de Baamonde e a súa unificación coa de Begonte enmárcase na estratexia de "fixar e atraer poboación, freando o despoboamento que afecta ao noso rural, facendo atractiva a vida nesta zona mediante a dotación de servizos básicos".

O PSdeG denuncia que o peche “afecta de pleno ao rural da nosa provincia. Por unha banda pedimos as familias e as empresas que aposten polo noso rural, pero por outra, comprobamos que nin sequera poden estudar"

O PSdeG-PSOE xa anunciou que levará ao Parlamento galego e ao pleno da Deputación Provincial de Lugo as reivindicacións da veciñanza de Baamonde. A secretaria provincial do PSdeG-PSOE en Lugo e deputada autonómica, Patricia Otero, participou nunha xuntanza coas familias afectadas, sinalando que o peche “afecta de pleno ao rural da nosa provincia. Por unha banda pedimos as familias e as empresas que aposten polo noso rural, pero por outra, comprobamos que nin sequera poden estudar".

Patricia Otero engadiu que “coa situación actual da pandemia do COVID non parece que sexan estas as datas máis axeitadas para xuntar aos alumnos dos dous centros. Ademais nestes intres contan con tódalas garantías e medidas para ser atendidos co suficiente espazo, nas aulas destes dous colexios”. O BNG tamén anunciou que levará ao Parlamento galego unha pregunta ao respecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.