Galicia rexistra o seu maior nivel de emprego dende 2009, pero con cinco veces máis contratos indefinidos

Unha traballadora fai labores de desbroce nas cubertas dun edificio da Cidade da Cultura, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A afiliación media á Seguridade Social chegou o pasado mes de xuño en Galicia aos 1,048 millóns de persoas. Hai que remontarse a hai trece anos, a xullo do ano 2009, para atopar unha cifra semellante de ocupación no país. Así o reflicten os datos divulgados este luns polos ministerios de Traballo e de Seguridade Social, segundo os cales existen varias diferenzas a respecto do mercado laboral daquel verán de 2009: hai menos poboación no paro e a contratación indefinida quintuplica á que se rexistraba daquela.

É sabido que a crise demográfica na que se atopa Galicia impide que, ao contrario do que sucede no total estatal, os datos absolutos de afiliación á Seguridade Social superen os rexistrados antes da crise financeira internacional de 2008. Así e todo, resulta significativo non só esta cifra semellante á de 2009, senón tamén a evolución interanual entre o pasado xuño e o de 2021: hai unhas 26.800 persoas afiliadas máis que daquela, o que supón un incremento do 2,62%. 

Este crecemento interanual é, así e todo, máis cativo que a media estatal, que chega ao 4,25%. Non sucede o mesmo na evolución mensual, moi impulsada polo sector turístico: o dato galego de afiliación avanza un 0,75% e a media estatal queda no 0,57%.

A contratación indefinida medra por riba do 300% interanual

A contratación temporal cae un 35% a respecto do mesmo mes de 2021

Como vén sucedendo dende a entrada en vigor da reforma laboral, o indicador máis rechamante das cifras de emprego chega pola banda da contratación. Segundo o Ministerio de Traballo, Galicia rexistrou o pasado xuño 29.795 contratos indefinidos (incluíndo conversións de temporais a esta modalidade) e 50.547. Isto supón que a contratación indefinida medra, por segundo mes consecutivo, por riba do 300% interanual. Mentres, a contratación temporal é un 35% inferior á que se rexistraba no mes de xuño do 2021.

En comparación con xullo de 2009 -a última ocasión en que o número de persoas a traballar foi semellante ao actual-, os novos contratos indefinidos multiplican por 4,97 os rexistrados daquela (case 29.800 fronte a 6.000). Mentres, os temporais son moitos menos: algo máis de 50.000 fronte a case 76.500.

Foron, daquela, algo máis 80.000 contratos asinados en Galicia durante o mes de xuño e neles ten un peso fundamental o sector servizos, moi ligado á campaña turística: foi o que achegou case 63.000 contratos. Mentres, na industria houbo 11.703 contratos, a construción quedou en 3.377 e o sector primario (agro, pesca), en 2.331.

Paro rexistrado por baixo do verán de 2008

Mentres, as cifras de paro rexistrado (das persoas inscritas como demandantes nas oficinas de emprego) tamén melloran. A crise demográfica tamén inflúe en que sexan menores ás do verán previo á crise de 2008, pero alén dese matiz, a súa evolución tamén é positiva en termos intermensuais e interanuais. As 140.932 persoas rexistradas no paro son 5.188 menos que en maio, o que supón un descenso superior á media estatal (-3,55% fronte a -1,45%) e 16.786 menos que en xuño de 2021 (diminución do 10,64% e na media estatal, do -20,30%).

A Xunta destaca que a cifra de paro é "a terceira máis baixa" dende que hai datos comparables e a dirección estatal do PP teima en que reflicte unha realidade "maquillada"

Como no caso da afiliación á Seguridade Social, o sector servizos tamén é clave no descenso dos datos do paro rexistrado. Segundo o Ministerio de Traballo, en maio o desemprego diminuíu en 3.673 persoas nese sector, mentres que na industria o descenso foi de -814, no sector primario de -337 e na construción, de -297.

Diante destes datos, a Xunta pon o foco en que a cifras de paro rexistrado é "a terceira máis baixa de toda a serie histórica de datos", que comeza en 1996, xa que "só houbo menos paro en xullo e agosto de 2007 con 139.998 e 140.299 desempregados respectivamente". A Consellería de Promoción do Emprego destaca tamén que "a contratación crece en xeral nun 15,51%, tamén un aumento superior ao do Estado". Mentres, dende o PP estatal, a súa dirección teima en que estes datos trazan unha "realidade maquillada", como xa fixera en meses pasados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.