A reacción das familias e da sociedade civil detivo os recortes na educación en Ames. O Concello anunciou a pasada semana, por boca da Consellería de Educación, que as escolas de Covas e Agrón seguirán abertas o curso que vén, malia as ameazas de peche que as asolaban desde hai tempo. Á espera da confirmación oficial por parte da Xunta, a loita dos pais fixo recapacitar o Executivo e foi o propio goberno local do PP o que anunciou a boa nova nun acto informativo convocado polas asociación de veciños e polos pais que xa confirmaran a súa preinscrición nestes centros e no que había representantes de toda a oposición (PsdeG, Pacto por Ames e Ames Novo).
A loita das familias afectadas fixo recuar a Xunta, que agora di garantir a continuidade das escolas unitarias de Covas e Agrón
As familias afectadas levan tempo advertindo de que o peche significaría "un atentado" contra un modelo educativo recoñecido e cuxo desmantelamento suporía un novo golpe para o rural e para as parroquias de Covas e Agrón. Ademais, as intencións da Xunta provocarían tamén a saturación do CEIP de Barouta na súa etapa infantil, provocando un problema onde non o había.
Pero o PP deu marcha atrás. E fíxoo pola organización e a rápida resposta dunhas familias que reaccionaron ás poucas horas de seren informadas do peche e que foron apoiadas por Ames Novo, que en colaboración con AGE logrou situar o problema na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia ou a través dunha proposición non de lei para evitar o peche das dúas escolas unitarias, nas que estudan dez e catorce cativos respectivamente.
O Concello de Ames, malia que apoiaba en principio as intencións da Xunta, confirmou a continuidade das unitarias e evitou tamén que os pais presentase unha reclamación formal ante o Valedor do Pobo. Agora, as familias teñen previsto unha xuntanza para o vindeiro luns no que analizarán os logros conseguidos e intentarán que a boa nova sexa ratificada. O Goberno galego ten ata finais do mes de xuño para facer público a listaxe de centros operativos para o curso 2013-14. Será daquela cando se saiba por fin se a loita, como parece, conseguiu o obxectivo.