Trabada ofrece vivenda de balde a familias con nenos de 3 a 6 anos para salvar a unidade de Infantil do seu colexio

Actividade realizada no CEIP Celso Currás de Trabada © CEIP Celso Currás

Hai unhas semanas o Concello de Trabada, na Mariña Oriental, recibiu con preocupación a nova de que podía perder a unidade de Infantil no seu colexio, o CEIP Celso Currás. O centro conta con 33 nenos e nenas matriculadas, entre Infantil e Primaria, pero para o vindeiro curso tan só están inscritos dous nenos e nenas entre 3 e 6 anos, lonxe do mínimo de seis fixado pola Xunta para manter aberta a aula. 

Para o vindeiro curso tan só están inscritos dous nenos e nenas entre 3 e 6 anos, lonxe do mínimo de seis fixado pola Xunta para manter aberta a aula

O Concello decidiu reaccionar, sumando ás axudas e incentivos cos que xa contaba para fixar poboación nova na localidade, a oferta dunha vivenda de balde para aquelas familias que teñan "dous ou máis fillos/as con idades comprendidas entre tres e seis anos que se asenten en Trabada e que escolaricen aos nenos/as no CEIP Plurilingüe Celso Currás". O colexio necesita catro matrículas máis antes de que remate o mes de xullo para manter os servizo que está a prestar na actualidade.

A situación que vive Trabada é compartida por moitas localidades da zona rural, mesmo por colexios situados ben preto dos núcleos urbanos, coma o de Verducido (Pontevedra). Na última década, sete de cada dez concellos sufriron recortes de profesorado. Trabada é un concello envellecido, cunha media de idade de algo máis de 55 anos (55,47) e unha porcentaxe de poboación menor de 20 anos que non chega ao 10% (9,17%), uns indicadores que empeoran a media galega (47 anos e 15% de poboación nova), pero que non chegan aos niveis dunha parte importante das localidades de Lugo e Ourense. E as súas opcións de reverter esta situación pasan por manter os seus actuais servizos públicos, comezando polo colexio.

"No momento en que nun centro de ensino rural se perde unha unidade, despois é moi difícil recuperala", subliña a alcaldesa

A falta de matriculas en Infantil está provocada polo baixo número de nacementos nos últimos anos, catro entre o 2014 e o 2016, moi lonxe dos vinte que houbera entre 2011 e 2013. En 2017 naceron cinco nenos e nenas, e os menores de 3 anos suman un total de 14, polo que no curso 2020-21 a continuidade da aula de Infantil podería estar asegurada, pero pode que iso dependa de que a unidade se manteña no curso que comezará este outono. "No momento en que nun centro de ensino rural se perde unha unidade, despois é moi difícil recuperala", subliña a alcaldesa de Trabada, Mayra García.

Exterior do CEIP Celso Currás de Trabada © CEIP Celso Currás

"Ten que haber vida, ten que haber actividades para todos, e a xente ten que sentirse orgullosa de onde vive. Isto tamén é moi importante"

García fai un chamamento aos veciños e veciñas de Trabada para que escolaricen os seus nenos e nenas no colexio da vila. O Concello salienta a alta calidade do ensino que ofrece o CEIP, que este curso se converteu nun Centro Plurilingüe, contando cun auxiliar de conversa de nacionalidade británica. Igualmente salienta que "dado o ambiente familiar, ofrécese atención personalizada e foméntase a integración do alumnado" e que o centro conta coas mellores instalacións, con zonas verdes, horto ecolóxico, pavillón cuberto ou biblioteca. Finalmente, o colexio "fomenta o coñecemento e defensa do medio natural e de hábitos ecolóxicos e alimentación saudable".

"É unha comunidade escolar moi activa e está traballando moi ben para que os nenos e as nenas de Trabada teñan as mesmas oportunidades das que carecen outros rapaces e rapazas de concellos pequenos”, destaca a alcaldesa, que salienta a colaboración que manteñen Concello e colexio para a organización continua de actividades gratuítas para os rapaces e rapazas: campamentos de verán, programas de conciliación ou Punto de atención á infancia de 0 a 3.

A alcaldesa pídelle á Xunta "que non peche a unidade, xa que a escola pública é fundamental para manter o futuro do rural"

Mayra García fai fincapé na importancia de que os concellos rurais conten cos mellores servizos no ensino, sanidade ou transporte público, pero tamén na oferta de actividades, de ocio ou de cultura. "Temos que promover que haxa servizos no rural. Se a xente se ten que desprazar fóra para traballar, e se ten que desprazar porque non hai servizos e se ten que desprazar porque non hai unha oferta cultural para todas as idades, pois acaba marchando e ao final non quedará ninguén". "Ten que haber vida, ten que haber actividades para todos, e a xente ten que sentirse orgullosa de onde vive. Isto tamén é moi importante", engade.

A alcaldesa pídelle á Xunta "que non peche a unidade, xa que a escola pública é fundamental para manter o futuro do rural". A rexedora anuncia ademais que nos vindeiros meses se publicarán -coma nos dous anos anteriores- as bases de axudas ás familias de fomento da natalidade ofrecendo 800€ por nacido e familia empadroada (400€ ao nacer e 400€ no momento de escolarizarse no colexio público de Trabada), engadido ás axudas para a compra de material escolar nos cursos de educación infantil.

33 nenos e nenas están matriculadas no CEIP Celso Currás de Trabada © CEIP Celso Currás

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.