"Non se pode prohibir a IA no ensino; a clave é a formación, do profesorado e do alumnado"

Francisco Bellas, durante os seus traballos coa UNESCO CC-BY-SA UDC

Francisco Bellas é catedrático da UDC e profesor e investigador do CITIC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da universidade coruñesa. Este ferrolán leva 25 anos investigando no campo da intelixencia artificial (IA) e imparte materias sobre a aprendizaxe automática e a robótica autónoma. 

Especializado nos últimos tempos no eido da robótica educativa e a IA aplicada ao ensino, participa como asesor sobre alfabetización en intelixencia artificial para diferentes institucións, como a Xunta ou o Consello de Europa, e colabora coa UNESCO no deseño dun programa internacional para favorecer unha integración ética e eficaz da IA na educación.

Poucos mellores para falar de vagar sobre a introdución da IA nas aulas e sobre a súa proliferación nos últimos anos entre o estudantado. Segundo o último informe PISA, máis dun terzo dos e das alumnas galegas úsana cada semana para os traballos de clase.

Está a mudar a intelixencia artificial (IA) o ensino, as aulas?

Isto xa pasou no pasado con outras tecnoloxías que fixeron cambiar os métodos de aprendizaxe. Penso en internet, na oportunidade que tiña o estudantado co famoso El rincón del vago. Parecía que xa non servía para nada ningunha outra ferramenta. Houbo unha temporada na que os estudantes utilizaban moito aquilo, pero a clave foi que os docentes empezaron a adaptar o tipo de traballos para que xa non tivese moita utilidade. Aquí está pasando un pouco o mesmo, coa diferenza de que a IA é moito mellor que El rincón del vago. 

Francisco Bellas, impartindo un obradoiro coa UNESCO CC-BY-SA UDC

Pero non é a IA un risco moito maior para a aprendizaxe do alumnado?

Obviamente, se se pode suplantar a identidade do estudante entramos nun risco que non había, pero é inevitable. Eu sempre fago a mesma reflexión: se nós, os adultos, tivésemos no noso tempo de estudantes as ferramentas que agora ofrece a IA tamén as empregaríamos. É obvio. Se ves que o teu compañeiro as usa e leva a mesma nota ca ti pero empregando cinco minutos no que a ti che leva dúas horas, ninguén se vai negar a empregalas.  

"Non se pode prohibir a IA ao alumnado; nós, os adultos, tamén a utilizaríamos se puidésemos nos nosos tempos de estudantes"

Non semella que a solución sexa prohibir o seu uso...

A cuestión non é usala ou non usala, iso é moi complexo. Non se pode prohibir porque os estudantes non queren ese tipo de comparacións, non queren estar en inferioridade cun compañeiro. A situación é a que é, non a podemos evitar. 

Que se pode facer de maneira urxente para evitar ou paliar o impacto do uso da IA no alumnado?

Dúas cousas: a primeira é que o profesorado sexa consciente do que poden facer os estudantes coa IA, de como funciona. Deben coñecer as ferramentas que teñen ao seu alcance e cambiar aquelas metodoloxías docentes que estaban a utilizar. Paga a pena mandar facer un traballo na casa que poden facer directamente coa IA? Sabes que teñen esa posibilidade e que a van usar na casa, así que que cambiar. Agora ben, entendo que para algunhas materias e, sobre todo, en certas idades, por exemplo na educación primaria, o problema é moi complexo. 

Por que?

Nese caso interfire directamente no que queremos que o alumando aprenda: ler, escribir, redactar, pensar... Agora ben, se pensamos no alumnado universitario entramos noutro ámbito, porque aquí debemos ter en conta que a van acabar utilizando profesionalmente no seu futuro. Diferentes idades teñen diferentes estratexias. E os docentes teñen que aplicar o que corresponde para cada etapa educativa. O primeiro, daquela, é mudar as metodoloxías. 

"O profesorado debe ser consciente do que pode facer o alumnado coa IA e das ferramentas que ten ao seu alcance e cambiar as súas metodoloxías docentes"

E o segundo?

Ensinar ao alumnado a utilizar esas ferramentas, a que se decaten de ata que punto fan todo por eles e en que punto deixan de aprender, erran e xa non se poden fiar. Porque nesta altura é todo unha selva, non hai moito criterio, e hai moitos exemplos de estudantes que usan mal a IA. Se a pregunta é se podemos evitar o uso da IA? Non, non o podemos evitar. O que temos que facer é tratar de adaptar toda a educación a esta nova situación e, obviamente, todas as mudanzas levan un tempo. A non tardar, a situación será moito máis estable. 

Daquela, a clave é a formación, tanto do alumnado como do profesorado?

