A maior parte das zonas urbanas avanzan nun proceso que busca conseguir cidades máis amables para as persoas, nas que os seus habitantes poidan desprazarse con comodidade e seguridade a pé e noutros medios de transporte limpos, como a bicicleta ou os novos VMP. Este proceso é, en gran medida, unha reconquista do espazo que durante décadas foi monopolizado polos coches, que ocupaban unha fracción maioritaria das rúas, contribuíndo ademais de xeito destacado a incrementar a contaminación do aire e tamén os ruídos e o risco de accidentes e atropelos. Cómpre lembrar, ademais, as importantes fendas de xénero e doutro tipo existentes no uso do coche.
"A situación do post-confinamento abriu a porta a que a xente se puidese imaxinar un paseo peonil ao redor do noso ben patrimonial máis prezado, e non só o imaxinou, senón que o viu e o palpou, e foi todo un éxito"
En Galicia (e en todo o planeta) Pontevedra é dende hai anos referente nas políticas de fomento da mobilidade sustentable e dos desprazamentos a pé. Tamén Compostela avanzou neste camiño e igualmente fíxoo A Coruña, que nos últimos anos peonalizou a súa Cidade Vella e que nas últimas semanas anunciou a expansión do proceso aos Cantóns e outras zonas, uns movementos que tamén buscan axudar ao comercio local.
Este proceso xa estaba en marcha, coa vista posta á obrigada limitación do acceso de vehículos contaminantes aos centros urbanos, pero a crise do coronavirus pode que contribuíra a aceleralo. Por unha banda fixo evidente a falta de espazo para peóns e ciclistas nas rúas das cidades e obrigou a ampliar as zonas polas que se poden desprazar, para evitar contaxios. Ademais, axudou a visibilizar a contaminación xerada polos coches.
Unha das cidades nas que durante o estado de alarma se puxeron en marcha accións para ampliar o espazo para os peóns e os medios de transporte sustentables foi Lugo, onde a área de Mobilidade do Concello, a cargo do tenente de Alcaldía Rubén Arroxo, aprobou reservas de espazo para peóns e peonalizacións temporais de moitas rúas, pero anunciou tamén que algunha das medidas de peonalización ou de redución da velocidade máxima permitida se manterán unha vez superada a pandemia. Medidas concretas obrigadas pola pandemia pero dentro dun proxecto máis amplo de mobilidade para a cidade, e que a súa posta en marcha durante o estado de alarma serviu para amosar as súas vantaxes.
"En Lugo temos o privilexio de ter algo único no planeta, unha muralla romana completa. É preciso poñela en valor e que a xente poida sentila como unha zona de estar da cidade e non como unha macro rotonda como ata o de agora"
Neste senso abriuse un novo percorrido peonil na ronda da Muralla, pechando o carril interno do vial para habilitar unha nova zona de paseo para peóns de 2,5 km no centro de Lugo. "Durante a campaña das municipais deixamos moi claro que no programa do BNG ía incluído un avance da peonalización especialmente no centro e no entorno da Muralla, poñendo á Mosqueira coma o seguinte tramo a peonalizar na súa totalidade, e seguir avanzando no resto", di Arroxo en conversa con Praza.gal. "A situación do post-confinamento abriu a porta a que a xente se puidese imaxinar un paseo peonil ao redor do noso ben patrimonial máis prezado, e non só o imaxinou , senón que o viu e o palpou, e foi todo un éxito", engade.
Aínda que as actuacións se estenden por todo o centro da cidade, as accións que se levan a cabo na Ronda de Muralla son as máis relevantes, pola importancia fulcral que o monumento ten para a cidade, como símbolo e como elemento que estrutura o urbanismo do centro. A peonalización do seu perímetro non só dá servizo á cidadanía, senón que permite un maior lucimento e protección deste patrimonio da humanidade. Neste senso, Arroxo salienta que "en Lugo temos o privilexio de ter algo único no planeta, unha muralla romana completa. Non existe ningunha outra cidade no mundo que poida dicir isto". "É preciso, primeiro, poñela en valor e que a xente poida sentila como unha zona de estar da cidade e non como unha macro rotonda para os coches, como ata o de agora", di. "E, segundo, a protección do noso monumento pasa tamén por retirar vehículos do seu redor", engade
Hai uns días a alcaldesa Lara Méndez presentou a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá oito barrios da cidade
E, de igual xeito, hai uns días a alcaldesa Lara Méndez presentou a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá oito barrios da cidade: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real. A iniciativa encádrase na estratexia Muramiñae posta en marcha pola alcaldesa co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño gañando máis espazos para as persoas. De cor verde, combinará carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%. No seu deseño, ademais, procurouse a menor eliminación de prazas de estacionamento posible en todo o itinerario e crearanse novas prazas en aparcamentos alternativos.
