As instrucións da Consellaría de Educación: máis tarefas para o profesorado e pouco tempo para organizar o novo curso

Protesta do profesorado ante a sede da Xunta © CIG-Ensino

O pasado xoves 30 de xullo a Consellería de Educación fixo públicas as instrucións para os centros de ensino para o vindeiro curso 2020-21, un documento que o profesorado levaba moito tempo reclamando, pero que en absoluto deixou satisfeita á comunidade docente, que critica a falta de diálogo do goberno galego, a ausencia de concreción nas medidas de prevención ante o coronavirus e a carga de novas funcións que implica para os equipos directivos dos centros, que tamén botan en falta maiores dotacións de recursos para levalas a cabo. 

"Estas instrucións afogan o profesorado e, en especial os equipos directivos, sobrecargándoos cun traballo burocrático excesivo e inútil", di Profesorado en Pé

Neste senso, para boa parte do profesorado estas instrucións seguen o camiño aberto polo protocolo de medidas para adaptar ao coronavirus o funcionamento dos centros de ensino. Para CIG-Ensino, as novas instrucións implican "aínda máis cometidos para un inicio de curso deseñado por cargos políticos que demostran vivir de costas á realidade da xestión dos centros educativos". "Estas funcións que agora se indican son, maioritariamente, moi necesarias mais serán de difícil execución pola sobrecarga de traballo que implica o protocolo", di o sindicato, que critica que o novo documento "supón a evasión de responsabilidades da administración educativa, deixando que recaian no profesorado en xeral e nas equipas de dirección en primeiro termo".

O novo documento "supón a evasión de responsabilidades da administración educativa, deixando que recaian no profesorado en xeral e nas equipas de dirección en primeiro termo", critica CIG-Ensino

De igual xeito, para a plataforma Profesorado en Pé, "estas instrucións afogan o profesorado e, en especial os equipos directivos, sobrecargándoos cun traballo burocrático excesivo e inútil, esixíndolles que redacten plans para os que os docentes non teñen formación e cuxa utilidade e mesmo valor legal poñen en dúbida". "A Consellería impón aos centros educativos a concreción das normas do protocolo de adaptación ao contexto da COVID, gravando os docentes cunha responsabilidade para a que non están formados", engade o colectivo.

Carteis con recomendacións de seguridade nun centro de ensino galego © CIG-Ensino

CIG-Ensino critica a ausencia de compromisos por parte do goberno galego "para que tanto profesorado como alumnado teñan garantido o acceso á teledocencia"

Así, por exemplo, as instrucións prevén que ao abeiro do establecido no Protocolo de Adaptación ao Contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/2021, "os centros elaborarán un 'Plan de Continxencia' no que se estableceran as medidas que se adoptarán no caso de suspensión da actividade lectiva para facer efectivo o ensino non presencial e os supostos de reactivación da actividade lectiva presencial, de conformidade coas instrucións da autoridade sanitaria".

Tamén se insta, para o suposto de que neste novo curso sexa necesario regresar ao ensino non-presencial por mor dun novo confinamento obrigado pola Covid-19, a que o profesorado, preferentemente a través da aula virtual do centro, determine "as tarefas a realizar polo alumnado garantindo a adquisición das aprendizaxes básicas e a avaliación continua". 

CIG-Ensino critica a este respecto que nas instrucións e no protocolo hai "numerosas referencias aos diversos escenarios nos que os centros educativos terán que se desenvolver o traballo no próximo curso e que implican que as programacións didácticas se teñan que adaptar a eles (presencial, semipresencial ou a distancia)" mais en ningún dos dous documentos se recolle "ningún compromiso por parte do goberno galego para que tanto profesorado como alumnado teñan garantido o acceso á teledocencia (medios proporcionados pola Consellaría, conectividade garantida, etc..)". "Polo tanto, o que se lle pide ao profesorado é que faga unha adaptación das programacións didácticas sen saber se van poder levarse á práctica", conclúe o sindicato.

Os colectivos docentes non só critican a sobrecarga de traballo, senón tamén a escasa marxe que a publicación destas instrucións nos últimos días de xullo deixa para a súa realización

Os colectivos docentes non só critican a sobrecarga de traballo, senón tamén a escasa marxe que a publicación destas instrucións nos últimos días de xullo deixa para a súa realización. Neste senso, Profesorado en Pé denuncia que "malia incluír poucos cambios con respecto ás instrucións de anos anteriores,as actuais foron publicadas apurando os prazos ata finais de xullo, cando habitualmente se publican entorno a finais de maio, o que semella, a xuízo deste colectivo, algo deliberado". "Tendo en conta que o mes de agosto non é lectivo, implicará unha considerable redución do tempo dispoñible para planificar e organizar un curso xa de por si complexo", engaden

Carteis con recomendacións de seguridade nun centro de ensino galego © CIG-Ensino

Reclámase "máis profesorado"

Unha das principais demandas dos colectivos docentes é o reforzo de persoal para así poder levar a cabo as recomendacións previstas no protocolo de medidas ante a Covid-19, e tamén para reducir as ratios de alumnado por aula, favorecendo así a prevención ante posibles contaxios. Porén, de momento a Consellería de Educación vén negádose a ampliar os cadros de persoal. 

Os contratos-programa propostos por Educación son o "síntoma dunha política de parches na atención educativa fronte á necesaria dotación de máis medios e máis persoal fixo nos centros", di CIG-Ensino

CIG-Ensino critica en primeiro lugar que a Xunta adíe a decisión sobre un posible reforzo de persoal ata o momento en que estean pechados os datos de matrícula en todas as etapas. O sindicato subliña que en Infantil e Primaria xa se coñece nestes momentos a matrícula e que é tamén posible "ter unha foto practicamente final de como serán os cursos da ESO e o Bacharelato", polo que "en todas etapas educativas se podería saber xa con certeza cales son as necesidades que se terán que atender".

O que si anunciou a Consellería de Educación foi o "reforzo" dos centros de ensino a través de contratos programa e do programa ARCO (Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación). Porén, CIG-Ensino advirte de que estes contratos-programa son o "síntoma dunha política de parches na atención educativa fronte á necesaria dotación de máis medios e máis persoal fixo nos centros".

"Este novo profesorado non formará parte do cadro de persoal ordinario do centro, polo que non poderían realizar ningunha das tarefas para as que é máis necesario o incremento de persoal", di a plataforma Profesorado en Pé

"Os contratos programas, tal e como foron concibidos até o momento, non son universais nin garanten que se dea o mesmo trato a todos os centros. Esta modalidade de contratación incide na precariedade, xa que a inmensa maioría son contratos a media xornada e non teñen as mesmas competencias que o resto do profesorado", sinala ao sindicato.

De igual xeito, Profesorado en Pé advirte de que "este novo profesorado non formará parte do cadro de persoal ordinario do centro, polo que non poderían realizar ningunha das tarefas para as que é máis necesario o incremento de persoal". E, ademais, destaca que "estes profesores e profesoras, en todo caso, non se incorporarán antes dos meses de novembro-decembro previa presentación, entre setembro e outubro, dun proxecto específico por parte de cada centro"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.