100%. Sobre todo mentres non teñamos unha regulación que nos indique claramente que podemos facer e por onde ir, que marque a liña ás empresas, que fan un pouco o que lles peta; mentres a situación non estea de todo clara, na educación o fundamental é formar os estudantes. Darlles uns conceptos xerais do que son as ferramentas de IA. 

Francisco Bellas CC-BY-SA UDC

Pero para iso haberá que formar antes os docentes...

Claro. A maneira de chegar a todo o mundo é a través dos docentes e hai que formalos. Sei que son moitas e moi distintas as administracións en toda Europa que están levando a cabo programas para chegar a todo o profesorado, pero é complexo. Debe ser a primeira vez na historia que unha materia, unha formación, é requirida por todos os docentes e de todos os niveis. Cadaquén cos seus coñecementos previos e coas súas destrezas informáticas. Non é unha tarefa fácil, pero o camiño é ese: abordar a formación dos docentes, logo dos estudantes e logo, o que veña. Cando esteamos no seguinte paso, xa estaremos preparados. 

"O fundamental no ensino ante o auxe da IA é a formación, do profesorado e do alumnado; hai que darlles aos estudantes uns conceptos xerais do que son as ferramentas de IA"

Están tomando iniciativas as administracións?

Están traballando nas fórmulas de facelo. En Galicia, por exemplo, a lei de educación dixital indica algo clave: que todas as ferramentas de IA que se utilicen na aula teñen que estar autorizadas pola Consellería. E é fundamental porque un profesor, o primeiro que ten que saber, é en que se debe formar. De pouco serve formarse en algo que logo non vas poder utilizar. A partir de aí, empezarase a artellar unha formación. O problema é como facer para que esa formación chegue a todo o profesorado e cónstame que se está a traballar en como facelo. Estou seguro de que se acabará por lograr. É unha situación que se repite en case todos os sitios: colaboro cun proxecto da UNESCO onde se está a facer isto en diferentes países de Europa e estamos no mesmo punto que aquí. 

É un desafío global.

Por suposto. Un desafío global onde hai países que van máis avanzados ca outros e non precisamente da nosa contorna. En Singapur, por exemplo, levan anos formando profesorado e abordando a IA. Tardaremos un tempo pero primeiro hai que dar coa fórmula, ter as ferramentas, e logo comezar coa formación aos docentes. 

Os resultados do informe PISA amosan un forte descenso nas capacidades a nivel xeral, de forma especial en España e na comprensión lectora. Cres que pode haber algunha relación entre a proliferación do uso da IA con esta baixada, como suxiren algunhas voces?

Creo que esa relación pode aparecer nun futuro, pero non nestes últimos resultados, que fan referencia a unha etapa onde o estudantado non levaba tanto tempo traballando con IA xerativa. Ademais, o informe PISA analiza os resultados de alumnado de secundaria e o uso da IA foi e aínda é moito máis habitual entre os universitarios, por exemplo. Outra cousa é cando pase un tempo. 

Pode ter impacto?

No futuro si que pode ser que o mal uso da IA poida influír no rendemento escolar. Se non mudamos as metodoloxías, se seguimos mandando traballos para facer na casa que se poden resolver cunha ferramenta de IA, un estudante non aprenderá absolutamente nada. Se non ten que redactar, non ten que razoar e non ten que ler, é obvio que a IA acabará tendo impacto. Por iso é fundamental formar os docentes para que iso non ocorra. Pero eu non botaría a culpa dos malos resultados do PISA á IA, non vexo ningunha relación directa ou importante. As causas son outras. 

"Non botaría a culpa dos malos resultados do informe PISA ao uso da IA, as causas son outras"

Pode poñerme un exemplo dun traballo que ata agora se enviaba facer na casa ao alumnado e que agora sería contraproducente pola posibilidade de uso da IA?

Refírome sobre todo ás materias de ciencias sociais e centradas nas linguas ou na historia, baseadas na lectura e na redacción, na aprendizaxe a base de memorización, que é o que fai, precisamente, calquera destas ferramentas da IA. Ademais, fano cada vez mellor. Se un profesor pretende que o alumno colla un texto, o lea e faga un resumo para sacar as ideas principais, ese traballo debería facerse na aula. Pode que non sexa unha idea marabillosa, pero a día de hoxe é o que funciona. E igual ese mesmo profesor ten que prescindir algo do seu labor habitual, dunha explicación longa, dunha clase maxistral na aula. Hai que aproveitar as horas para facer o traballo que antes se mandaba para a casa. 

É un cambio moi importante...

Entendo que non é sinxelo, que require darlle voltas ao teu labor, á forma de aprenderlles, pero en certos niveis educativos e cursos é unha solución que funciona. A partir de aí, haberá que crear materiais diferentes para que o alumnado os revise na casa, a través de vídeos, con temáticas multimedia...

