Todos os veráns escoitamos novas de escolas rurais que pechan as súas portas pon non acadar o número mínimo de alumnos e alumnas (seis) fixado pola Consellaría de Educación. Pinga a pinga, moitas escolas unitarias desaparecen como consecuencia do despoboamento do rural, pero contribuíndo tamén estes peches a dificultar a fixación de poboación nestas zonas. Dende o curso 2005-06 pecharon 215 destas escolas unitarias no país, e aínda este verán clausuráronse dúas máis, entre elas a de Luaña, en Brión.
Nos últimos meses, por mor da pandemia, foron varias as e os docentes destes que destacaron un incremento no interese de moitas familias por matricularse nas escolas unitarias
Con todo, nos últimos meses foron varias as e os docentes destes que destacaron un incremento no interese de moitas familias por matricularse nas escolas unitarias. A razón, en boa medida, estaba na pandemia de coronavirus e no medo a posibles contaxios entre os nenos, posiblemente menor nuns centros de menor tamaño, coma estes, nos que é máis doado manter as medidas de prevención e evitar as aglomeracións.
Porén, as escolas unitarias son algo máis que unha menor ratio de alumnado por aula. Contan cunhas características propias, entre as que destacan o feito de constituír unha comunidade moi sólida e asentada no lugar, unha relación moi estreita entre profesorado, alumnado e familias, un contacto permanente coa natureza e a mestura de idades e niveis nunha mesma clase.
"É posible realizar unha educación moi personalizada, grazas a que se conta con pouco alumnado por aula, aínda que hai centros -por exemplo no concello de Pontevedra- que chegan ao máximo de 20 nenos por clase. Pero, ademais, pola relación moi estreita que establece coas familias do lugar", destaca Ángel Segovia, mestre xubilado na actualidade, pero que foi durante anos director do CRA de Teo e presidente de Amcraga (Asociación de Mestres/as dos CRA de Galicia). Na década dos 80 foi un dos impulsores dos Colexios Rurais Agrupados (CRA), unha fórmula de agrupación de escolas unitarias que permitiu mellorar a súa xestión, dotalos de máis medios e de máis profesorado especializado.
"Ao final un CRA funciona como outro tipo de colexios: a única diferenza é que as súas aulas están esparexidas por varios lugares e que os mestres se moven por elas"
"A calidade e os medios teñen que ser os mesmos. Por iso é tan importante o papel deste profesorado itinerante. Ao final un CRA funciona como outro tipo de colexios: a única diferenza é que as súas aulas están esparexidas por varios lugares e que os mestres se moven por elas", destaca. En Galicia a constitución dos CRA é voluntaria e depende do impulso de profesorado, familias e concellos, pero Ángel Segovia avoga porque esta agrupación se realice de forma automática, como sucede noutras comunidades autónomas.
Segovia destaca, ademais, a necesidade de contar con profesorado "comprometido", que permaneza no lugar por un tempo longo. "Moitas veces chegan mestres que non queren estar nestas zonas e que marchan a outras comarcas cando teñen ocasión. Este ir e vir non permite que se formen equipos estables de traballo e que se fortaleza a comunidade escolar", di.
Os CRA naceron en Galicia no curso 1988-89, de xeito experimental en Teo, Santa Comba e Narón. Vinte anos máis tarde eran xa 28, unha cifra semellante á existente na actualidade. Hoxe funcionan 26 CRA, que agrupan a 180 unidades e 338 mestres e mestras, dos que 158 son especialistas, con ao redor de 2.200 alumnos e alumnas. A estes hai que sumar outras 80 escolas unitarias non agrupadas en CRA, cun milleiro de nenos e nenas.
No curso 2001-2002 funcionaban en Galicia 423 escolas unitarias non agrupadas e outras 155 agrupadas en 19 CRA. Hoxe as unidades totais roldan as 260
Non son cantidades pequenas, pero no curso 2001-2002 funcionaban en Galicia 423 escolas unitarias non agrupadas e outras 155 agrupadas en 19 CRA. Unha década despois, no curso 2011-2012, tan só había 165 escolas unitarias sen agrupas e 213 escolas agrupadas en 27 CRA. Hoxe as cifras son moi inferiores. E, de feito, hai xa 25 concellos que carecen de centros de ensino de calquera tipo, a maior parte na provincia de Ourense: Irixoa, Ourol, Ribeira de Piquín, Beade, A Bola, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, Esgos, Gomesende, Larouco, Lobeira, Montederramo, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, San Xoán de Río, A Teixeira, Trasmiras, Verea, Vilar de Santos e Xunqueira de Espadanedo.
"Sempre se di que cando unha escola pecha, a aldea pecha con ela e dende logo que é así", sinala Ángel Segovia
"Sempre se di que cando unha escola pecha, a aldea pecha con ela e dende logo que é así", sinala Ángel Segovia. Amósase moi crítico cos peches de escolas unitarias que se veñen producindo nos últimos anos e, en concreto, co feito de que exista un número estrito por debaixo do cal non se permite a continuidade dun centro de ensino. "Noutras comunidades autónomas funcionan escolas unitarias co 3, 4 ou 5 nenos. E non sei a quen se lle meteu na cabeza en Galicia de que ten que haber unha cifra inamovible, de 6", di, ao tempo que salienta que "ao non ter comedor e transporte, é moi difícil para moitas escolas competir cos colexios comarcais. Aínda que a escola unitaria estea máis preto, a moitas familias élles máis cómodo levalos a unha escola máis lonxe".
