Sindicatos do ensino 'sulfatan' o plan da Xunta para a COVID-19 nas aulas: "Así non pode empezar o curso"

Membros da CIG-Ensino sulfatan simbolicamente o protocolo da Xunta para a COVID-19 nas aulas CC-BY-NC-SA CIG

Todas as centrais sindicais con representación na Mesa Sectorial de Educación rexeitaron a pasada semana o protocolo lanzado polas consellerías de Educación e Sanidade dous días despois das eleccións galegas para adaptar colexios e institutos ás medidas que impidan contaxios da COVID-19. Os sindicatos abandonaron a negociación porque, din, o documento do Goberno "non minimiza os riscos de contaxio, ao non garantir a distancia de seguridade e as últimas recomendación sanitarias".

O principal "clamor" do persoal docente é a "redución das ratios" de estudantes por aula, que o protocolo da Xunta non contempla

Dado que a Consellería xa advertiu de que o seu plan pasa por implantar o documento nos termos iniciais, os sindicatos iniciaron este mércores un calendario de mobilizacións que os levou ás portas do departamento educativo da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano. Alí, cunha cazolada e un sulfatado simbólico do protocolo, quixeron facer ver que "así non pode comezar o curso con normalidade", sinalan dende a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector.

O departamento actualmente dirixido en funcións por Carmen Pomar, sinalan, debe "dar un paso atrás" e "negociar un protocolo viable dende o punto de vista organizativo", pero que tamén "garanta a protección fronte ao virus". A Xunta, sinalan, debe comezar por deixar de "negar a posibilidade de incrementar o persoal docente e non docente para facer fronte" á nova situación. 

O principal "clamor", advirten, é unha "redución das ratios" de alumnado por aula, aspecto que, como xa avanzara a Xunta, o protocolo non contempla. Segundo Pomar,  a redución do número de estudantes por aula non está contemplado por falta de fondos, pero tamén porque a Xunta advirte "riscos socioemocionais" para o alumnado. [A Xunta contempla máscara "en todo o horario lectivo" nas aulas sen espazo para manter un metro entre estudantes]

Apoio de BNG e PSdeG á reivindicación dos docentes

A reivindicación do persoal docente recibiu o apoio das forzas que integran a oposición parlamentaria na nova lexislatura. Na propia concentración, as deputadas electas polo BNG Olalla Rodil e Mercedes Queixas reclamaron á xunta que "sente a negociar". "O protocolo non responde ás necesidades do ensino público, dá prioridade a criterios económicos", censura Rodil, que ve o PP "borracho de soberbia" tras o triunfo o 12X.

As deputadas electas do BNG Olalla Rodil e Mercedes Queixas, na mobilización do profesorado, e Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

"É urxente -agrega a parlamentaria- contratar máis profesorado para reducir as ratios de estudantes por aula" e así aumentar unha seguridade que "debe quedar garantida" nas aulas, pero tamén "nos servizos complementarios, como o comedor ou o transporte". "Teñen que escoitar o que están a dicir as ANPAs e as organización sindicais, non se pode derivar ao persoal docente a responsabilidade que corresponde ao Goberno". 

Nesta liña pronunciábase tamén este xoves o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. A xuízo do socialista, a Xunta "non pode centrifugar as súas competencias cara ás direccións dos centros escolares". O protocolo, agrega Caballero, debe ser "consensuado" e partir da base de que previr a COVID-19 nas aulas "non pode ser a custo cero", porque implica "reforzar o sistema educativo" para afrontar a pnademia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.