E aí é onde a IA pode ser moi beneficiosa?

Claro. Coa IA pódense crear materiais case personalizados para cada estudante. Un exemplo pode ser este: o alumnado atende e traballa sobre eses materiais multimedia na casa e logo na aula fai unha actividade que reforza iso que aprendeu fóra, engadíndolle explicacións e resolvendo dúbidas. Esta é agora a única metodoloxía que eu podo recomendar. 

Mozas cos seus teléfonos móbiles © Santi Alvite/USC

Esa mudanza metodolóxica implicará outros cambios no futuro das aulas?

Pois, se cadra, que teñamos que ter unha hora e media de clase en lugar de unha. Iso si que pode ser unha consecuencia. Con todo, haberá materias e niveis educativos onde o uso da IA non supoña tanto problema e haberá que abordalas doutro xeito. Na universidade, por exemplo, dáme un pouco igual se usan a IA ou non se logo o alumnado ten que demostrar nunha exposición ou exame oral que entendeu do aprendido e como fixo. Mesmo como usou a IA. Non me interesa en ningún caso que todo o fagan ferramentas de IA, pero si podería incorporalas ás miñas clases se logo engado unha revisión extra que ata agora non estamos facendo. 

"Un traballo para a casa que consista en ler e resumir un texto? Debería facerse na aula porque agora, fóra, xa teñen a IA"

A IA dá tamén unhas enormes posibilidades para a aprendizaxe que se cadra non se teñen en conta. Non é todo negativo, non é?

Obviamente. E iso é no que nos deberiamos centrar cando ensinamos a usar a IA. Se a un profesional lle dou un curso de IA, aprendereille o que é relevante para o seu labor docente; se o curso é para un estudante, ensinareille o que lle pode axudar para estudar. De feito, ter unha IA na casa, se se sabe usar, é como ter un profesor para ti, particular, 24 horas, que sabe o que podo facer e que coñece o meu historial e o que fixen no pasado. E que ademais pode atender moitas peticións que un profesor particular non. 

Poña un exemplo.

Se un quere realmente aprender e potenciar o estudo coa IA, ten moitas posibilidades. Por exemplo, pedíndolle que che cree exercicios de exame para practicar, que che axude a corrixir, a darche as solucións ás probas que ti fas... É moi, moi positivo. E hai estudos que demostran que funciona, que pode axudar na organización para o estudo. Pero hai que explicarlles aos estudantes como aproveitar estas ferramentas ben. Buscar viaxes con ferramentas de IA xerativa xa saben, pero trátase de que tamén saiban usalas para mellorar o seu rendemento académico. 

Se cadra un dos problemas principais coa proliferación da IA é xeracional. Haberá moito alumnado que ten moito máis coñecemento dela que o profesorado e, por suposto, que seus pais. 

Esa é outra das claves, outra das cousas que hai que abordar. Que criterio tes ti como pai para dicirlle algo a teu fillo sobre o uso da IA se el sabe usala e ti non tes idea? Pois iso ocorre porque a fenda que hai entre moitas familias e os seus fillos no uso da tecnoloxía é moi grande. Pensemos nas redes sociais ou nos teléfonos intelixentes, pero é que coa IA é aínda maior. Só os pais que amosen algo de interese entenderán o que supón isto, pero a moitos pareceralles ciencia ficción. 

"A IA ofrece moitas posibilidades para aprender e potenciar o estudo; trátase de que o alumnado sabia utilizar as súas ferramentas para mellorar o seu rendemento"

E no caso do profesorado?

Todo o profesorado, queira ou non, deberá saber sobre a IA. É parte da súa profesión e afecta directamente ao seu labor e a aprendizaxe do alumnado. Non é algo optativo que non se poida facer. Pero aquí a solución é formalos, no caso dos pais hai que intentalo tamén.

Como?

No CTIC temos un proxecto moi interesante ao respecto que coido que é interesante: intentar chegar ás familias a través das ANPA, ofrecendo unha formación básica sobre a IA a pais e nais, sobre o que supón para os seus fillos, sobre o que se pode facer e o que non, sobre os riscos... Co obxectivo de que poidan aconsellar e educar porque, se non facemos nada, esa fenda entre pais e fillos cada vez vai ser maior. 

Semella todo un reto...

Creo que é o labor máis importante que podemos facer neste ámbito desde as universidades porque para o resto xa están as administracións públicas, a Consellería de Educación... É fundamental chegar ás familias e estamos buscando a maneira de facelo, de contar con axuda pública para chegar ás ANPA. E debemos facelo xa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.