O Xulgado obriga a Xunta a reabrir Primaria nunha escola rural tras suprimir a unidade co prazo de matrícula finalizado

Faixa colocada na Escola de Verducido © Escola de Verducido

O pasado 10 de setembro, primeiro día do curso, as catro nenas que estaban matriculadas en Primaria na Escola rural de Verducido (Pontevedra) presentáronse no colexio para iniciar as clases, momento no que a Directora do centro lles impediu o acceso, comunicándolle aos pais e nais que tan só dous días antes a Xunta notificara a deshabilitación da unidade de Primaria, que xa non dispuña de mestre. Durante os meses de verán un inspector educativo comunicara verbalmente que "moi plausiblemente" eliminaríase o módulo de primaria do colexio. Pero as familias nunca recibiron unha resolución ao respecto e a súa matrícula non foi revogada.

A sentenza obriga á Xunta a dotar ao centro “dos medios necesarios”, nun prazo máximo de dez días desde que a sentenza sexa firme, para que as nenas poidan recibir durante este curso Educación Primaria na escola rural

As familias recorreron a decisión da Consellería de Educación, que respondeu que ao tratarse o ciclo de primaria do Colexio de Verducido dunha 'unidade habilitada' debe avaliarse cada ano a súa continuación ou non en función do número de nenos e nenas matriculadas. A Xunta afirmaba que esta decisión fora comunicada á Dirección do centro e ás familias "coa debida antelación" e que os pais e nais "sabían perfectamente desde principios de xullo que se ía a suprimir" ese ciclo de Primaria e que coas súas manobras pretendían "presionar para impedir o lexítimo exercicio pola Xunta de Galicia da súa potestade de autoorganización", recolle a sentenza.

Actividade na escola de Verducido © Escola de Verducido

Durante o proceso, o Ministerio Fiscal sinalou que aínda que a Xunta tiña o dereito de inhabilitar esta unidade non formulou "de forma expresa" a súa decisión e tampouco a comunicou de maneira "expresa" ás familias. E conclúe que por este motivo que se produciu "unha lesión do seu dereito a elixir centro para as súas fillas".

A Xunta non formulou "de forma expresa" a súa decisión de inhabilitar a unidade e tampouco a comunicou de maneira "expresa" ás familias, que se presentaron coas súas fillas o primeiro día de curso para acudir a clase

Por este motivo, o Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra acolleu o recurso presentado polo presidente da Escola de Educación Infantil de Verducido, así como por catro pais e nais, e na súa sentenza obriga á Xunta a dotar ao centro “dos medios necesarios”, nun prazo máximo de dez días desde que a sentenza sexa firme, para que as nenas poidan recibir durante este curso Educación Primaria na escola rural.

O xuíz entende que a “actuación material” da Consellería de Educación é “incompatible co dereito fundamental á educación”, pois suprimiu “de facto” a unidade de Educación Primaria “despois de finalizado o prazo de matrícula, sen instruír previamente un procedemento administrativo con audiencia aos afectados e sen notificarlles sequera unha resolución definitiva motivada e con pé de recursos, nin concederlles nela un prazo para elixir outro centro de primaria alternativo e matricularse nel”.

A sentenza non nega a posibilidade de que a Xunta "no exercicio lexítimo da súa potestade autoorganizativa en materia educativa, deshabilite unidades de primaria nos núcleos rurais se se manifestan as condicións necesarias para iso”

O titular do Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra destaca que “non se nega a posibilidade de que a Xunta, no exercicio lexítimo da súa potestade autoorganizativa en materia educativa, deshabilite unidades de primaria nos núcleos rurais se se manifestan as condicións necesarias para iso”. Con todo, advirte de que esas decisións “requiren do cumprimento previo dunha serie de formalidades procedementais mínimas, esenciais para garantir o seu acerto e para non causar indefensión aos afectados”. O maxistrado indica que a sentenza non impide que a Xunta tramite nun futuro o expediente administrativo necesario para que no centro de Verducido se deixe de impartir Primaria.

Actividade na escola de Verducido © Escola de Verducido

Na sentenza, contra a que o Goberno galego pode interpoñer recurso de apelación, destácase a "informalidade" da Xunta de Galicia, que debería ter publicado unha resolución definitiva motivada, individualizada para cada unha das nenas matriculadas afectadas, incluíndo tamén a revogación das respectivas matrículas, coa apertura dun prazo especial para que puidesen exercitar o seu dereito de elección de centro e formalizar a súa matrícula para o curso 2020/2021 noutro colexio. A Xunta de Galicia é obigrada igualmente ao pago das costas do xuízo. 

A Escola de Verducido funciona dende 1964 e nas últimas décadas consolidouse polo seu proxecto educativo innovador e integrador, situado na zona rural do Concello de Pontevedra. O peche da unidade de Primaria, coñecida no mesmo día en que comezaba o curso, motivou unha ampla protesta na que participou toda a comunidade educativa da Escola, pero tamén outras entidades sociais, culturais e deportivas da zona, en defensa dun colexio que se converteu na cerna da parroquia pola súa actividade e participación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.