"Eu creo que cando pechan unha escola, o encargado de facelo tiña que vir pechala el mesmo, a ver se era capaz de botar a chave"
"A escola que pecha non volve abrir nunca máis, habitualmente", destaca pola súa banda Rosa Barreiro, directora do CRA de Ponteceso e actual presidenta de AMCRAGA. "Eu creo que cando pechan unha escola, o encargado de facelo tiña que vir pechala el mesmo, a ver se era capaz de botar a chave. Porque o certo é que están pechando escolas que funcionan perfectamente e que están dotadas de todo", denuncia.
"Ás veces unha familia ten que marchar da zona temporalmente, e pasas de 6 a 5 nenos. Temos que desfacer esa comunidade?", pregúntase Rosa Barreiro
"Ás veces unha familia ten que marchar da zona temporalmente, e pasas de 6 a 5 nenos. Temos que desfacer esa comunidade?", pregúntase e cualifica como "moi cuestionable que teña que haber un número fixado". "Se cadra un ano despois éntranme dous nenos máis, pero o problema é que nese momento a escola xa non se pode recuperar", di.
"Ten que haber unha política diferente cara ao rural", salienta. "Os políticos teñen que pensar de que xeito se pode axudar ao rural, porque poñendo un número estrito por debaixo do cal pecha para sempre unha escola non se axuda. Temos que pensar como impulsamos as escolas das zonas rurais, tamén aos coles comarcais, porque doutro xeito é imposible fixar poboación", di.
"Ten que haber unha política diferente cara ao rural", reclama
Rosa Barreiro destaca que "nós estabamos encantados con Carmen Pomar. Era unha persoa moi preparada e eu non son quen de valorar se cometeu erros ou non, pero dende logo a sensibilidade que tivo cara ao rural non lla vin a ningún outro conselleiro, e levo moitos anos traballando e tratei con varios partidos políticos".
"Os máis pequenos poñen a antena e van pillando cousas, e os maiores exercen un pouco de mestres. Os maiores, explicando o que saben, reforzan o seu coñecemento"
Un dos elementos característicos das escolas unitarias é a mestura na mesma aula de alumnado de distintas idades, un xeito de funcionamento que tanto Ángel Segovia como Rosa Barreiro defenden como positivo: "non existen idades, todos se relacionan con todos. Os agrupamentos dos nenos e nenas teñen un carácter máis semellante aos espontáneos".
"A división por idades é moi artificial e, ademais, algúns nenos desenvólvense antes e outros van máis a modo, pero a mestura é boa para todos. Os máis pequenos poñen a antena e van pillando cousas, e os maiores exercen un pouco de mestres. Os maiores, explicando o que saben, reforzan o seu coñecemento", destaca Rosa Barreiro, que explica que "por exemplo, o meu obxectivo non é que un neno de 3 anos aprenda os nomes dos ósos do cranio, pero cando o escoita algo vaille quedando, e polo menos aprende que na cabeza hai ósos".
"A clave é empregar metodoloxías interesantes para xerar coñecementos que fiquen con nós para sempre"
"A clave" -destaca- "é empregar metodoloxías interesantes para xerar coñecementos que fiquen con nós para sempre". "Eu teño claro que os meus nenos nunca van contaminar, porque fomos limpar praias, estiveron horas recollendo porcalladas da area e estaban anoxadísimos. Cando teñan que tirar algo, non o van tirar ao chan, senón ao lixo. E isto non se aprende cubrindo unha ficha", di Rosa Barreiro.
"Nós sempre fixemos moitas actividade ao aire libre: na horta, con saídas á natureza... Agora un protocolo recoñece que é importante estar fóra polo bicho. Pero non é que sexa importante estar fóra polo virus, senón porque o mundo é o que teñen que aprender"
Nisto xoga un papel fundamental o traballo en grupo e o contacto coa natureza, outro dos elementos diferenciadores das escolas unitarias ("a natureza é o noso patio", lembra Ángel Segovia). A chegada da pandemia fixo que todos os centros de ensino estean intensificando as súas actividades ao aire libre, pero isto é algo que se vén facendo nas escolas rurais dende sempre. "Nós sempre fixemos moitas actividade ao aire libre: na horta, con saídas á natureza... Agora un protocolo recoñece que é importante estar fóra polo bicho. Pero non é que sexa importante estar fóra polo virus, senón porque o mundo é o que teñen que aprender. Así é como mellor se lles quedan as cousas aos pequenos". subliña Rosa Barreiro.
Incrementou o coronavirus o número de matrículas ou de familias interesadas en levar os seus fillos e fillas ás escolas unitarias? "O certo é que si que notamos un maior interese, agora acordáronse de nós porque temos poucos nenos, pero ogallá tivésemos moitos máis", di. Con todo, Rosa Barreiro tamén destaca que a pandemia pode xerar máis dificultades nas escolas unitarias que noutros centros, obrigando a modificar o seu modo de funcionamento: "Nós témolo moi complicado agora, porque non estamos afeitos a ter un neno nunha mesa individual, senón que traballamos por grupos. E creo que é algo que lle pasa a calquera mestre que estivese acostumado a traballar así, por proxectos. En cambio, os que xa traballaban máis de forma individual, cada alumno no seu pupitre, creo que notan menos a diferenza", di.