A Xunta simula entrevistas de traballo con intelixencia artificial para adestrar persoas desempregadas

O conselleiro de Emprego, José González Vázquez, comprobando nunha oficina de emprego o uso da IA para simular entrevistas de traballo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Consellería de Emprego tamén facilita a demandantes de emprego a elaboración de currículos con IA

Hai catro anos a Consellería de Emprego comezou a desenvolver un proxecto de aplicación da intelixencia artificial (IA) ao mercado laboral para identificar as súas necesidades "en tempo real para axustar a oferta á demanda". No marco dese proxecto vén desenvolvendo diversas aplicacións da IA, como suxerir ofertas de emprego a persoas desempregadas ou demandantes de emprego ás empresas que ofertan postos vacantes. E agora dá novos pasos como o uso da IA para a elaboración de currículos ou simular entrevistas de traballo coas que adestrar a demandantes de emprego.

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, presidindo en ausencia de Rueda o Consello da Xunta deste martes 13 de outubro de 2026 CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

O Consello da Xunta -sen o presidente, Alfonso Rueda, desprazado a Bruxelas para unha reunión do Comité das Rexións- analizou este martes un informe da Consellería de Emprego que fai balance do uso da intelixencia artificial no sector e avanza que nos próximos días se porá en marcha unha aplicación móbil para facer máis accesibles eses recursos ás persoas demandantes de emprego.

Hai uns días a Xunta sinalaba que os simuladores xa están dispoñibles en 17 das 54 oficinas de emprego de Galicia

Segundo Emprego, entre os sistemas que estarán dispoñibles na aplicación, aberta a toda a cidadanía, atópase o que "permite ás persoas demandantes de emprego practicar entrevistas nunha contorna segura e similar á dun proceso real, a través dun avatar que formula preguntas e facilita o adestramento de competencias como a comunicación, a argumentación da experiencia profesional ou a presentación do perfil profesional". "Ao finalizar a simulación, o sistema xera un informe coas fortalezas identificadas e os aspectos susceptibles de mellora, que posteriormente son traballados coa orientadora ou orientador laboral", engade a consellería, que hai uns días sinalaba que os simulares xa estaban dispoñibles en 17 das 54 oficinas de emprego de Galicia. 

Unha oficina de emprego en Galicia CC-BY-SA Fernando Losada Rodríguez

A Xunta tamén facilita "un xerador de currículos baseado en IA", un sistema que adapta o currículo "ás distintas ocupacións a partir das competencias reais de cada persoa, ordenando e traducindo a súa experiencia á linguaxe coa que se describen os postos de traballo, co obxectivo de facilitar a adecuación do seu perfil ás ofertas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.