Como advertiran as familias tras o aviso recibido pola mestra tres días despois das eleccións galegas, a escola unitaria da Luaña, en Brión, non vai reabrir para o curso 2020-21. Tampouco o fará a unitaria de Cumiáns, na Laracha. Son as dúas que desta volta non pasaron o limiar de contaren cun mínimo de seis matrículas, o requisito que ano tras ano mantén a Consellería de Educación para non as pechar. Tamén cara ao vindeiro curso, marcado polas medidas fronte ao coronavirus e no que, a priori, un baixo número de estudantes por aula e as contornas rurais e sen aglomeracións son toda unha vantaxe. [A burocracia asolaga o profesorado na volta ás aulas máis incerta pola COVID-19: "Necesitamos seguridade"]
O criterio de peche de escolas segue a ser non contaren cun mínimo de media ducia de matrículas, tamén ás portas do primeiro curso marcado dende o inicio polo coronavirus, o que este ano supón eliminar dúas en Brión e na Laracha
O Diario Oficial de Galicia publicou este 12 de agosto -varias semanas máis tarde do que veu sendo habitual nos últimos anos, cando a publicación chegou en xullo- a orde da Consellería de Educación, datada no pasado día 3, coa que "modifica as unidades e os postos de traballo docentes" para o curso vindeiro. Esta orde, que volve alegar a necesidade de "adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar", inclúe o peche destas dúas escolas unitarias, ambas con 5 estudantes. Son catro menos que no curso anterior e as mesmas que hai dous. Na última década e media, na vella normalidade, xa foran pechadas máis de 200 aplicando o mesmo criterio.
"Van acabar en aulas masificadas noutros centros do concello", alertaron as familias da escola unitaria da Luaña, en Brión
Para as familias da unitaria da Luaña, o peche é incomprensible precisamente por mor da COVID-19. "O criterio é economicista fronte ao dereito á protección da saúde", consideran. Neste sentido, as comunidades educativas de todos os centros de ensino de Brión alertan de que o alumnado da unitaria "vai acabar en aulas xa de seu masificadas noutros centros do concello", contribuíndo a "aumentar a problemática xa presente nos servizos de comedor e autobús", alén de nas propias aulas.
Saldo positivo de unidades escolares
A mesma orde da Consellería concreta as mudanzas nas unidades escolares -grupos de clase- para o curso que vén. Desta volta o saldo entre as que se suprimen e as que se crean ou habilitan é positivo: haberá 158 unidades máis, o que contrasta co curso anterior, cando o saldo foi de 42 unidades menos.
Ese saldo positivo procede fundamentalmente da provincia da Coruña, onde as modificacións atinxen a colexios de Ames, Camariñas, A Coruña, Lousame, Negreira, Noia, Santiago e Teo cun resultado de 116 unidades escolares máis. En Lugo as mudanzas atinxen a centros de Barreiros, Burela, Carballedo, Guntín, Lugo, Portomarín, Sarria, Sober e o Valadouro cun resultado de 3 unidades máis.
O saldo tras as creacións e habilitacións de unidades escolares é de +158, despois do -42 do curso pasado
En Ourense, habilítanse 18 unidades e o saldo de creacións é supresións é cero, con mudanzas que afectan a Ourense e Padrenda. Na provincia de Pontevedra hai cambios en unidades de colexios de Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Tomiño, Sanxenxo, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía; no seu caso, o saldo de unidades escolares é de 21, porque aínda que se crean seis menos das que se suprimen, se habilitan 27. [Consulta o listado completo no DOG]
O Goberno galego asegura que o resultado positivo destas habilitacións e supresións amosa a súa vontade de "reforzar os medios destinados ao sistema educativo co obxectivo de garantir a calidade no ensino" e "cumprir coas medidas establecidas" no protocolo para a COVID-19. Cifra, así, en 240 as "incorporacións" de docentes para cubrir estas unidades, que non en todos os casos supoñen a efectos prácticos sumas de profesorado, xa que algunhas das unidades creadas ou habilitadas xa viñan funcionando nos colexios afectados e agora a Consellería as consolida.
"Venden como reforzo o simple cumprimento das ratios"
CIG-Ensino ve no xeito de presentar este trámite por parte da Xunta parte "dunha campaña para correr unha cortina de fume sobre a verdadeira preocupación da comunidade educativa", o protocolo para o regreso ás aulas marcado pola COVID-19
O xeito en que a Consellería de Educación presentou este trámite habitual antes do inicio de cada curso incomodou entre as organizacións sindicais que representan o profesorado. "Venden como reforzo fronte á COVID-19 o que é o simple cumprimento das ratios máximas en Infantil e Primaria", sinala a CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector, que lembra que as "unidades creadas" son "aulas que xa existían con anterioridade" e que agora "se incorporan con carácter permanente", mentres que as "habilitadas" son as autorizadas, sen garantía de permanencia no futuro.
"A suma de aulas habilitadas con creadas, a mención á COVID-19 na nota de prensa da Consellería como se as habilitacións fosen algo máis que cumprir as ratios" e a "mestura da creación ou peche de aulas" co "profesorado de reforzo" forma, sinala o sindicato, "parte dunha campaña da Xunta para correr unha cortina de fume sobre a verdadeira preocupación do profesorado e do conxunto da comunidade educativa", que non é outra que "a alarma creado polo protocolo" do coronavirus que o Goberno galego prevé aplicar nos centros de ensino. Ese documento, reiteran, "ve a docencia como se o alumnado fosen máquinas e as clases, aulas maxistrais onde ninguén se move durante horas".