“Con este protocolo o curso non pode comezar en setembro con normalidade”. Os catro principais sindicatos do ensino en Galicia, CIG-Ensino, CCOO, ANPE e UGT, ofreceron este venres unha rolda de prensa conxunta na que amosaron o seu completo rexeitamento ao documento de medidas para adaptar ao coronavirus o funcionamento dos centros de ensino, presentado pola Xunta esta semana. Este xoves os catro sindicatos retiráronse en conxunto da mesa sectorial de Educación ante a negativa do Goberno galego a negociar as pedidas propostas.
As catro centrais rexeitan o documento porque "non minimiza os riscos de contaxio, ao non garantir a distancia de seguridade e as últimas recomendación sanitarias"
As catro centrais rexeitan o documento porque "non minimiza os riscos de contaxio, ao non garantir a distancia de seguridade e as últimas recomendación sanitarias", porque "implica unha asunción de responsabilidades que lle corresponde xestionar á propia Consellaría, como a elaboración de plans de continxencia nos centros, a compra centralizada de material de prevención e hixiene ou a vixilancia do cumprimento das medidas de protección" e porque a súa aplicación "suporía unha merma na calidade educativa e na atención á diversidade", sinala CIG-Ensino.
CIG-Ensino, CCOO, ANPE e UGT levarán a cabo concentracións ante o edificio da Xunta en San Caetano os vindeiros mércores 22 e martes 28 de xullo. Unhas mobilizacións que, advirten, se repetirán en setembro "se a Xunta non amosa a súa vontade de negociar outra proposta viable e que realmente garanta a seguridade de profesorado e alumnado". "Queremos negociación e non un paripé, e temos vontade de achegar solucións pero sempre que se poñan recursos enriba da mesa”, indican.
"A administración lava as mans e delega toda a responsabilidade nos equipos directivos e no profesorado"
"O protocolo presentado pola Xunta é inviábel e temerario e atenta contra a saúde, a calidade do ensino e a innovación pedagóxica”, di CIG-Ensino. "A administración lava as mans e delega toda a responsabilidade nos equipos directivos e no profesorado, que serán os encargados de ter todo preparado para o inicio do curso o 10 de setembro, tanto para facer fronte á pandemia como para adaptarse á teledocencia no caso de producirse un rebrote", sinala Suso Bermello, secretario nacional do sindicato.
A solución incluída no protocolo pasou pola redución da distancia de seguridade recomendada e fixada pola OMS e o Ministerio de Sanidade, de 1,5 metros a tan só 1 metro
Os sindicatos cargan en especial contra a falta de contratacións, de investimentos e contra a negativa a reducir o número de alumnos e alumnas por aula para garantir a seguridade e previr contaxios. A solución incluída no protocolo pasou pola redución da distancia de seguridade recomendada e fixada pola OMS e o Ministerio de Sanidade, de 1,5 metros a tan só 1 metro. “Isto débese claramente a unha estratexia economicista para non baixar as ratios, ter que facer desdobres e polo tanto contratar máis profesorado, como xa anunciaron que van facer nestes momentos, por certo, 10 Comunidades Autónomas”, apuntou Suso Bermello.
As centrais alertan igualmente sobre a difícil supervivencia dalgún dos servizos complementarios (madrugadores, transporte, comedor e actividades de concialiación)
As centrais alertan igualmente sobre a difícil supervivencia dalgún dos servizos complementarios (madrugadores, transporte, comedor e actividades de concialiación), "que son unha baza importantísima para a conciliación das familias e para un trato igualitario de todo o alumnado" e que poden estar en perigo se non se accede a contratar máis persoal. Nos comedores, lembra CIG-Ensino, "hai centros nos que se poden ver obrigados a ter até 3 quendas e a contratar desde as ANPAs persoal monitor de reforzo para o que non contan con recursos".