Profesorado e familias reclaman ante a Xunta un novo protocolo da Covid que garanta a seguridade nos centros de ensino

Concentración ante a sede da Xunta en San Caetano, este martes © CIG-Ensino

Pídese que se garanta a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros e unha redución do número de alumnos e alumnas por aula, o que obrigará a contratar máis profesorado

Varios centos de persoas, principalmente profesorado e nais e pais que conforman as comunidades educativas en numerosos centros de ensino, participaron este martes nun novo acto de protesta contra o protocolo anti Covid-19 presentado pola Xunta. O acto tivo lugar ante a sede da Xunta en San Caetano e ao seu remate leuse un texto que foi tamén enviado por correo electrónico á Conselleira de Educación, Carmen Pomar. Os sindicatos do ensino criticaron a imposibilidade de entregalo directamente pola negativa da Policía a permitir o acceso ao rexistro.

O documento expón as principais razóns polas que profesorado e familias rexeitan o documento presentado polo Goberno galego e esixen que se negocie un novo Protocolo "que garanta a saúde e a seguridade de toda a comunidade educativa, o ensino presencial e o mantemento da calidade do ensino".

Os representantes dos sindicatos do ensino, este martes ante a sede da Xunta en San Caetano © CIG-Ensino

Pídese en primeiro lugar que se garanta a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros establecida polas autoridades sanitarias. Tamén se demanda a redución de ratios nas aulas para asegurar o mantemento desta distancia de seguridade, unha redución de alumnado por aula que fai necesario un incremento do número de mestres e mestras.

Denúnciase que no protocolo da Consellaría non se fixa como vai ser a teledocencia se de novo nos atopamos en situación de confinamento total ou parcial nos centros de ensino

Así mesmo, demándase que o plan diferencie os centros segundo a súa tipoloxía e deixe claro "que responsabilidades asume a administración e cales non". Neste sentido, lémbrase que “o control que se pretende facer sobre a situación de posibles infeccións é absolutamente insuficiente e non ofrece ningún tipo de garantías, tanto na incorporación do profesorado, persoal non docente e alumnado como no seguimento de todos os colectivos unha vez comezado o curso". 

Ademais, denúnciase que no protocolo da Consellaría non se fixa como vai ser a teledocencia se de novo nos atopamos en situación de confinamento total ou parcial nos centros de ensino. "O teletraballo, como a docencia presencial, debe ter regras, horarios, medios, condicións, deberes e dereitos. A Consellaría non fixo absolutamente nada nin trazas ten de facelo”, sinálase.

Concentración ante a sede da Xunta en San Caetano, este martes © CIG-Ensino

"Se durante o estado de alarma a Consellaría se escondeu detrás dun “mando único” educativo inexistente, agora deriva toda a xestión e riscos no profesorado”, sinala

"A Consellaría non asume as súas responsabilidade e abandona á súa sorte a toda a comunidade educativa, provocando tamén que a docencia quede nun segundo termo pola negativa a contratar máis persoal e sobrecargar de funcións, algunhas claramente impropias, ao profesorado”, conclúe o documento. "Se durante o estado de alarma a Consellaría se escondeu detrás dun “mando único” educativo inexistente, agora deriva toda a xestión e riscos no profesorado”, engade.

Durante a concentración, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello criticou “a contradición que supón que a Xunta acabe de publicar unha recomendación na que limita o número de persoas en reunións privadas a 25 mentres que nunha aula, de Infantil e Primaria, haberá en moitos casos 26. E xa non digamos en Secundaria e Bacharelato no que a ratio máxima legal está marcada entre 30 e 35 estudantes por aula”. “O que se lexisla para o resto da poboación non vale para os centros de ensino que xa sabemos que estamos á marxe das preocupacións sanitarias da Xunta do PP”, engadiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.