Un letrado e un interventor da Xunta discrepan do proceso para contratar unha intelixencia artificial que busque emprego a parados

Alfonso Rueda e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, este martes coa Confederación de Empresarios de Galicia na sinatura do acordo polo que a patronal se unirá ao sistema de intelixencia artificial na busca de emprego da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente Rueda asinou este martes un acordo coa patronal para que se incorpore a unha nova ferramenta tecnolóxica que con algoritmos relacione ofertas e demandas de emprego, un sistema aínda non adxudicado nun concurso no que dous altos funcionarios formularon votos discrepantes

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da patronal galega, Juan Manuel Vieites, asinaron este martes en Santiago un acordo para que a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) participe dun xeito aínda non desvelado nunha nova ferramenta tecnolóxica que porá en marcha o servizo galego de emprego. Será un sistema de intelixencia artificial que segundo a Xunta identificará “as necesidades do mercado laboral en tempo real para axustar a oferta á demanda” e axudar a que persoas paradas e empresas demandantes deses perfís entren en contacto.

O propio Alfonso Rueda indicou que o sistema informático está a piques de ser adxudicado por 5,7 millóns de euros (4,7 millóns sen IVE). Porén, o concurso público que a Xunta convocou para contratar o sistema rexistrou unha incidencia salientable que poucas veces se produce. Dous dos membros da súa mesa de contratación, un letrado e un interventor, formularon votos discrepantes contra a decisión do resto de membros de eliminar por suposta baixa temeraria a oferta que formulou Telefónica, que propuxo facer o traballo por 3 millóns. Pola contra, a mesa de contratación propuxo que a adxudicataria sexa Altia Consultores, empresa do ex-presidente do Deportivo Tino Fernández, que ofertou 4,2 millóns.

Voto particular do letrado representante da Asesoría Xurídica da Xunta, secundado polo interventor CC-BY-SA Praza Pública

O concurso público para dotarse dun sistema de intelixencia artificial e analítica avanzada que axude a relacionar oferta e demanda no eido do emprego aprendendo da súa propia evolución foi lanzado pola Consellería de Emprego o pasado xaneiro. A propia memoria xustificativa do contrato admite a sensibilidade dos datos que se manexarán e salienta que o sistema “en todo momento debe manter os principios de igualdade e non discriminación que rexen os procesos de intermediación dos servizos públicos de emprego”.

Polo tanto, engade, “debe terse en conta o nivel de documentación e transparencia suficiente á hora de definir os algoritmos que resulten de aplicación, como para permitir a verificación, control e auditoría destes procesos, ao tempo que deben preverse os mecanismos de corrección necesarios para evitar nesgos na súa aprendizaxe, evitando que por este motivo se poidan producir desequilibrios no noso mercado laboral”.

A mesa de contratación decidiu eliminar a oferta de Telefónica por considerala anormalmente barata e propuxo adxudicar o contrato a Altia Consultores, do ex-presidente do Deportivo Tino Fernández

Ao concurso, cun máximo de 5,7 millóns de euros con IVE ou 4,7 sen IVE, presentáronse cinco ofertas. As dúas máis baixas, de Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España SA, con 3 millóns de euros, e Hiberus IT Development Services, con 3,5 millóns, foron consideradas desproporcionalmente baixas, polo que a mesa de contratación requiriu ás dúas empresas para que en só tres días lle entregase un informe co que xustificasen mellor as súas ofertas. Tras analizar ese informe, considerouse que houbera un erro na valoración da oferta de Hiberus e realmente a súa non era unha baixa desproporcionada. Pero no caso do informe de Telefónica houbo discrepancias.

Unha oficina de emprego CC-BY-SA Praza.gal

A mesa de contratación acordou formalmente propoñer á Consellería de Emprego “a exclusión [de Telefónica] por non xustificar axeitadamente a súa oferta e considerar que non pode ser cumprida como consecuencia da inclusión de valores anormais”. Decisión que baseou nun informe do subdirector xeral de Colocación da consellería sobre os argumentos dados polas empresas que salienta a “falta de xustificación concreta da diminución de horas de dedicación do equipo de traballo así como a falta de acreditación na xustificación presentada da cobertura ou financiamento de todos os custos que implica a execución do contrato”. 

A decisión foi tomada por unha mesa de contratación formada por unha subdirectora xeral como presidenta, co subdirector xeral de Colocación como técnico asistente, cun xefe de sección como secretario e con catro vogais: un letrado da asesoría xurídica, un interventor delegado, unha xefa do servizo de contratación e unha traballadora de base nunha oficina de emprego. Pero dese pronunciamento final da mesa desmarcáronse con cadanseus votos particulares, algo que moi poucas veces ocorre nos procesos de contratación, o letrado e o interventor, dous altos funcionarios que deben garantir a obxectividade e independencia das decisións da administración. 

Ofertas recibidas no concurso para a intelixencia artificial que quere a Consellería de Emprego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O letrado da Asesoría Xurídica da Xunta considera, no seu voto particular secundado polo interventor, que "Telefónica xustificou, no breve prazo que lle foi conferido, a viabilidade e seriedade da súa oferta"

O interventor limítase a solicitar que conste en acta o seu voto contrario á decisión tomada pola mesa de excluír a Telefónica e remítese aos argumentos que formula o letrado. E o que di este é que ao seu xuízo “Telefónica xustificou, no breve prazo que lle foi conferido, a viabilidade e seriedade da súa oferta e, en concreto, que os gastos de persoal -os máis relevantes (78,2%) dos totais nesta licitación- axústanse ao convenio colectivo estatal aplicable”. Segundo di, atendendo á “doutrina consolidada” do tribunal administrativo de contratos “debería aceptarse dita xustificación e aplicar os mecanismos de seguimento previstos” ou “en caso contrario, solicitar as aclaracións e/ou a información complementaria que considere necesarias”.

A proposta da mesa foi emitida o 13 de xuño pero un mes máis tarde aínda non foi feita pública a adxudicación

O letrado da Xunta tamén engade que non lle parece razoable excluír a Telefónica e ao mesmo tempo manter a proposta da outra empresa con dúbidas, Hiberus, malia que as súas xustificacións tamén limitasen os gastos en persoal.

Malia os votos discrepantes do interventor e o letrado, a mesa decidiu propoñer á consellería a adxudicación do contrato a Altia, coa oferta mellor valorada unha vez eliminada Telefónica malia ser a máis cara. A proposta da mesa foi emitida o 13 de xuño pero un mes despois aínda non foi feita pública a adxudicación, algo que segundo dixo este martes Rueda será inminente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.