A Deputación de Lugo promove dez rutas de montaña por Navia de Suarna, A Fonsagrada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Cervantes
A bicicleta converteuse nun dos mellores aliados para o ocio desde que comezou a pandemia. Lonxe de aglomeracións, é unha maneira de relacionarse coa contorna de forma sostible. Por iso, o cicloturismo consolídase como unha alternativa en alza e en Lugo deseñaron varias rutas que permiten achegarse ao patrimonio natural, cultural e etnográfico da provincia a pedaladas.
A Deputación de Lugo promove estas dez rutas de montaña que atravesan os concellos de Navia de Suarna, A Fonsagrada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Cervantes. Itinerarios por vías de escaso tráfico que permiten desfrutar de espazos protexidos como as Terras do Miño e Os Ancares, reservas da biosfera, ou o xeoparque Montañas do Courel.
″Había unha demanda de usuarios destas rutas que pedían unha sinalización e apostamos por poñer en valor tanto a paisaxe como o lugar, e así atraer un pouco dese turismo vinculado ao deporte a esta zona″, explica o xefe de servizo da área de Medio Ambiente da Deputación, Luis Reija. As rutas están identificadas desde principios do ano 2019 e no ente provincial aseguran que ″a acollida foi bastante importante″. ″Fomos capaces de chegar a tendas de ciclismo de toda España e moita xente visita a páxina web na que se poden descargar as sendas″, engade Reija.
"Apostamos por poñer en valor tanto a paisaxe como o lugar", salienta Luis Reija, da área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo
Trátase de dez rutas de montaña de dificultade media-alta, para ciclistas con certa experiencia, que parten da contorna da Fonsagrada e de Navia de Suarna. Mais a Deputación contempla estender este proxecto a outras zonas, como O Courel e O Xistral, ata completar o conxunto da Montaña lucense. ″A intención era captar a ciclistas que van a Pirineos, os Alpes ou ás montañas de Asturias para que viñeran ata Lugo. As carreteras non están mal e, salvo no Piornedo no verán, aquí o tráfico é practicamente anecdótico″, conta Miguel Hortas, técnico encargado da sinalización das sendas.
As rutas pasan por enclaves que viaxaron por medio mundo grazas á película O que arde, de Oliver Laxe. Para moita xente será unha paisaxe descoñecida e a bicicleta resulta unha boa opción para percorrer estas zonas abruptas da Montaña lucense. E para os que non poden ir na bici, sempre hai opcións para compartir a aventura a medias, uns sobre catro rodas e outros a dúas. Ademais, na mesma web onde se descargan os itinerarios en bici atópanse rutas de senderismo aptas para facer en familia. ″Este ano quedou todo parado coa COVID″, salienta Hortas, porén, repartiuse información das rutas nos albergues para peregrinos do Camiño de Santiago, un público ao que tamén queren chegar desde a Deputación.
″Aínda que teñamos vacina, a xente non vai estar por aglomeracións", di o técnico que traballou na sinalización das rutas, Miguel Hortas
″A idea fundamental é poñer en valor os recursos naturais que temos na Montaña lucense. Coa situación que estamos vivindo o turismo de proximidade ten máis acollida e cremos que isto é unha alternativa máis ao moito que pode dar a montaña de Lugo″, resume Luis Reija. ″Aínda que teñamos vacina a xente non vai estar por aglomeracións e esta zona nunca vai estar masificada. Aquí tranquilidade vai haber″, engade o técnico Miguel Hortas.
Partindo da Fonsagrada pódese percorrer a reserva da biosfera de Oscos nun itinerario con máis de 2.000 metros de ascenso total que transcorre xunto ao río Eo e pasa por Grandas de Salime, Vilanova de Oscos e Santa Eulalia de Oscos. Ata o canón do río Eo é posible ir na senda que vai desde a Fonsagrada ata Carballido, atravesando Taramundi e baixando á Pontenova, pola que se pedalean varios quilómetros de bosque autóctono.
Desde Navia de Suarna é posible repetir o trazado da Volta Ciclista de 2014 e ascender por Serra Morela e os Ancares por Pandozarco. Un itinerario perfecto para visitar as pallozas de Piornedo, xa que a volta decorre polo val do río Ser ata esta aldea de Cervantes. Outra senda que sae de Navia e pasa por Piornedo opta por subir ao alto de Campa de Laviadas e posteriormente baixar a Doiras, onde a visita ao castelo medieval é obrigada.
O desnivel vai en aumento, achegándose aos 2.800 metros en total, na ruta que vai desde a Fonsagrada cara a Navia de Suarna e sube o alto de Louxas para cruzar a Asturias e seguir o río Ibias ata chegar a súa desembocadura no Navia. O itinerario culmina cunha subida de 14 Km ao porto de montaña das Pedras apañadas. Outra opción é a ruta ata A Barraca, onde se incrementa a dificultade, que pasa por Coto de Frades e permite facer unha parada no Chao do Pousadoiro, na Ribeira de Piquín.
Con 3.400 metros de desnivel, e máis dificultade que as anteriores, a ruta dos vales e os portos parte da Fonsagrada para baixar cara o encoro de Salime. Un ascenso ata Berducedo permite coller unha senda ata Valledor (Asturias) e percorrer o coñecido como Pozo das mulleres mortas. A volta culmínase polo alto de Penas do inferno.
A ruta denominada Volta Ancares e Cebreiro é esixente para os ciclistas e consegue que se fagan unha panorámica da zona. Saíndo de Navia de Suarna cara Becerreá, por unha estrada pouco transitada, chégase a As Nogais e despois ao alto de Vilasol. A baixada cara ao Cebreiro conta con importantes pendentes que rematan en Pedrafita. Seguindo este itinerario tamén se chega a Doiras, para seguir a beira do río Ser de volta a Navia.
A proposta máis ″intrépida″ de todas é o Desafío Pelliceira Pandozarco, con 108 Km da máxima dificultade e 3.500 metros de desnivel total. Comeza en Navia de Suarna en dirección Asturias para chegar aos portos de Pelliceira e Pandozarco, parando no de Chao de Arqueira. Tras a intensidade da viaxe, a volta decorre polo val do río Ser e pasa tamén polo Piornedo.