O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) traballa dende o 2010 nunha liña de investigación educativa de análise das potencialidades da computación cloud e o software libre para mellorar a forma de traballar, colaborar, ensinar e aprender nas pequenas escolas rurais ou illadas. O éxito da proposta permitiulle ao CESGA liderar un proxecto europeo neste ámbito, con experiencias en seis país. Esta semana María José Rodriguez Malmierca e Diego Nieto (CESGA) exporán na LibreCon todos os detalles sobre a iniciativa
Inicialmente, experimentouse nun Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón e Vedra para estendelo despois, dentro do proxecto Rede de Escolas na Nube, a 4 CRAs, que contan con 23 escolas rurais, xunto coa empresa Balidea Consulting & Programming e o apoio da Xunta (AMTEGA e Consellería de Educación). O proxecto foi despregado xa este curso na infraestrutura da Consellaría e dá soporte aos CRAs galegos, o que supón "un éxito na transferencia de innovación educativa á sociedade", destacan os seus responsables. Formación de mestres, educación a distancia para estudantes illado, aprendizaxe en grupo ou a aprendizaxe de idiomas con outras escolas de diferentes países, son algúns dos servizos que puideron mellorar grazas á aplicación das novas tecnoloxías.
Na actualidade, o CESGA lidera RuralSchoolCloud, un novo proxecto educativo financiado pola Unión Europea, con 7 socios de 6 países, destinado a proporcionar unha solución TIC adaptada para as escolas rurais e dispersas en Europa, baseándose no uso de computación na nube, software aberto, e metodoloxías para fomentar as habilidades necesarias na aprendizaxe e colaboración no S. XXI. Todo o software e ferramentas utilizadas son libres (eyeos, Owncloud, PHP, MySQL, Opennebula...). Os CRAs de Boqueixón – Vedra, Vilaboa, Amencer e Nosa Señora do Faro son os centros galegos que participan na iniciativa, xunto con escolas de Italia, Macedonia, Grecia, Dinamarca e Reino Unido.
Os seus responsables destacan que máis de 14,4 millóns de nenos e nenas viven en áreas rurais en Europa, recibindo na súa contorna o ensino obrigatorio. "Manter os nenos nas escolas locais, polo menos na escolarización temperá, asegura unha conexión necesaria entre os nenos e as súas comunidades de orixe e axudar a manter as comunidades rurais viva e vibrante. Este tipo de escola, con todo, esixe un esforzo orzamentario especial das administracións educativas", sinalan. No proxecto téntase ofrecer tamén unha comunidade de aprendizaxe activa das TIC baseada para profesores rurais, "o que axudará a desenvolver as competencias do profesorado e aplicar metodoloxías adecuadas". Falamos con María José Rodríguez Malmierca.
"Coñecíamos ben a contorna dos CRAs e as circunstancias de mestres que teñen que andar desprazándose dun lado para outro, centros con poucos nenos por aula, clases nas que se mesturan os niveis e as idades"
Como nace o proxecto inicial do CESGA de traballar coas escolas rurais?
Había unha convocatoria de HPLabs de aplicacións cloud para educación. Aquí leváranse a cabo experiencias noutros ámbitos educativos, sobre todo no universitario, pero pensamos que sería interesante ofertar posibilidades novas a centros que non tivesen demasiadas opcións de chegar a eses recursos de forma ordinaria. Como coñecíamos ben a contorna dos CRAs e as circunstancias de mestres que teñen que andar desprazándose dun lado para outro, centros con poucos nenos por aula, clases nas que se mesturan os niveis e as idades, pensamos que era un bo lugar para facer un pequeno experimento. Resultou todo un éxito, e o proxecto mesmo foi recoñecido por HPLabs e tivemos que ir á India a presentalo.
"Este proxecto europeo permitiunos ver que o que estabamos facendo aquí, de maneira moi concreta e nun contexto moi particular, era válido para outros contextos"
E ese éxito leva a que o proxecto continúe e se estenda a outros centros...
