"Se queren contar que subiron o Ézaro sen botar pé o chan, deben ser conscientes do seu nivel"

Presentación da marcha © Desafío do Atlántico

O vindeiro sábado 8 de xuño terá lugar a marcha cicloturista Desafío do Atlántico – Mirador do Ézaro, con saída en Dumbría e 130 quilómetros de percorrido, na que os participantes ascenderán as duras rampas deste espectacular porto que formou parte do percorrido da última edición da Volta a España. A marcha estará apadriñada por dous dos mellores deportistas galegos da historia: Ezequiel Mosquera e Pedro Nimo, subcampión de España de maratón.

Dende que o subcampión da Volta a España de 2010, Ezequiel Mosquera (Teo, A Coruña, 1975), deixou o ciclismo profesional, colabora todas as iniciativas relacionadas cun deporte que adora. Este sábado estará presente na primeira edición do Desafío do Atlántico – Mirador do Ézaro e antes da data sinalada, quixo contar as súas sensacións.

Por que te inscribiches no Desafío do Atlántico?

A marcha ten moi boa pinta. No cicloturismo xúntanse o punto competitivo que os participantes lle dan ás probas, xa que son diferentes ao día a día, e por outro lado, ten o factor paisaxístico. Se o tempo acompaña, o Desafío do Atlántico promete moito. Hai que apoiar estas iniciativas. De cara ó futuro é unha marcha que será un referente para a comarca.

Que consellos darías aos corredores o día da marcha?

Que cada un sexa consciente das súas posibilidades, que garden cartuchos de cara á subida final. Se gastan todo polo camiño terán que subir a pé. Se queren chegar a casa, saudar á familia e contarlle aos fillos que subiron o Ézaro sen botar pé o chan, o mellor que teñen que facer é se cada un ser consciente do seu nivel e chegar ao Mirador con algo de gas. Senón, a rampla de cemento é moi complicada.

"Se queren chegar a casa, saudar á familia e contarlle aos fillos que subiron o Ézaro sen botar pé o chan, o mellor que teñen que facer é se cada un ser consciente do seu nivel e chegar ao Mirador con algo de gas"

E algún consello técnico?

Sobre todo que non lle falte desenvolvemento a ninguén. Que estuden ben o perfil, que todo o mundo sexa consciente das porcentaxe que ten o Mirador e que non cheguen á rampla difícil sen que queden atascados. Hai que levar unha boa rosca atrás, algo tipo Compact. Un piñón de 28 mínimo, se pode ser con pratos Compact diante. Os que suban cos primeiros non terán problema, pero os que suban cos de atrás, se hai algún embotellamento e hai que parar, é imposible volver a subir na bici. Que vaian preparadas para todo, incluso cunhas zapatillas no maillot por se teñen que subir andando.

Que opinas de Pedro Nimo, o teu compañeiro de apadriñamento?

Andará rápido. Fino está, forma física é evidente que a ten, o único que lle falta quizais é adaptación muscular. Xa leva tempo saíndo porque é dos que lles gustan estes retos, e xa me contaron que estaba adestrando. Seguro que vai dar a sorpresa.

Que che dá o deporte dende que deixaches o profesionalismo?

Dáme o que non me daba antes. O deporte profesional é gratificante cando estás diante chegando cos primeiros, pero o que hai que sufrir para alcanzar ese lugar é terrible. Iso impídeche un pouco gozar do que realmente es e do que outros envexan. Ó final o día a día da bici do profesional é coma ir a traballar todos os días. Agora é distinto, saio ao ritmo que quero, o tempo que quero e a bici converteuse nun hobby. Necesito andar en bici, porque non podo prescindir dela baixo ningún concepto. Váleme para desintoxicar a mente.

Ezequiel Mosquera © Desafío do Atlántico
Presentación da marcha © Desafío do Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.