En poucos días comezará a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, polo que a totalidade do espazo dentro de murallas quedará na practica peonalizado
Hai outras accións en marcha. En poucos días comezará a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, polo que a totalidade do espazo dentro de murallas quedará na practica peonalizado. Ademais, estase levando un plan de calmado do tráfico en todas as contornas escolares. Dende a concellería de mobilidade, anúnciase así mesmo que se está a traballar nunha nova ordenanza que permitirá regular os novos VMP, promover o uso da bicicleta e calmar o tráfico, entre outras cuestións.
Ademais, poranse en marcha novas liñas de bus urbano "que mellorarán en moito as anteriores e permitirán entre outras cuestións ter buses que saian cada 10 minutos no eixo norte-sur, onde vive máis do 70% da poboación, comunicándoo co propio centro e cos barrios que están no outro extremo", destaca Arroxo.
Poranse en marcha novas liñas de bus urbano e vieiros escolares seguros
Para o resto do mandato ficarán outros proxectos, como a creación dos "vieiros escolares seguros" e tamén "a mellora das infraestruturas urbanas de todos os barrios", mellorando a estética e a accesibilidade e gañando espazos que permitan socializar.
"A nosa idea é lograr que en pouco tempo o tráfico que circule pola Ronda sexa maioritariamente o do transporte público, repartos, residentes e persoas que van ao centro, suprimindo o tráfico que atravesa a cidade"
Para axudar a acelerar os cambios de hábitos, dende o Concello lánzanse itinerarios alternativos para que os condutores comecen a evitar a Ronda da Muralla, por exemplo para ir da Porta de San Pedro á Praza da Milagrosa sen pasar pola rolda e a Avenida da Coruña, amosando que este camiño, a pesar de ser o máis directo, leva máis tempo que outros percorridos. "Hai algo que está máis que estudado e que se sabe dende hai anos: a maior parte do tráfico que circula pola Ronda -e moi especialmente neste tramo- é tráfico de paso que vai da zona sur cara á zona norte", explica Arroxo.
"Existen diversas alternativas, algunhas con infraestruturas que teñen poucos anos, pero a inercia fai que a maior parte do tráfico siga pasando a 5 metros dos cubos da Muralla. A nosa idea é lograr que en pouco tempo o tráfico que circule pola Ronda sexa maioritariamente o do transporte público, repartos, residentes e persoas que van ao centro, suprimindo o tráfico que atravesa a cidade", destaca.
"Pontevedra é un referente para calquera cidade do planeta que queira avanzar nunha maior humanización do espazo público. Os resultados están á vista"
"Somos seres humanos e o medo ás mudanzas sempre está aí, e somos de repetir rutinas. Hai uns anos en Lugo fíxose unha ruta alternativa nun dos puntos de maior retencións de tráfico, como era na intersección da rúa Miguel de Cervantes coa rúa Montero Ríos. Malia que o novo itinerario melloraba moito a fluidez do tráfico, tardáronse semanas e mesmo meses en que a xente se adaptase a cambiar o seu percorrido, pero en canto se asentou comezou a funcionar perfectamente", engade.
Ao igual que sucede con outras cidades que emprenden proxectos de fomento da mobilidade peonil Pontevedra funciona como exemplo e referente das políticas que se levan a cabo en Lugo, como explica o concelleiro. "Pontevedra é un referente para calquera cidade do planeta que queira avanzar nunha maior humanización do espazo público. Os resultados están á vista, os edificios rehabilítanse, o comercio e a hostelería gaña, a calidade de vida da veciñanza mellora, todo son vantaxes", sinala.
"A día de hoxe hai moita máis conciencia sobre a necesidade de avanzar nas peonalizacións, e sobre todo moita máis conciencia en que somos a xente de Lugo a que temos que protexer a Muralla"
Pero, ao igual que tamén sucede noutras cidades que inician procesos de peonalización, tamén xorden resistencias e críticas por parte dalgúns colectivos veciñais e de comerciantes. "Sempre as hai, non hai proxecto de peonalización no mundo que non as sufrise, e o propio Lugo sufriunas tamén hai anos", concorda Arroxo, que afirma no entanto que "agora é diferente, malia que si existen persoas que o cuestionan, a inmensa maioría da xente que fala comigo apóiao con rotundidade, e nisto falo de persoas de todo tipo de ideoloxías, clases sociais, profesións e idades".
"A día de hoxe hai moita máis conciencia sobre a necesidade de avanzar nas peonalizacións, e sobre todo moita máis conciencia en que somos a xente de Lugo a que temos que protexer a Muralla", engade, para concluír: "Estou convencido de que cando remate este mandato a xente de Lugo dirá, máis se cabe, o orgullo que senten polo seu concello".