Os catro sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Educación veñen de retirarse en conxunto da xuntanza que mantiñan co Goberno galego e na que se debatía o Protocolo elaborado pola Consellaría de Educación para iniciar o vindeiro curso escolar tendo en conta o contexto da pandemia de coronavirus.
Os sindicatos ofrecerán este venres unha rolda de prensa conxunta para explicar o seu rexeitamento ao protocolo, que non prevé novas contratacións nin reducir o número do alumando por aula
As centrais sindicais critican as "formas" da Xunta, que agardou ata despois das eleccións do pasado domingo para presentar o documento, e sobre todo o contido do mesmo, ao non prever redución do número de alumnos e alumnas por aula, novos investimentos ou máis contratacións de profesorado para facer fronte a esta situación. A proposta do Goberno galego reduce de dous metros a un metro a distancia física esixida entre o alumnado, unha redución que non obrigaría a reducir as ratios.
As catro centrais sindicais esixiron a retirada do documento para iniciar unha verdadeira negociación sobre o mesmo, algo ao que a Consellería se negou, motivando o abandono da Mesa Sectorial por parte de todos os sindicatos, que este venres ofrecerán unha rolda de prensa para explicar polo miúdo o seu rexeitamento a este protocolo. Nas últimas semanas profesorado de toda Galicia veu expresando o seu malestar pola falta de directrices e apoio da Xunta para adaptarse ao coronavirus.
CIG-Ensino critica que o protocolo da Covid-19 "descarga toda a responsabilidade preventiva nos equipos directivos e no profesorado" e acusa á Xunta de “levar á incerteza e ao desamparo ao persoal dos centros educativos e ao alumnado” cunha proposta "inviable" e "allea á realidade das aulas". O sindicato chama á mobilización da comunidade educativa.
As centrais sindicais critican tamén as "formas" da Xunta, que agardou ata despois das eleccións do pasado domingo para presentar o documento
O seu secretario nacional, Suso Bermello, denuncia que "os criterios que rexen a proposta son exclusivamente de carácter economicista, beben dunha ideoloxía ultraliberal e non teñen para nada en conta a educación como un investimento". Bermello alerta de que hai outras "cuestións fundamentais que se están poñendo en perigo" con este protocolo, pois "non se garante o comedor escolar nin o transporte escolar para todo o alumnado". "Todo se somete a uns criterios económicos, diante da negativa da consellaría a incrementar o persoal colaborador nos comedores ou as rutas de transporte", sinala.
CIG-Ensino alerta de que "non se garante o comedor escolar nin o transporte escolar para todo o alumnado"
Tamén STEG critica que o documento "adoece de conter numerosas vaguidades, imprecisións e volve outorgarlle unha responsabilidade excesiva ao profesorado e ás familias" e prescinde "de medidas fundamentais para abordar as problemáticas sanitarias, de hixiene, seguridade e saúde laboral que conleva a pandemia da COVID-19".
Así mesmo, o documento carece dunha memoria ou previsión económica que sirva de base ás medidas previstas, motivada pola inxente cantidade de materiais e produtos e que faría necesaria a posta en marcha de partidas específicas para enfrontar estes gastos. Ademais, STEG lembra que a Xunta deu menos de 48 horas aos sindicatos para lelo e presentar propostas antes da xuntanza da Mesa Sectorial (foilles remitido o martes pola tarde).
CIG-Ensino e STEG critican que o protocolo presentado pola Xunta non axuda a comunidade educativa a estar máis preparada tampouco para o regreso da teledocencia, no caso de que fose necesaria este outono e inverno
De igual xeito, CIG-Ensino e STEG critican que o protocolo presentado pola Xunta non axuda a comunidade educativa a estar máis preparada tampouco para o regreso da teledocencia, no caso de que fose necesaria este outono e inverno.
"O protocolo non garante a universalidade da teledocencia e non hai medidas claros que nos leven a unha situación diferente á que se viviu nos últimos meses do pasado curso, cando o confinamento nas casas levou a unha discriminación moi importante dunha parte do alumnado", lembra Suso Bermello. CIG-Ensino presentara daquela un completo estudo que sinalaba que en 1 de cada 2 aulas virtuais realizadas durante o confinamento participa menos da metade do alumnado.
O STEG, "diante do previsíbel aumento do teletraballo", demanda que cada traballadora e traballador do ensino público conte "cun equipo informático para uso individual e intransferíbel e se reforcen notabelmente neste sentido os equipamentos informáticos dos centros que propicien un acceso democrático e universal á Rede".
Para Anpas Galegas, a proposta da Xunta "estira as costuras do sistema educativo para non ter que investir nin un céntimo"
A Confederación ANPAS GALEGAS, que tamén criticou o atraso na difusión do protocolo "por motivos claramente electorais", denuncia que o documento "repite o erro do terceiro trimestre pasado: deixar en mans das direccións dos centros educativos a responsabilidade da organización". Para s asociación de nais e pais, a proposta da Xunta "estira as costuras do sistema educativo para non ter que investir nin un céntimo, e adáptanse até o insulto as necesidades sanitarias con tal de non achegar máis persoal, nin docente, nin non docente, máis instalacións, máis transporte, ou máis atención ao alumnado"
Subliñan que "a distancia de un metro de separación nas aulas é absolutamente insuficiente segundo as recomendacións que estamos vendo publicadas para a cidadanía xeral" e lembra que mesmo no propio documento dáse o paradoxo de esixiren 1,5 metros nas salas de profesores mentres que o alumnado estaría a un escaso metro de distancia"
A Consellería de Educación respondeu ás críticas cualificando a decisión dos sindicatos de "irresponsabilidade" e ínstaos a negociar o protocolo. Educación afirma que agora o documento "continuará a súa tramitación e será analizado polo Comité intercentros de seguridade e saúde laboral". Posteriormente, unha vez que reciba o visto bo deste comité, será remitido aos centros "para que poidan ir preparando o inicio do curso".