Son varias as cidades que nos últimos meses están a impulsar políticas que buscar avanzar na mobilidade sustentable, con máis espazo para os peóns e menos para os coches nos centros urbanos. Esa é a tendencia dominante, que a crise do coronavirus acrecentou. Unha das que está a dar máis pasos neste senso é A Coruña, que xa en abril foi das urbes de todo o Estado que adoptou máis medidas para facilitar o proceso de desconfinamento e que este xoves fixo público un proxecto que nos vindeiros anos converterá en espazos peonís unha ampla zona do centro da cidade herculina, próxima aos Cantóns.
Esta transformación permitirá recuperar máis de 11.000 metros cadrados para o uso da cidadanía
A iniciativa, redactada polos arquitectos Carmen Calatayud e Xosé Manuel Vázquez Mosquera, dá continuidade ao proceso que nos últimos anos eliminou os coches da zona da Mariña (agás residentes, taxis, emerxencias e autobuses urbanos). En conxunto, esta transformación permitirá recuperar máis de 11.000 metros cadrados para o uso da cidadanía e vén acompañada de peonalizacións "para crear espazos públicos de calidade que lle garantan a accesibilidade a todo o mundo", destaca o Goberno local.
Da Mariña á praza de Mina, a circulación quedará restrinxida ao transporte público, bicicletas, residentes, carga e descarga
O proxecto contempla a redución da calzada de vehículos a un carril por sentido desde A Mariña ata a praza de Mina, onde a circulación quedará restrinxida ao transporte público, bicicletas, residentes, carga e descarga e de servizos. Peonalízanse a rúa Compostela, rúa Nova, Entrexardíns e o treito final de Santa Catalina (a circulación da rúa Durán Loriga cambia de sentido e quedará derivada cara á rúa Santo André) coa finalidade de "conectar, integrar e estender a actividade dos Cantóns, A Mariña e os xardíns ás rúas veciñas".
Peonalízanse a rúa Compostela, rúa Nova, Entrexardíns e o treito final de Santa Catalina
A peonalización de Entrexardíns permite unir as dúas áreas principais dos Xardíns de Méndez Núñez. Ademais, a parada de transporte metropolitano trasládase á rúa Alcalde Manuel Casás á espera dos cambios que nesa rede suporá a entrada en funcionamento da Estación Intermodal. E, así mesmo, recupérase a antiga praza da Aduana (Subdelegación do Goberno), cuxo espazo se delimitará co mobiliario urbano. O Concello ten previsto licitar as obras de peonalización da rúa Compostela este ano e o resto dos traballos en 2021.
A finalidade é humanizar o centro urbano e recuperar para as persoas viandantes o espazo que o coche lles foi quitando: “as persoas son as protagonistas dos nosos plans para transformar a cidade”, dixo a alcaldesa Inés Rey
Na presentación do proxecto, a alcaldesa Inés Rey destacou que este plan "para recuperar o espazo público e devolvérllelo ás peoas e aos peóns" supón "a primeira pedra do futuro urbanismo da cidade”. “O obxectivo é levar esta acción a todos os barrios para que en todos gocemos de espazos de convivencia como se fosen o mesmo centro da cidade”, engadiu.
Rey reiterou que a finalidade é humanizar o centro urbano e recuperar para as persoas viandantes o espazo que o coche lles foi quitando: “as persoas son as protagonistas dos nosos plans para transformar a cidade”. E subliñou que “esta pandemia demostrounos a todas e todos o que moitos xa sabiamos: hai outra forma de mobilidade, unha mobilidade sostible pola que imos seguir apostando, agora con máis forza”.