Si, a Consellaría amosou o seu interese e coa súa colaboración e a da empresa Balidea, que foi un grande apoio para nós, montamos esa outra iniciativa de escolas na nube, que implicou a catro CRAs e 23 escolas de toda Galicia. Con este proxecto demos un paso moi grande na parte técnica e na parte pedagóxica, sustentando moito máis a iniciativa na parte educativa e nas necesidades de cada centro. Despois, co proxecto europeo puidemos ampliar os obxectivos, non limitándoos tanto en canto a idades (nos outros traballabamos con nenos e nenas ata os sete anos, e aquí ampliamos ata os 18) e ademais actuando en contextos moi diferentes. Este proxecto europeo permitiunos ver ademais que o que estabamos facendo aquí, de maneira moi concreta e nun contexto moi particular, era válido para outros contextos. As estratexias de traballo que iniciamos aquí en 2010 eran positivas.
"Tratábase de darlles instrumentos aos profes, que son os que mellor coñecen o terreo e as necesidades, teñen as ideas e saben perfectamente o que queren aínda que ás veces non teñan as solucións tecnolóxicas específicas"
O proxecto, ademais, é moi flexible e amplo, ofrece ferramentas e combínase con outras dinámicas escolares...
Nós sempre traballamos coa perspectiva de que a tecnoloxía non debe substituír a presenza nos centros. Non se trata de que os profesores estean na casa, ou de que os nenos estean na casa e de que a comunicación sexa por videoconferencia. Tratábase de ofrecer as ferramentas e de dar un soporte real, moi pegado ao xiz e ás tablets, aos nenos, aos profesores e ás familias. Tratábase de abrir esa caixa e de darlles instrumentos aos profes, sobre todo, que son os que mellor coñecen o terreo e as necesidades, teñen as ideas e saben perfectamente o que queren aínda que ás veces non coñezan as solucións tecnolóxicas específicas. Queríamos darlles instrumentos para facer máis doado o seu traballo e para que poidan explorar novos camiños.
O bo, ademais, é que como traballamos con software aberto, todas as ferramentas que usamos, desenvolvemos e usamos están dispoñibles na nosa web, cunha máquina virtual, para que as poida usar quen queira. Tamén realizamos un manual, tamén dispoñible para todos, para que quen estea interesado na nosa experiencia poida saber como o fixemos nós.
Na experiencia que acumulades en tres proxectos sucesivos hai algún aspecto que vos gustaría ter desenvolvido máis?
Neste tipo de proxectos, por falta de tempo ou outros motivos, ás veces non chegas a desenvolver todos os teus obxectivos. Neste caso, seguramente faltounos incidir máis no traballo coas familias. Si traballamos con elas de forma puntual, pero faltounos levar a cabo unha actividade máis sistemática. Despois, na parte tecnolóxica, gustaríanos ter mellores opcións para levar a cabo multiconferencias. As solucións que empregamos son de empresas, sexa de Skype, sexa de Google, pero gustaríanos poder empregar algunha solución de código aberto máis integral.
"Non queriamos que quedara descabalgado o rural, porque estas tecnoloxías poden ofrecerlles moitas opcións aos nenos na adquisición de competencias dixitais"
No rural existe aínda unha fenda dixital. Proxectos coma este contribúen a salvala?
Tivemos en conta esas circunstancias, axustándonos á calidade de conexión que podemos ter neste momento. Ás veces fallaban a conexión, por suposto, pero é que ás veces fallaba mesmo a luz nos centros. Partimos sempre dende a humildade de integrar dende abaixo, non funcionar nin cos equipos máis grandes nin coas calidades de videoconferencia maiores, senón flexibilizarnos para que ninguén quedara fóra. O que non queriamos era que quedara descabalgado o rural, porque estas tecnoloxías poden ofrecerlles moitas opcións aos nenos na adquisición de competencias dixitais e tamén aos mestres, non só para o seu traballo na aula, senón tamén para o seu desenvolvemento profesional