Só cinco dos 67 concellos da provincia de Lugo tiñan a finais de 2018 máis poboación que no ano do inicio da crise económica, unha década atrás. Desa media decena, un deles é a cidade de Lugo, con case 3.000 habitantes máis que en 2008, segundo o padrón municipal, e outro é Outeiro de Rei, que medrou levemente (207 persoas) tras unha década na que se consolidou como lugar de residencia para persoas que viven na cidade da Muralla. Os outros tres están na Mariña: Burela, Foz e Ribadeo.
O plan pon o foco nos concellos de menos de 10.000 habitantes con saldo demográfico negativo
O resto da provincia lucense está atinxido pola dinámica demográfica xeral do conxunto do país, que nesta década respondeu a unha baixada da natalidade que non foi compensada pola inmigración. Esta é a diagnose da que partiu o programa Prende! Bota raíces no rural, promovido pola Deputación de Lugo apoiada no Fondo Social Europeo e que vén de nacer cun reto: procurar mocidade en situación de desemprego e formala en oficios que permitan ficar nesa gran maioría de concellos rurais ou ligados ao rural que están a perder poboación.
A radiografía demográfica que estivo na base do plan permite dirixilo á práctica totalidade da provincia agás os principais núcleos de poboación. Procura xente menor de 30 anos en municipios de menos de 10.000 habitantes cun saldo demográfico negativo. Ou, o que é o mesmo, 58 concellos, algo máis do 80% do total provincial. Trátase, explican dende a entidade lucense, de "axudar a combater o despoboamento precisamente naqueles concellos que máis o están a sufrir".
Unha ollada aos mesmos datos por comarcas ratifica o diagnóstico. Só a comarca de Lugo gañou poboación nestes anos e fíxoo só co impulso de Lugo e Outeiro de Rei. Isto é, da principal cidade e do único concello da comarca con máis de 5.000 habitantes.
A realidade demográfica tradúcese, como no conxunto de Galicia, nunha diminución sostida da poboación moza que, ao tempo, tende a marchar cara ás cabezas de comarca ou ás cidades -no caso de ficar en Galicia-. Faino tras acadar, maioritariamente, un nivel formativo por riba da ensinanza obrigatoria, isto é: Bacharelato, Formación Profesional ou carreiras universitarias, segundo a Enquisa de Poboación Activa.
A poboación destinataria: persoas mozas e con estudos
O proxecto busca inverter a tendencia de que o Sistema de Garantía Xuvenil só ofreza inserción en postos de baixa cualificación
Non en van, atendendo á propia EPA, máis de nove de cada dez persoas mozas da provincia que non están activas no mercado laboral é porque están a estudar. Este é o sector de poboación onde pon o foco o plan Prende!, que detectou tamén que entre as arredor de 10.000 persoas mozas inscritas na provincia de Lugo no Sistema de Garantía Xuvenil, o plan de formación e emprego para xente moza impulsado dende a UE, a tendencia xeral, especialmente nos concellos de menos de 5.000 habitantes, é que a inserción se produza en postos de baixa cualificación e, fundamentalmente, no sector servizos.
O proxecto 'Prende!', con inscrición aberta ata o 20 de xaneiro, incorporará 60 persoas á formación en catro áreas profesionais e, nunha segunda fase, ofrecerá oito meses de experiencia laboral en empresas
Sobre esta base estatística e demográfica vén de poñerse en marcha o plan Prende! Bota raíces no rural, no que o primeiro requisito de acceso é ter menos de 30 anos, ter o padrón actualizado nun dos devanditos concellos da provincia de Lugo de menos de 10.000 habitantes con saldo demográfico negativo -a listaxe íntegra pódese consultar aquí- e inscribirse no devandito Sistema de Garantía Xuvenil. Os trámites poden facerse na sede electrónica da Deputación lucense ou presencialmente, na súa sede central do Pazo de San Marcos. O prazo de inscrición está aberto ata o 20 de xaneiro de 2020, atendendo ás súas bases e á súa posterior ampliación.
Poderán acceder ao programa ata 60 persoas que terán formación en catro sectores: enerxías renovables na Mariña; hostalería e turismo na Ribeira Sacra, xestión forestal na Montaña e Agricultura e Gandaría en explotacións gandeiras do centro da provincia. "As persoas interesadas nunha formación que non se desenvolva na súa zona poderán participar igualmente" e "a maiores, tamén se ofrecerá unha acción formativa específica en autoemprego", explican dende a Deputación.
Formación e contratación en empresas
A formación do plan 'Prende!' céntrase nos sectores das enerxías renovables, hostalaría e turismo, xestión forestal e mais agricultura e gandaría
Unha vez seleccionadas as 60 persoas pola Comisión de Valoración do programa, formada por persoal público, comezará a fase de formación. Nel, as mozas e mozos participantes no programa aprenderán os oficios nos devanditos sectores durante catro semanas cunha axuda de 14 euros diarios.
Na segunda fase do proxecto Prende! entrarán en xogo empresas e entidades da provincia vinculadas aos sectores nos que as persoas participantes do plan recibiron formación. Co obxectivo de "adquirir experiencia laboral", as empresas recibirán 4.410 euros por persoa contratada para formaren parte dos seus planteis durante 8 meses. No caso das persoas que opten por impulsaren un negocio de seu, a institución provincial prevé "unha axuda de 5.510 euros para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.
Co obxectivo de espallar a fase formativa do proxecto, pero tamén de achegalo ás empresas, o proxecto Prende! Bota raíces no rural prevé colaborar con diversas entidades empresariais e do rural lucense. Por este motivo, o pasado novembro xa recibiron unha primeira presentación representantes de organizacións como a Asociación de Xóvenes Empresarios, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, Unións Agrarias, Asociación Sectorial Forestal de Galicia, Cruz Vermella ou Confederación de Empresarios de Lugo.