A pequena aldea de Piornedo, na montaña dos Ancares, está asociada desde sempre ás súas pallozas, ás 18 que compoñen un conxunto único en Europa, o máis grande e en mellor estado de conversación. Construcións que datan da época prerromana, que evoluíron desde os antigos castros, que foron habitadas ata hai poucas décadas pero que sofren agora problemas de conservación, especialmente nos seus teitos.
A falta de axudas das administracións para manter este conxunto BIC levou unhas mulleres propietarias a lanzar unha campaña de micromecenado
De tipo colmado e elaborado a partir da palla de centeo, o teito das pallozas illa termicamente a vivenda. É fundamental para a súa conservación e para evitar a deterioración das construcións, todas en mans privadas agás unha que pertence á Xunta. Ante o elevado risco, varias mulleres propietarias uníronse nunha asociación --Teitos de Piornedo-- que busca recursos para uns traballos complexos e caros e cun "importante valor etnográfico".
A falta de axudas das administracións levou estas mulleres a impulsar unha campaña de micromecenado na que procuran un máximo de 10.900 euros para teitar da maneira tradicional as pallozas. En principio, sete do total, as das propietarias que decidiron unirse a este proxecto pero no que non se integraron todos os donos destas construcións. "Se sobrase, axudaríamos, por suposto", din.
O obxectivo é preparar tres parcelas no Piornedo para abonar e sementar diferentes tipos de centeo e aproveitar a palla --co asesoramento de persoal técnico-- para teitar en pallozas, palleiras e hórreos e "evitar a súa rápida e grave deterioración". Ao tempo, pretenden recuperar os traballos e festexos tradicionais relaciondos con estes traballos como o remate da sega, a mallega e o propio teitado.
A asociación pretende preparar tres parcelas, abonar e sementar diferentes tipos de centeo para teitar as pallozas coa palla: "É un traballo moi caro"
"É un labor moi caro porque xa non se bota centeo para o pan e os animais coma antes e para o teito tan só se aproveita o 30%", explica Isolina Rodríguez, unha das portavoces da asociación, que prevé traballar en hectárea e media nun principio para, nunha segunda fase, poder ampliar o proxecto no outono de 2021.
Desde un mínimo de 3.000 euros, a asociación de propietarios "achegará todo o resto". Pero a campaña "vai moi ben, moito mellor do esperado", explica Rodríguez, que aclara que as achegas das persoas colaboradoras son para "facer fronte aos gastos do peche con aramado das tres parcelas sementadas de centeo". A razón principal? "O xabarín esnaquiza todo, é terrible".
A asociación está xa a encargar materiais e analizando que tipo de malla coloca para evitar que se perdan as plantacións. Con preto de 6.000 euros recadados, explican que o seu proxecto naceu ante o desleixo das administracións. Durante dez anos, de 2000 a 2010, a Xunta pagou a unha empresa que facía o necesario mantemento anual dos teitos dun conxunto de construcións que hai tempo foron declarados BIC (Ben de Interese Cultural), segundo conta a asociación. Desde aquela, só un ano chegou unha achega da Administración autonómica, en 2015, para uns traballos cos que a veciñanza non quedou moi satisfeita. Agora, moitas das pallozas amosan un importante desgaste.
"Houbo veciños que mandaron unha carta ao presidente Feijóo que nunca contestou; non temos interlocutor ningún, pedimos varias reunións para tratar o problema, pero nunca conseguimos que a Xunta se implicase", explica Isolina Rodríguez, que advirte de que tampouco teñen noticia da Deputación.
Das 17 pallozas privadas, as propietarias de sete impulsaron esta iniciativa na que non entraron todos os veciños. "A algúns non lles interesou e outros son xente maior que considera que non poderá facer os traballos", explica Rodríguez, que aclara que a intención dalgúns de agardar polas administracións xa non é viable. "Se non facemos algo axiña, algunhas pallozas van caer... E iso dános unha pena terrible", explica quen aclara que só buscan axuda para manter un conxunto histórico dun importante valor arquitectónico e etnográfico. E que insisten en que debera ser a Xunta quen se preocupase tamén por un Ben de Interese Cultural.
"Claro que nós temos que facer algo e que estamos dispostos a facelo, pero queremos que as administracións contribúan e nos expliquen, se queren, como temos que facer", remata.